RODAXE CON MOZOS CON DISCAPACIDADE 29/11/2017

A Área Social do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu amplíase cun obradoiro cinematográfico no Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa para contribuír ao desenvolvemento integral e favorecer a inclusión das persoas con discapacidade. O director do FICBUEU, Manuel Pena, e o director de área de CaixaBank en Pontevedra, Manuel Márquez, inauguraron esta mañá a actividade, patrocinada pola Obra Social ”la Caixa”, que se desenvolverá todos os mércores ata o mes de febreiro incluído, de 11.30 a 13.30 horas.

Un grupo de alumnas e alumnos deste colexio público participarán así na realización dunha curtametraxe, pasando por todas as fases necesarias para a súa elaboración, desde o guión e a produción ata a rodaxe e a montaxe. As tarefas estarán titorizadas por profesionais das artes cinematográficas e persoal do centro, que guiarán ás rapazas e rapaces e lles facilitarán as ferramentas necesarias para levar a cabo o proxecto. A obra resultante incluirase na programación do FICBUEU 2018.

O obradoiro pretende converterse nun espazo para que o alumnado experimente, colabore e dea renda solta á súa imaxinación, estimulando a creatividade artística. Deste xeito, promóvense as habilidades psicomotrices, sociais e de comunicación das e dos participantes, dado que o traballo envolve aspectos cognitivos, corporais, emocionais e sensitivos. Ao tempo, contribúese a visibilizar o potencial das persoas con discapacidade e a normalizar a convivencia con tolerancia e respecto.

A Área Social do FICBUEU, apoiada pola Obra Social ”la Caixa”, inclúe outras catro liñas de acción, tres delas xa probadas con éxito no curso pasado. Trátase do obradoiro de curtametraxe para mozas e mozos con discapacidade intelectual impartido no centro da Asociación Juan XIII en Cangas, das proxeccións para persoas maiores usuarias dos centros de día Pescadoira e Contigo en Bueu e das sesións para nenas e nenos ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A estas intervencións sumarase o traballo coa Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam) en Cangas, que tamén realizarán unha curta.

Volver arriba