RELATORIOS SOBRE SERIES E ‘VÉRTIGO’ 4/08/2017

O fenómeno das series televisivas, o filme ‘Vértigo’ de Alfred Hitchcock, a coprodución entre Galicia e Portugal e o primeiro noticiario da produtora pontevedresa Folk centrarán os relatorios programados no marco do FICBUEU 2017. Destacados especialistas achegaranse en setembro ata a vila para conversar con profesionais e co público xeral sobre estas temáticas, complementando así o programa de proxeccións.

Xa no marco da xornada inaugural, que se desenvolverá o sábado 9 a partir das 11 horas cun concerto de bandas sonoras a cargo do trío de jazz ‘A doce Vita’, o profesor José Luis Castro de Paz fará a presentación do ‘Noticiario Folk nº 1’, peza recentemente restaurada que achega a Galicia de 1932 a través de breves reportaxes sobre cultura, deporte, pesca, etc. Coa proxección e o relatorio “O cine republicano en Galicia: Ramón Barreiro e o noticiario Folk” ponse en valor o patrimonio audiovisual e a figura dun dos creadores da produtora de carácter republicano, que durante tres anos plasmou en celuloide as transformacións do país.

O domingo día 10, tamén no Centro Social do Mar, terá lugar ás 19 horas o visionado de ‘Vértigo’, filme de referencia na historia do cinema que posteriormente será analizada polo mesmo Castro de Paz. O experto na obra de Hitchcock introduciranos na complexa intriga psicolóxica do mestre do suspense, chea de simbolismos e lecturas múltiples.

As conferencias continuarán na seguinte fin de semana con “Vivindo en serie. A ficción televisiva no mundo en que vivimos”, charla que se desenvolverá o 16 de setembro ás 12 horas no Museo Massó. A profesora Concepción Cascajosa abordará a capacidade para reflectir os tempos actuais que ten este produto cultural en auxe, que acadou un nivel de produción, interpretación e complexidade nas súas historias imposible de imaxinar hai un par de décadas.

Na mesma xornada, ás 18 horas e no mesmo espazo, impartirase a masterclass “Galicia e Portugal, producir cinema entre os dous lados da fronteira”, a cargo do recoñecido realizador e produtor luso António Costa. O tamén director do Festival de Cinema de Avanca e membro do xurado internacional do FICBUEU 2017, exporá as motivacións e posibilidades para levar a cabo producións conxuntas, ao tempo que dará a coñecer os desafíos que poden proporcionar unha maior e mellor colaboración.

Volver arriba