RÉCORD CON MÁIS DE 2.200 CURTAS 19/04/2018

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu bateu este ano a súa propia marca coa recepción de 2.202 filmes, chegados dun cento de países dos cinco continentes. O sábado pasado pechouse o prazo para presentar obras ao certame, que se desenvolverá na vila pontevedresa do 7 ao 15 de setembro.

Un ano máis, Francia volve copar a cuarta parte das obras enviadas, non só polo dinamismo do cinema galo senón probablemente tamén pola participación dunha delegación do FICBUEU no prestixioso Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand. España é o segundo país máis representado, con 256 filmes, seguido, aínda que con menos da metade, por Alemaña, Brasil, Bélxica, Italia e Rusia. Cómpre salientar tamén algúns envíos de lugares tan remotos coma Swazilandia, Singapur, Illa Mauricio, Moldavia ou Kirguistán.

A destacar asemade o lento pero constante incremento de curtas dirixidas por mulleres, que se sitúan no 32%. Por outra parte, no 34% dos casos tratábase de óperas primas das e dos cineastas. En canto aos xéneros, segue a predominar a ficción e os contidos adoitan ser un reflexo da realidade, destacando as temáticas sociais. O equipo de selección do FICBUEU 2018 continuará nas próximas semanas co visionado das obras remitidas e o 15 de maio daranse a coñecer os títulos que finalmente se proxectarán durante o certame.

Volver arriba