RELATORIOS DE HITCHCOCK A XOGO DE TRONOS -
SÁBADO 9 / DOMINGO 10 / SÁBADO 16
CENTRO SOCIAL DO MAR / MUSEO MASSÓ

Especialistas do eido audiovisual achegaranse a Bueu en setembro para compartir os seus coñecementos con profesionais e co público xeral.

“O cine republicano en Galicia: Ramón Barreiro e o noticiario Folk”. Castro de Paz. Sábado 9 – 11:30h. Centro Social do Mar.

No marco da xornada inaugural, o profesor José Luis Castro de Paz encargarase de presentar o Noticiario Folk nº 1, peza recentemente restaurada polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), que nos achega á Galicia de 1932 a través de breves reportaxes sobre cultura, deporte, pesca, etc. Coa proxección e o relatorio  ponse en valor o patrimonio audiovisual e a figura dun dos creadores da produtora de carácter republicano, que durante tres anos plasmou en celuloide as transformacións do país.

“Vértigo”, proxección e análise. Castro de Paz. Domingo 10 – 19:00h. Centro Social do Mar.

O visionado de Vértigo, filme de referencia na historia do cinema, complementarase cunha análise por parte do profesor José Luis Castro de Paz. O experto na obra de Hitchcock introduciranos na complexa intriga psicolóxica do mestre do suspense, chea de simbolismos e lecturas múltiples.

“Vivindo en serie. A ficción televisiva no mundo en que vivimos”. Concepción Cascajosa. Sábado 16 – 12:00h. Museo Massó.

A profesora Concepción Cascajosa abordará a capacidade para reflectir os tempos actuais que teñen as series, un produto cultural en auxe que acadou un nivel de produción, interpretación e complexidade nas súas historias imposible de imaxinar hai un par de décadas.

“Galicia e Portugal, producir cinema entre os dous lados da fronteira”. António Costa. Sábado 16 – 18:00h. Museo Massó.

O recoñecido realizador e produtor luso António Costa, tamén director do Festival de Cinema de Avanca e membro do xurado internacional do FICBUEU 2017, exporá as motivacións e posibilidades para levar a cabo producións conxuntas, ao tempo que dará a coñecer os desafíos que poden proporcionar unha maior e mellor colaboración.