Maxia e Contos O Cinematómago / Contos de película -
Domingo 10 - 12:00h / 18:30h
CENTRO SOCIAL DO MAR / PUNTO DE ENCONTRO

“O Cinematómago”. O Mago Paco. Domingo 10 – 12:00h. Centro Social do Mar. 2€

Un cinematógrafo é un aparato que permite proxectar imaxes creando unha sensación de movemento. Un mago é unha persoa que ten a capacidade de conseguir cousas extraordinarias cos seus poderes sobrenaturais. Da suma dos dous nace O Cinematómago, un personaxe capaz de converter o cine en maxia.

O Mago Paco estrea no FICBUEU o seu novo espectáculo, onde nos presentará distintos clásicos do cinema a través da maxia, convertendo esas míticas escenas nun asombroso espectáculo en directo. Emoción, gargalladas e moita ilusión para experimentar a maxia do cine.

Esta actividade está incluída no plan Pontegal da Deputación de Pontevedra.

 

“Contos de película”. Olalla González. Domingo 10 – 18:30h. Punto de Encontro.

Dende os inicios do cinema, a literatura inspirou un senfín de películas, levando á gran pantalla todo tipo de obras literarias. Nesta sesión de contos para público familiar, achegarémonos a diferentes obras destacadas da literatura infantil como As bruxas, Onde viven os monstros, Os tres bandidos... que foron levados ao cine da man dos seus autores: Roald Dahl, Maurice Sendak, Tomi Ungerer… ao tempo que coñeceremos algúns dos seus segredos.

A sesión de contos correrá a cargo de Olalla González, mestra especialista en animación á lectura con dilatada experiencia na impartición de obradoiros plásticos e literarios. Como autora publicou dous contos coa editorial Kalandraka: Garavanciño e Chibos Chibóns.