ENCONTROS CINEASTAS DE GALICIA E INTERNACIONAIS -
DO 9 AO 15 DE SETEMBRO
MUSEO MASSÓ / PUNTO DE ENCONTRO

O público do FICBUEU 2017 terá a oportunidade de atoparse con destacados profesionais do eido cinematográfico, tanto galegos coma internacionais.

Encontro con Antonio Durán ‘Morris’. Sábado 9 – 19:45h. Museo Massó.

O actor Antonio Durán, máis coñecido como ‘Morris’, manterá un encontro co público o sábado 9 de setembro ás 19.45 horas, na sala multiusos do Museo Massó. A charla, que tomará forma de entrevista en profundidade, debullará o camiño que o intérprete percorreu ata converterse nun referente da pequena e a gran pantalla, aínda que tamén conta cunha longa experiencia en teatro.  O eterno “cuñado” da serie Pratos combinados, que logo traballaría con directores de renome, recibirá ademais o Premio Cinema Galego na gala de clausura do 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

Presentacións e coloquios cos cineastas. Sábado 9 / luns 11 / martes 12 / mércores 13 / xoves 14 / venres 15 – 23:30h / 22h / 21h. Punto de encontro.

As espectadoras e espectadores poderá atoparse antes e despois das proxeccións no punto de encontro que acolle a sala de exposicións Amalia Domínguez Búa, onde compartirán experiencias en contacto directo coas directoras e directores convidados. Para facilitar a participación na conversa, contarase cunha persoa moderadora e outra tradutora.

O sábado 9 de setembro, a partir das 23.30 horas, desenvolverase o coloquio con autoras e autores das curtas da Sección Galicia, que se proxectarán na sesión previa. Entre o luns 11 e o venres 15 de setembro, haberá dúas opcións para reunirse coas e cos cineastas da Sección Oficial. Quen asista ao primeiro pase, poderá achegarse ao coloquio das 22 horas. As persoas que opten pola segunda sesión, con anterioridade poden acudir á presentación das curtas que ofrecerán as realizadoras e realizadores ás 21 horas.

O punto de encontro alberga asemade a exposición “10 anos de cine”, que conmemora unha década de festival e na que moitos asistentes se atoparán, así como a barra do certame, na que poderán tomar un petisco.