ÁREA SOCIAL CO APOIO DE “la Caixa” 26/04/2017

A Área Social do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu continuará achegando os efectos positivos do cinema a diferentes colectivos grazas á continuidade da colaboración coa Obra Social ”la Caixa”. O director do FICBUEU, Manuel Pena, e o director de área de CaixaBank en Pontevedra, Manuel Márquez, expuxeron esta mañá en Pontevedra o satisfactorio balance das actividades realizadas ata agora con nenas e nenos hospitalizados, persoas con discapacidade intelectual e maiores usuarios de dous centros de día, ás que proximamente se unirá unha asociación de mulleres.

Manuel Pena lembrou que a Área Social do evento nacía hai un ano co apoio da Obra Social ”la Caixa”, o que permitiu “levar o festival máis alá dos nove días de programación e realizar accións durante todo o ano para afianzar o noso compromiso social, que sempre estivo bastante presente”. Tamén Manuel Márquez apuntou que se decidiron a cooperar tras “detectar puntos de interese común, ao achegar o cinema a rapaces, maiores e outras persoas con necesidades especiais ás que non lles resulta doado asistir ás proxeccións”, xa que na súa entidade tamén conciben “a arte como ferramenta de transformación social”, de aí que para o novo curso decidiran ampliar a súa achega ata os 12.000 euros.

Pola súa banda, Ignacio Cubero, membro do equipo de produción do FICBUEU, precisou que se seguirá traballando nas tres liñas que están en marcha agora mesmo, ás que despois de setembro se engadirá unha cuarta. Trátase das proxeccións que se realizan cada mes na Unidade de Pediatría do Álvaro Cunqueiro (Vigo), para rachar coa rutina das nenas e nenos hospitalizados transmitíndolles ao tempo valores positivos a través dos filmes. Tamén mensualmente se visionan curtas coa terceira idade nos centros de día Pescadoira e Contigo (Bueu), que lles serven como entretemento pero tamén para traballar habilidades cognitivas.

A terceira das accións protagonízana as mozas e mozos con discapacidade do centro que a Asociación Juan XIII xestiona en Cangas. Agora mesmo están rematando a curtametraxe gravada nos últimos meses para estreala na vindeira edición do FICBUEU, tras a que dará comezo un novo obradoiro cinematográfico. A experiencia amosou a utilidade do cinema como ferramenta de inclusión, e ademais “resultou moi gratificante, inesquecible”, relatou a directora do centro, Teresa Lago, presente na rolda de prensa. A estas intervencións sumarase no último trimestre o traballo coa Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam) Cangas, que tamén se formarán para realizar a súa propia curta, co fin de contribuír ao empoderamento persoal empregando o cine para romper barreiras e reivindicar a súa realidade.

Volver arriba