CLAUSURA ENTREGA DE PREMIOS E FESTA DE PECHE -
SÁBADO 16, 21:30 H
CENTRO SOCIAL DO MAR / PUNTO DE ENCONTRO

O auditorio do Centro Social do Mar acolle ás 21:30 horas a Gala de Clausura do FICBUEU 2017, na que se entregarán os galardóns ás curtametraxes premiadas e se volverán proxectar as gañadoras dos premios principais.

A cerimonia estará conducida polo actor César Aldea, acompañado coa música en directo do pianista Severiano Casalderrey. Tamén contaremos coa presenza das e dos cineastas que optan aos premios e con personalidades institucionais e da industria cinematográfica.

Para este acto, a Asociación Cultural Alfombras de Corpus de Bueu engalanará o acceso ao recinto cunha alfombra floral, unha obra de arte efémero coa que lle daremos a coñecer aos nosos visitantes unha das tradicións máis arraigadas da nosa vila.

Como remate da décima edición do FICBUEU, ás 23:00 horas organizaremos unha gran Festa de Peche no exterior do Centro Social do Mar e no Punto de Encontro, onde se habilitará un espazo conxunto para que os asistentes á gala poidan compartir un tempo de entretemento. A velada contará cun pequeno ágape e estará animada coa música en directo de Tanxugueiras, grupo revelación da música tracional galega neste 2017.