O FICBUEU RENOVA A SÚA IMAXE 11/08/2017

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu vén de lanzar a nova imaxe desta décima edición, que se desenvolverá do 9 ao 16 de setembro. O ilustrador suízo afincado en Bueu, Marc Taeger, é o autor do orixinal debuxo, que foi adaptado aos materiais gráficos polo estudio Simbolóxico, responsable habitual dos deseños do FICBUEU.

A imaxe que conmemora unha década do certame é a dunha cabeza na que non paran de xirar centos de pezas encaixadas nunha engrenaxe que se foi perfeccionando ao longo destes anos e que sempre está en marcha co afán de mellorar. Con certa inspiración no filme ‘Tempos modernos’ de Charles Chaplin, o mecanismo representa tamén as ideas a bulir acotío na cachola e lémbranos a propia maquinaria do cine. No branco predominante, destacan algunhas pinceladas de cor, entre elas a agulla que apunta ao número 10. Ao tempo, dos ollos desta singular caveira sae un feixe de luz que semella a lámpada dun proxector, mentres que a tipografía feita a man retrotráenos a un traballo artesanal como é o do cinema.

A nova ilustración do FICBUEU xa se pode ver online e as seguidoras e seguidores do certame axiña a atoparán en camisetas e outros materiais promocionais. Coincidindo con este lanzamento, o festival vén de abrir o seu perfil en Instagram, que se suma ao doutras redes sociais, como Facebook ou Twitter, nas que se pode seguir toda a actualidade do evento.

Volver arriba