ABERTO O PRAZO PARA ENVIAR CURTAS 20/01/2017

A asociación FICBUEU vén de abrir o prazo para a presentación de obras ao 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra), que se desenvolverá entre o 9 e o 17 de setembro co apoio do Concello de Bueu, entre outras administracións e entidades. As bases prevén ampliar de seis a nove as seccións paralelas, que se configurarán unha vez resulten seleccionados os vinte filmes da sección oficial.

Ata o 1 de abril permanecerá aberto o prazo para o envío das curtas, que este ano se fará a través da plataforma Shortfilmdepot. Poderán presentarse traballos estreados a partir do 1 de xaneiro de 2015, cunha duración que non supere os 30 minutos. O 15 de maio daranse a coñecer as obras seleccionadas, que serán valoradas por un xurado internacional. Está previsto repartir uns 5.000 euros en premios, sumando os destinados a centros educativos.

As bases do FICBUEU 2017 recollen a proxección de ata 65 filmes, que sumarían aos vinte do concurso outros 45 das seccións paralelas: Galicia, Panorama, Latinoamérica, Comedia, Animación, España, Familiar, Emerxentes e Festival convidado, das que as catro últimas supoñen unha novidade. O obxectivo é contribuír á promoción das mellores curtametraxes realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional, así como ao impulso dos novos valores, prestando especial atención aos cineastas galegos. No entanto, a organización está a traballar na configuración dun programa máis amplo para conmemorar o décimo aniversario.

Volver arriba