area social

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu estrea en 2016 a súa nova Área Social para contribuír ao desenvolvemento social e cultural da nosa contorna, fomentando valores coma o respecto, a igualdade e a solidariedade. Nenas e nenos hospitalizados, persoas con discapacidade intelectual e maiores usuarios de dous centros de día gozan dos efectos beneficiososo do cinema a través das tres liñas de acción establecidas grazas ao apoio da Obra Social ”la Caixa”.

Menores hospitalizados. Na Unidade de Pediatría do Álvaro Cunqueiro (Vigo) habilitarase unha sala de cine para que cativas e cativos ingresados acudan mensualmente a un pase de curtametraxes axeitadas para a súa idade. Escolleranse cintas que transmitan valores e actitudes positivas, que rachen coa rutina dos pacientes e dos seus familiares. Persoal do hospital e especialistas en cine guiarán as sesións, nas que se estimulará a participación dos asistentes.

Persoas maiores. Usuarias e usuarios dos centros de día Anduriña e Pescadoira (Bueu) asistirán a visionados mensuais desde setembro. As curtas proxectadas adáptanse ás súas características sociodemográficas e compleméntanse con actividades para traballar a memoria, estimular a imaxinación e reflexionar sobre experiencias vividas ou feitos de actualidade. Os fins terapéuticos mestúranse así cos de entretemento.

Discapacidade intelectual. Durante tres semanas, impartirase un obradoiro cinematográfico no centro da Asociación Juan XIII (Cangas). As e os participantes pasarán polas fases de guión, produción, rodaxe, etc. para realizar a súa propia curtametraxe, que se exhibirá no FICBUEU 2017. O obxectivo é contribuír ao desenvolvemento integral das persoas con discapacidade, favorecendo as súas habilidades psicomotrices, creativas e comunicativas, ao tempo que se promove a inclusión social e laboral.

Volver arriba