O FICBUEU 2017 INAUGÚRASE SÁBADO 8/09/2017

O 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu abrirase este sábado, 9 de novembro, cunha completa xornada de proxeccións e actividades que se prolongará ata a madrugada. Ás 11 horas comezará a actuación do grupo de jazz A Doce Vita nas inmediacións do Centro Social do Mar, previa á inauguración institucional das 11.45 horas na que, alén das autoridades, tamén estarán presentes os actores Carlos Blanco e Antonio Durán ‘Morris’, alén de membros do xurado e mais directores e directoras das curtas galegas a concurso, como Olga Osorio, Amada Traba, Al Díaz ou David Tembleque.

Na primeira parte do acto proxectarase o “Noticiario Folk nº 1”, con música ao piano composta e interpretada para a ocasión por Severiano Casalderrey. O profesor José Luis Castro de Paz presentará esta peza de 1932 recentemente recuperada polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) mediante o relatorio titulado “O cine republicano en Galicia: Ramón Barreiro e o noticiario Folk”. A continuación, estrearase a curtametraxe “Megalópole”, realizada por mozas e mozas con discapacidade intelectual no obradoiro impartido no centro da Asociación Juan XIII en Cangas, dentro da Área Social do FICBUEU patrocinada pola Obra Social “la Caixa”. O filme está protagonizado por Mónica Camaño, Fran Paredes e Casilda Alfaro.

Tras o acto inaugural, arredor das 13:00 horas abrirase o “punto de encontro” na sala Amalia Domínguez, cunha sesión vermú amenizada pola banda Desconcerto e patrocinada por Bodegas Lodeiros e por Rosa de los Vientos. Ao longo da semana, público e cineastas poderán atoparse neste espazo, que acollerá tamén a exposición “10 anos de cine”, que conmemora unha década de FICBUEU e na que moitas e moitos asistentes se recoñecerán.

A programación continuará pola tarde coas proxeccións da Sección 10º Aniversario con seis cintas que de seguro agradarán ás espectadoras e espectadores porque todas elas foron merecedoras do Premio do Público. Ás 19.45 horas desenvolverase no Museo Massó o encontro con ‘Morris’, Premio Cine Galego na presente edición do festival, e ás 22 horas volverán as curtas no Centro Social do Mar coa Sección Galicia, sesión que terá un custe de 2 euros, mentres que o resto de propostas do día serán con entrada de balde. A última das actividades, denominada Debuxando coa Luz e patrocinada por R, comezará a media noite e estará protagonizada polo ilustrador Luis Davila e máis a Banda de Música Artística de Bueu.

Volver arriba