CHARLAS E RADIO ANTES DA GRAN GALA 15/09/2017

A gala de clausura do FICBUEU será neste décimo aniversario máis internacional ca nunca, ao contar cunha ducia de cineastas chegados de diferentes países, alén de intérpretes autóctonos coma o galego Antonio Durán ‘Morris’ ou a madrileña Nieve de Medina, que recibirán cadanseu premio honorífico no transcurso da velada. No entanto, o programa de mañá contempla actividades previas, como senllos relatorios sobre as series televisivas e sobre coprodución, e mais a realización dun programa de radio ao vivo.

A profesora Concepción Cascajosa ofrecerá a partir das 12 horas no Museo Massó a conferencia “Vivindo en serie. A ficción televisiva no mundo en que vivimos”, na que abordará a capacidade para reflectir os tempos actuais que ten este produto cultural en auxe. Ás 13.15 horas dará comezo no punto de encontro establecido na sala de exposicións o Vermú con CREA, convocado por esta asociación de directores para reflexionar sobre como as historias locais funcionan de xeito global.

Previamente, ás 11.30 horas, as e os cineastas estranxeiros terán a oportunidade de navegar pola ría a bordo das embarcacións tradicionais da asociación Os Galos. A posteriori, arredor das 14 horas, acudirán ao encontro gastronómico que se desenvolverá na praza de abastos, un show cooking no que un cociñeiro elaborará en directo un menú baseado en produtos galegos. Turismo de Galicia e Galicia Calidade patrocinan, respectivamente, estas propostas.

Xa pola tarde, o recoñecido realizador e produtor luso António Costa Valente impartirá a master class “Galicia e Portugal, producir cinema entre os dous lados da fronteira”, que se centrará nas motivacións e posibilidades para levar a cabo producións conxuntas, ao tempo que dará a coñecer os desafíos que poden proporcionar unha maior e mellor colaboración. Será ás 18 horas no Museo Massó e está especialmente indicada para profesionais do sector.

A continuación, desde as 19.45 horas, realizarase ao vivo o programa radiofónico ‘Carne cruda’ nos exteriores do Centro Social do Mar. Javier Gallego ‘Crudo’ entrevistará á actriz Nieve de Medina e a ‘Morris’, un dos actores da serie Fariña sobre o narcotráfico en Galicia, da que tamén falará o seu director, Carlos Sedes. Ademais, a banda Moon Cresta tocará en directo.

Os concertos continuarán no mesmo espazo arredor das 21 horas da man de Tanxugueiras, grupo revelación da música tradicional galega. Unha vez rematada a actuación, comezará a gala de clausura no Centro Social do Mar, onde un orixinal tapiz de flores elaborado pola Asociación Cultural Alfombras de Corpus de Bueu lles dará a benvida ás persoas convidadas e mais ao público. Ante el desfilarán actores e realizadores, amais de autoridades coma o alcalde de Bueu, Félix Juncal; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, en representación das tres administracións que apoian o FICBUEU 2017, canda entidades e empresas da contorna.

O actor César Aldea volverá conducir a cerimonia, na que Severiano Casalderrey porá de novo a música ao piano. Como vén sendo habitual, o acto contará no seu arranque co factor sorpresa para denunciar algunha situación da actualidade social mediante o visionado do fragmento dun filme, mentres que a seguir se proxectará a curta resultante do obradoiro impartido no marco do 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

Na primeira parte da gala entregaranse os galardóns das once categorías técnicas: mellor director, guión, actriz, actor, fotografía, dirección artística, vestiario, maquillaxe/peiteado, son, montaxe e música. Logo anunciaranse os premios a Mellor curtametraxe española e Mellor curtametraxe galega, dotados con 250€ e 500€. Para o remate quedarán as proxeccións e a entrega do Premio do Público, que ascende a 500€, a Ánfora de Prata e a Ánfora de Ouro, cuxos gañadores levarán respectivamente 2.500€ e 1.000€. A cerimonia contará con servizo de interpretación en lingua de signos, co fin de facela máis accesible, motivo polo que tamén todas as curtas desta edición estaban subtituladas. Asemade, a gala retransmitirase en streaming e poderá comentarse a través das redes sociais, en Twitter coa etiqueta #galaficbueu17.

Por outra parte, o programa de hoxe continúa segundo o previsto, coa proxección ás 18 horas da sección paralela Irmandade co Festival Avanca, na que se pasarán cinco filmes portugueses e un brasileiro. As derradeiras proxeccións da Sección Oficial terán lugar ás 19.45 e ás 22 horas, con senllos pases idénticos nos que se exhibirán ‘Fox’ (Grecia), de Jacqueline Lentzou; ‘Irregulars’ (Italia), dirixida por Fabio Palmieri; ‘Bon Voyage’ (Suíza/Turquía), de Mark Wilkins; ‘Nowhere line: voices from Manus Island’, do realizador Lukas Schrank; e ‘Cléo’, de Julie Navarro. O público terá a oportunidade de atoparse cos cineastas no punto de encontro do festival a partir das 21 horas, antes de entrar na segunda sesión e ao saír da primeira.

Volver arriba