FICBUEU NA SATURNALIA 19/12/2017

Coincidindo co día máis curto do ano, este xoves 21 de decembro desenvolverase no Centro Social do Mar unha nova edición do ‘FICBUEU na Saturnalia’, con proxeccións de curtametraxes para público infantil ás 17.30 horas e para persoas adultas a partir das 20.30 horas. A actividade conta coa colaboración do Concello de Bueu e o prezo da entrada será de 1 euro en cada pase.

A Saturnalia era unha importante festividade romana na que se conmemoraba o solsticio de inverno. Sucedíanse sete días de diversión, banquetes e intercambio de agasallos, entre o 17 e o 23 de decembro, nos que se celebraba o fin dos días menos luminosos do ano, sendo o máis pequeno de todos eles o 21. Durante a Saturnalia non se podía xulgar nin executar a ninguén, parábanse as guerras e non se ía á escola. Tamén decoraban as casas, prendían candeas e fachos, adornaban as árbores con figuras de soles, estrelas e lúas, así coma boliñas de la que simbolizaban a bondade. Esta festa derivaría no actual Nadal.

‘FICBUEU na Saturnalia’ encádrase asemade na iniciativa ‘O día máis curto’ posta en marcha pola Coordinadora da Curtametraxe Española para promocionar este formato cinematográfico. Na xornada do 21 de decembro, organizaranse unhas 500 proxeccións de curtas en máis de trinta países. No caso de Bueu, trátase de catro títulos galardoados na última edición do Festival Internacional de Curtametraxes: ‘Fox’ (Ánfora de Ouro), ‘Ruah’ (Ánfora de Prata), ‘Wald der echos’ (Mellor Dirección) e ‘Bier & Calippo’ (Mellor Música).

En canto á sesión infantil, pasaranse os nove filmes de animación que conforman o programa Europe Kids confeccionado por Short Circuit, a rede europea de distribuidores de curtas. Trátase dunha proposta especialmente pensada para cativas e cativos, con breves obras sen diálogo procedentes de Croacia, Francia, Eslovenia, Italia, Portugal, Holanda e España.

Volver arriba