XURADO INTERNACIONAL 16/06/2017

Especialistas de Chile, Portugal e España chegarán este domingo a Bueu para pasar tres días visionando os 25 filmes da Sección Oficial do Festival Internacional de Curtametraxes, que celebrará á décima edición entre o 9 e o 16 de setembro. A xornalista Pamela Biénzobas, o realizador Antonio Costa e o crítico Javier Tolentino serán os encargados de seleccionar despois as obras gañadoras da Ánfora de Ouro, da Ánfora de Prata e dos doce premios técnicos, mentres que para as mellores curtametraxes galega e española se establecerá un xurado diferente, así como para os premios a centros educativos.

Javier Tolentino é coñecido sobre todo por dirixir e presentar ‘El séptimo vicio’, o programa de cine de Radio 3 do que gravará parte en Bueu, alén de exercer desde hai máis de trinta anos como enviado especial de RNE a festivais de todo o mundo. Colabora asemade en numerosas publicacións especializadas e ten editado varios libros. Conta con recoñecementos coma o do Festival de San Sebastián e traballou en equipos galardoados con Premios Ondas.

António Costa dirixe desde hai dúas décadas o prestixioso Festival de Cinema Avanca e coedita o ‘International Journal of Cinema’. Tamén imparte clase en dúas universidades lusas e é dirixente da Academia Portuguesa de Cinema, entre outras asociacións. Como realizador e director, foi distinguido con preto de 300 premios en certames dos cinco continentes.

Pamela Biénzobas é unha xornalista e crítica de cine nada en Chile que completou a súa formación en París, onde reside na actualidade. Ten colaborado con prensa impresa e dixital por todo o mundo e mesmo fundou a revista ‘Mabuse’. Na Federación Internacional da Crítica Cinematográfica, que vicepresidiu durante cinco anos, encárgase na actualidade dos premios especiais que outorga a organización.

Volver arriba