RÉCORD DE 6.500 ASISTENTES 16/09/2017

O filme grego ‘Fox’ proclamouse esta fin de semana gañador do 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) ao facerse coa Ánfora de Ouro, dotada con 2.500 euros. O alcalde, Félix Juncal, fíxolle entrega do premio a Jacqueline Lentzou, directora desta historia sobre o paso á vida adulta. “Non hai industria nin mercado para as curtametraxes, por iso estes festivais son importantes, porque a xente pode vir ver os nosos filmes, xa que nós facémolos para o público” asegurou a realizadora, mentres que o rexedor destacou que “o cine e a cultura nos fan felices”, polo que o FICBUEU “consegue cada ano ilusionar o corazón de moitas persoas” e é “un proxecto social e cultural” que demostra “como unha vila pequena se pode converter nunha gran cidade da cultura”.

A Ánfora de Prata, dotada con 1.000 euros, foi para a cinta suíza ‘Ruah’, dirixida por Flurin Giger, que enviou un vídeo de agradecemento. Correspondeulle anunciar este galardón á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen felicitou á organización “por estes dez anos de éxito absoluto” e sostivo que “o mundo o seguen a mover as ideas e a cultura”. Con anterioridade, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, desvelou que o premio do público era para a curta española ‘Timecode’, de Juanjo Giménez. Segundo o representante autonómico, “un festival que leva dez anos se mantén no tempo polo apoio local, quen estades aquí toda a semana e o resto do ano facedes posible que exista e as institucións deben apoiar iniciativas que teñen detrás o respaldo da xente”, incidiu.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, anunciou o premio á mellor curtametraxe española para ‘La disco resplandece’, de Chema García Ibarra, quen lembrou nun divertido vídeo de agradecemento o seu anterior paso polo FICBUEU. Pola súa banda, o deputado provincial de Cultura e concelleiro de Innovación Tecnolóxica, Xosé Leal, foi o encargado de entregar o premio á mellor curta galega, que recolleu Nieve de Medina como integrante do reparto de ‘Néboa’, filme dirixido por Claudia Costafreda.

A actriz atopábase na gala para recibir tamén un dos premios honoríficos da noite, para o que a organización buscaba unha intérprete “que apostase polas curtametraxes, que fose unha gran actriz que nós admirásemos e cuxo recoñecemento público non estivese á altura do seu talento”, segundo expuxo o director do FICBUEU, Manuel Pena. “Desde que cheguei a Galicia non deixei de sorprenderme” apuntou a galardoada, “pasei por unha morea de festivais e este é unha xoia marabillosa“, asegurou. Outro dos recoñecementos foi para Antonio Durán ‘Morris’, Premio Cine Galego, que recibiu de mans de Cristina Sanmartín, da asociación FICBUEU. O actor considerou que “este é un festival detallista, moi ben rematado, que coida moito o trato coas persoas convidadas; xa o primeiro día me fun impresionado” e desexou “moitos anos máis para o FICBUEU, para as curtas, para as longas e para a cultura en xeral”.

En canto aos once galardóns técnicos e artísticos, estiveron moi repartidos. O de mellor dirección foi para Luz Olivares por ‘Wald der echos’ (Austria) e o de mellor guión para ‘Leni K’ (España), de Alberto Taibo. O premio a mellor actriz recaeu en Nina Mazodier por ‘Un grand silence’ (Francia/Bélxica) e o de mellor actor en Amjad Prawej por ‘Disco obu’ (India/Singapur/USA). O xurado internacional integrado por Javier Tolentino, Paloma Biénzobas e António Costa tamén decidiu outorgar senllas mencións especiais en ambas as dúas categorías, unha a Lila Gueneau polo seu papel en ‘Cléo’ (Francia) e outra a Tin Vulovic, de tan só oito anos, por protagonizar ‘Srečno, Orlo!’ (Eslovenia/Austria/Croacia).

O premio a mellor fotografía foi para ‘La Plage’ (Francia), o de mellor montaxe para ‘Samedi’ (Francia) e o de mellor dirección artística para ‘Irregulars’ (Italia). ‘Bier & Calippo’ (Austria) fíxose co de mellor música e ‘Valparaíso’ (Italia) co de mellor son. ‘Dadyaa’ (Nepal/Francia) foi recoñecido polo seu vestiario e ‘Ses souffles’ (Francia) pola maquillaxe e peiteado. A gala estivo conducida un ano máis polo actor César Aldea, coa música de Severiano Casalderrey ao piano, e contou no seu arranque cun fragmento da película ‘Satatango’, ao que seguiron a proxección da curta realizada no obradoiro de curtametraxe e o vídeo resumo da semana.

Unhas 6.500 persoas pasaron entre o 9 e o 16 de setembro polo 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, no que se proxectaron máis dun cento de curtas de corenta países e que contou tamén con múltiples actividades paralelas, como coloquios, obradoiros, radio en directo, maxia, contos, concertos, gastronomía, etc.

Volver arriba