OBRADOIRO DE CURTAS 26/06/2017

A organización do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu vén de abrir a inscrición no obradoiro cinematográfico que se impartirá na vila do 8 ao 16 de setembro, coincidindo co desenvolvemento do FICBUEU 2017. As e os participantes aprenderán sobre as distintas fases da realización e acabarán gravando unha curta conxunta, que se proxectará nesta décima edición do certame.

A diferenza do pasado ano, desta volta a actividade vai dirixida a persoas de todas as idades, a partir de 16 anos. Para apuntarse cómpre enviar un correo a producion2@ficbueu.com indicando nome completo, idade, teléfono de contacto e enderezo electrónico. A inscrición estará aberta ata o 15 de xullo e logo sortearanse as oito prazas dispoñibles.

O obradoiro será impartido no Museo Massó por dous profesionais con ampla experiencia docente, os realizadores David Hernández e Álex Penabade, que xa se encargaron da actividade na anterior edición do FICBUEU. O resultado foi entón a curtametraxe ‘El arte de elegir’, elaborada de xeito moi participativo por un grupo de adolescentes en pouco máis dunha semana.

Volver arriba