IRMANDADE CON PORTUGAL 28/07/2017

O FICBUEU avanza na senda da internacionalización establecendo un irmandamento co festival de cinema Avanca, que nestes momentos desenvolve a súa 21ª edición en Estarreja. Os filmes premiados o ano pasado amósanse hoxe na localidade lusa, mentres que en setembro será o público de Bueu quen goce das curtas portuguesas.

O Cinema Dolce Vita Ovar acolle ás 17.15 horas a proxección de ‘Piknik’ (Alemaña), ‘Esel’ (Austria) e ‘Eco’ (Galicia), gañadoras respectivamente da Ánfora de Ouro, a Ánfora de Prata e o Premio á Mellor Curtametraxe Galega no 9º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Como contrapartida, o 15 de setembro desenvolverase dentro da programación do FICBUEU 2017 a sección Irmandade. A partir das 18 horas visionaranse no Centro Social do Mar as obras portuguesas ‘Sendas’, ‘A festa do nosso menino São Gonçalinho’, ‘Landing’, ‘Your turn’, ‘Foi o fío’ e mais a brasileira ‘A felicidade mora aquí’. As tres primeiras resultaron premiadas na anterior edición do festival Avanca.

Por outra parte, o corresponsable da programación do FICBUEU 2017, Severiano Casalderrey, atópase nestes intres en Portugal para formar parte do xurado da sección Competición Avanca, canda especialistas do país veciño e de Marrocos. Pola súa banda, o director do certame que se celebra ata o vindeiro domingo en Estarreja, António Costa, participa no xurado internacional do 10º Festival de Curtametraxes de Bueu.

Volver arriba