OS ABONOS XA ESTÁN Á VENDA! 29/08/2017

Os abonos para as proxeccións do 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) permanecerán á venda na web www.ficbueu.com desde hoxe ata o vindeiro día 9, data en que estarán dispoñibles as entradas individuais. As seccións competitivas (Oficial, España e Galicia), que se desenvolverán do 9 ao 15 de setembro no Centro Social do Mar, terán un custo de 2 euros por sesión, o mesmo que a gala de clausura, que se celebrará o día 16 ás 21.30 horas. No caso dos abonos, que conlevan un desconto, os prezos van dos 8 aos 13 euros segundo a modalidade.

Por 8 euros, o Abono Sección Oficial dá acceso aos 25 filmes desta categoría, que se exhibirán de luns a venres ás 19.45 e ás 22 horas, sendo necesario elixir un dos dous horarios no momento da compra. O Abono Competitivas suma a maiores as seis curtas da sección Galicia, programadas para o sábado 9 ás 22 horas, e outra media ducia de títulos da sección España, que se pasarán o domingo 10 en idéntico horario, todo por 11 euros. Por último, cun prezo de 13 euros, o Abono Plus incorpora ademais o acceso á gala de clausura, onde se producirá a entrega de premios, e á festa de peche.

De feito, este ano o público terá acceso gratuíto a máis proxeccións e actividades ca en ningunha das anteriores edicións do FICBUEU, pois todas as seccións paralelas serán de balde e do programa restante tan só se cobrarán 2 euros pola actuación do Cinematómago, que tamén se poderán aboar a través de internet. Para asistir ás seccións 10º Aniversario, Animación, Comedia, Familiar, Irmandade, Latinoamérica e Panorama bastará con retirar a invitación o mesmo día do seu pase no despacho de billetes do Centro Social do Mar. O horario de apertura será: o sábado 9 e o domingo 10 de 10.30 a 13.30 horas e de 17.30 a 22 horas, do 11 ao 15 de setembro só en horario de tarde e o sábado 16 a partir das 17 horas.

As entradas soltas permanecerán dispoñibles online ata as 15 horas do día de proxección ou fin de existencias. Para a venda física anticipada, o despacho de billetes estará operativo do 4 ao 8 de setembro entre as 20 e as 21 horas. As portas da sala abriranse sempre 15 minutos antes do inicio de cada actividade ou proxección e o abono selarase cada día na entrada. O programa do FICBUEU 2017 pódese consultar na web do festival, onde tamén se pode adquirir material de merchandising como camisetas ou bolsas de tea co orixinal deseño desta edición.

Volver arriba