‘CARNE CRUDA’ NO FICBUEU 26/08/2017

O recoñecido programa radiofónico ‘Carne cruda’ emitirase desde Bueu o vindeiro 16 de setembro nos exteriores do Centro Social do Mar, coincidindo coa xornada de clausura do Festival Internacional de Curtametraxes. O director e presentador do espazo, Javier Gallego ‘Crudo’, entrevistará a profesionais de recoñecido prestixio que se achegarán ata a vila para participar no FICBUEU 2017.

‘Carne cruda’ é un programa crítico e ácido cun gran contido cultural, que conxuga con activismo social, política, actualidade, humor e música. Así será tamén en Bueu, onde contará con actuacións en directo e conversas con diferentes convidados das que o público poderá gozar na rúa a partir das 19.45 horas. Como non podía ser doutro xeito, tamén haberá oco para analizar a décima edición do Festival Internacional de Curtametraxes.

O espazo emítese online tres veces por semana, tanto na súa web como na de eldiario.es, periódico dixital do que forma parte na actualidade. Con anterioridade estivo na grella de Radio 3 e da Cadena Ser, pero hoxe é unha proposta independente financiada sobre todo polos seus oíntes. En 2012 recibiu o Premio Ondas ao mellor programa da radio española e na actualidade conta cun gran número de seguidores nas redes sociais e na súa plataforma de podcast, que agora terán a oportunidade de poñerlle cara ás súas voces favoritas.

‘Carne cruda’ xa estivo presente no FICBUEU en 2012. Naquela quinta edición, o público dedicoulle unha longa e sonora ovación á homenaxe que o programa recibiu no arranque da cerimonia de entrega de premios. Un recoñecemento que se materializou na proxección dun fragmento da película ‘Network’ -a miúdo utilizado no espazo radiofónico- que convida a berrar para desafogar a indignación.

Volver arriba