PUNTO DE ENCONTRO COS CINEASTAS 1/09/2017

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu celebrará este ano a súa edición máis internacional, ao contar coa presenza de catorce cineastas chegados de media ducia de países coma Grecia, Francia ou Eslovenia, entre eles un pequeno actor de tan só oito anos de idade. O público poderá atoparse con eles antes e despois das proxeccións no denominado “punto de encontro” do FICBUEU -unha das principais novidades da presente edición-, que se establecerá na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa, onde compartirán experiencias en contacto directo cos convidados.

O sábado 9 de setembro, a partir das 23.30 horas, desenvolverase o debate con autoras e autores das curtas da Sección Galicia, que se proxectarán na sesión previa. Entre o luns 11 e o venres 15 de setembro, haberá dúas opcións para reunirse coas e cos cineastas da Sección Oficial. Quen asista ao primeiro pase, poderá achegarse logo ao coloquio das 21.45 horas. As persoas que opten pola segunda sesión, con anterioridade poden acudir á presentación das curtas que ofrecerán as realizadoras e realizadores ás 21 horas.

Para facilitar a participación na conversa, contarase cunha persoa moderadora e outra tradutora. O punto de encontro, que nos días do festival abrirá as súas portas a partir das 19 horas, albergará tamén, entre outras actividades, a exposición “10 anos de cine”, que conmemora unha década de FICBUEU e na que moitos asistentes se atoparán, así como a barra do certame, onde que poderán tomar un petisco.

Por outra banda, as e os cineastas convidados participarán en actividades programadas especificamente para que poidan coñecer a vila e gozar dos seus atractivos naturais e culturais. Deste xeito, o xoves 14 realizarán unha ruta de sendeirismo por Cabo Udra e o venres 15 viaxarán á illa de Ons, mentres que o sábado 16 navegarán a bordo das embarcacións tradicionais da asociación Os Galos, tres experiencias auspiciadas por Turismo de Galicia. Ese día tamén acudirán ao encontro gastronómico que se desenvolverá na praza de abastos, un show cooking cortesía de Galicia Calidade no que un cociñeiro elaborará en directo un menú baseado en produtos galegos.

Volver arriba