RADIO EL SÉPTIMO VICIO / CARNE CRUDA -
DO 11 AO 16 DE SETEMBRO
MUSEO MASSÓ / EXTERIORES DO CENTRO SOCIAL DO MAR

A radio terá un papel protagónico neste décimo aniversario do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, xa que desde a vila se realizarán ao vivo dous destacados programas culturais: ‘El séptimo vicio’ e ‘Carne cruda’.

Café en ‘El séptimo vicio’. Luns 11 / martes 12 / mércores 13 / xoves 14 – 16:30h. Sala multiusos do Museo Massó.

Durante a semana do festival, ‘El séptimo vicio’ trasládase a Bueu para a realizar catro programas, entre o luns 11 e o xoves 14 de setembro. A partir das 16.30 horas e por espazo de sesenta minutos, Javier Tolentino e o seu equipo converterán a sala multiusos do Museo Massó nun estudio de radio. A gravación estará aberta ao público, que terá así a oportunidade de coñecer e vivir a radio desde dentro mentres degusta un bo café. O espazo contará con entrevistas aos cineastas internacionais que participan no FICBUEU e complementarase coa música en directo de Pablo Seijas, Gold&Colt, María do Ceo e Seso Durán.

‘Carne cruda’ tour en vivo. Sábado 16 – 19:45h. Exteriores do Centro Social do Mar.

O programa radiofónico ‘Carne cruda’ realizarase ao vivo o sábado 16 de setembro, ás 19.45 desde os exteriores do Centro Social do Mar. Javier Gallego ‘Crudo’ entrevistará a profesionais de recoñecido prestixio que se achegarán ata a vila para participar no FICBUEU 2017. Tamén haberá oco para analizar a décima edición do certame e escoitar actuacións en directo. ‘Carne cruda’ é un programa crítico e ácido cun gran contido cultural, que conxuga con activismo social, política, actualidade, humor e música. O espazo emítese online tres veces por semana, tanto na súa web como na de eldiario.es.