INAUGURACIÓN MÚSICA DE CINE / "NOTICIARIO FOLK" / "MEGALÓPOLE" / SESIÓN VERMÚ -
SÁBADO 9, 11:00 H
CENTRO SOCIAL DO MAR

A décima edición do FICBUEU comezará o sábado 9 de setembro ás 11:00 horas coa actuación do trío de jazz A doce Vita, que ofrecerá un concerto con repertorio de bandas sonoras de cine nas inmediacións do Centro Social do Mar.

Ás 11:45 horas terá lugar a inauguración institucional do FICBUEU 2017, que dará paso á presentación e proxección do “Noticiario Folk nº 1”, peza recentemente recuperada e restaurada do primeiro noticiario da produtora pontevedresa Folk, que nos permitirá aproximarnos á Galicia de 1932 a través dunha serie de pequenas reportaxes de diferente índole (cultura, deporte, pesca, etc). Con esta actividade queremos achegarnos a unha parte central do noso patrimonio audiovisual e á figura de Ramón Barreiro, un dos creadores da produtora de carácter republicano que durante tres anos plasmou en celuloide as transformacións do país. A presentación correrá a cargo do profesor José Luis Castro de Paz, co relatorio “O cine republicano en Galicia: Ramón Barreiro e o noticiario Folk”.

A segunda parte do acto consistirá na estrea da curtametraxe “Megalópole”, realizada por mozas e mozas con discapacidade intelectual. Este proxecto forma parte da Área Social do FICBUEU, que durante o ano desenvolve distintos obradoiros con colectivos desfavorecidos. “Megalópole” é o resultado de catro meses de traballo na Asociación Juan XIII de Cangas, onde oito usuarias e usuarios traballaron na realización íntegra desta curtametraxe. O filme está protagonizado por Mónica Camaño, Fran Paredes e Casilda Alfaro.

Tras o acto inaugural, arredor das 13:00 horas abrirase o Punto de Encontro na sala Amalia Domínguez Búa -fronte ao Centro Social do Mar-, cunha sesión vermú amenizada pola banda Desconcierto e patrocinada por Bodegas Lodeiros e por Rosa de los Vientos. Ao longo da semana, as persoas espectadoras e cineastas poderán atoparse aquí e compartir experiencias. O espazo acollerá unha exposición conmemorativa dos dez anos do festival e unha pequena barra onde poder tomar algo. Para a apertura contaremos con música ao vivo no exterior.