Bases FICBUEU 2017 -

O 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu celebrarase do 9 ao 17 de setembro de 2017 na localidade de Bueu, e terá como obxectivo a promoción das mellores curtametraxes realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional, así como a promoción de xóvenes valores, prestando aquí una especial atención aos cineastas galegos.

O festival está organizado pola asociación cultural FICBUEU.

PARTICIPACIÓN E CONDICIÓNS TÉCNICAS

A participación está aberta a todas as obras estreadas a partir do 1 de xaneiro do 2015, podendo concorrer creadores de calquera nacionalidade sempre e cando teñan cumprido 18 anos de idade.

Poderán presentarse obras de calquera xénero, cunha duración máxima de 30 minutos (títulos de crédito incluídos).

Cada participante poderá presentar tantas obras como desexe.

No serán admitidas as curtametraxes que xa se presentaron en edicións anteriores.

Aquelas curtametraxes nas que o idioma non sexa o galego ou o castelán deberán ter subtítulos nalgún deles ou en inglés, debendo adxuntar adicionalmente un dossier cos textos e diálogos orixinais e a súa tradución ó español ou ó inglés.

A película poderá estar rodada en calquera formato, sendo a única exixencia posuír unha copia dixital para a súa proxección.

A organización resérvase o dereito de rexeitar unha obra por mala calidade da imaxe ou son.

Todas as curtametraxes participantes deberán contar coas autorizacións e cesións de dereitos de autor e de outros titulares de obras preexistentes e orixinais que se incorporen nas mesmas. Neste sentido, as persoas participantes garanten que as curtametraxes non vulneran ningún dereito de explotación, nin dereitos de honra, intimidade e imaxe, nin dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial e/ou calquera outros dereitos de terceiros, e que non vulneran a lexislación vixente. A organización do festival declina toda responsabilidade legal sobre as películas presentadas a concurso e o seu contido.

As obras que non cumpran algún destes requisitos serán descartadas.

Salvo petición expresa do Festival, non se aceptará a recepción de obras fóra da plataforma shortfilmdepot.com.

INSCRICIÓN Y DESENVOLVEMENTO DO FESTIVAL

As curtametraxes deberán enviarse a través da plataforma shortfilmdepot.com, onde se especifican as condicións de envío.

As obras poderán enviarse ata o 1 de abril de 2017 ás 14:00h hora local (UTC/GMT +1 hora).

O material enviado terá consideración de material privado e so será accesible pola organización do festival e os seus colaboradores.

De entre todas as curtametraxes recibidas serán seleccionadas:

  • Sección oficial: 20 curtametraxes
  • Sección Panorama: 5 curtametraxes
  • Sección España: 5 curtametraxes
  • Sección Galicia: 5 curtametraxes*
  • Sección comedia: 5 curtametraxes
  • Sección animación: 5 curtametraxes
  • Sección festival invitado: 5 curtametraxes
  • Sección familiar: 5 curtametraxes
  • Sección emerxentes: 5 curtametraxes
  • Sección Latinoamérica: 5 curtametraxes

* Considerarase como curtametraxe galega toda aquela que cumpra algunha das seguintes condicións:

a) Teña como lingua orixinal o galego.
b) Sexa producida por unha empresa galega
c) Máis do 70% do equipo estea composto por persoas galegas.
d) Se se trata de realizadores en etapa de formación, aceptarase a obra de calquera persoa nacida ou residente en Galicia, que dirixira unha obra nunha entidade académica ou formativa.
e) Eventualmente, o festival poderá admitir unha obra que pola súa especial relación coa cultura de Galicia, así o aconsellara.

Todas as obras presentadas competirán por entrar na sección oficial. Unha vez dita sección sexa completada, configuraranse o resto de seccións.

A organización resérvase o dereito a variar o número de curtametraxes por sección.

As obras seleccionadas proxectaranse un máximo de 3 veces durante o festival e esta selección será anunciada vía correo electrónico o día 15 de maio.

As persoas seleccionadas enviarán un arquivo cun EPK (Electronic Press Kit) composto de:

– Teaser da súa obra a efectos de promoción.
– Cartel promocional e tres fotogramas ou fotografías (300 ppp) representativas da película.
– Sinopse en castelán e inglés.
– Fotografía do director/a. Coas mesmas características descritas anteriormente.
– Biografía do director/a.
– Palmarés da película.
– Páxina web e facebook da película, en caso de telo.
– Clasificación de idades.

Para confirmar a súa participación no festival terá que enviar dixitalmente o material solicitado antes do 31 de maio ás 14:00h hora local (UTC/GMT +1 hora). En caso contrario a curtametraxe quedará eliminada.

As persoas participantes autorizan á organización do Festival o uso de dito material para a súa difusión en calquera medio de comunicación co fin de promover o Festival. Así mesmo, o Festival poderá utilizar fotografías das películas e das persoas directoras, en prensa e outros medios de comunicación, así como para a elaboración do catálogo do Festival. O envío do extracto supón a aceptación da totalidade destas condicións.

XURADO

A Asociación FICBUEU designará tanto ás persoas do Comité de Selección, como ás que integrarán o Xurado Internacional e ó Xurado Galicia.

O Xurado Internacional estará composto por un mínimo de tres persoas. Terá carácter internacional e paritario. Dito Xurado decidirá a totalidade dos premios, a excepción do Premio do Público e a Mellor Curtametraxe Galega.

O Xurado Galicia estará composto por un mínimo de tres persoas e, igualmente terá carácter paritario. Dito Xurado decidirá a Mellor Curtametraxe Galega.

O xurado terá liberdade para deixar unha categoría deserta, entregar un premio exaequo ou realizar unha mención especial. En caso de outorgar un premio, con dotación económica, de modo exaequo, a cantidade repartirase ao 50%.

PREMIOS

Establécense as seguintes categorías e premios:

Primeiro premio: 2.500 € e trofeo.
Segundo premio: 1.000 € e trofeo.
Mellor curtametraxe galega*: 500 € e trofeo.
Premio do público: 500 € e medallón.
Mellor curtametraxe de escola: 250 € e medallón.
Mellor curtametraxe de instituto: 150 € e medallón.
Mellor curtametraxe de colexio: 100 € e medallón.
Mellor dirección: Medallón.
Mellor guión: Medallón.
Mellor actriz: Medallón.
Mellor actor: Medallón.
Mellor fotografía: Medallón.
Mellor dirección artística: Medallón.
Mellor vestiario: Medallón.
Mellor maquillaxe/peiteado: Medallón.
Mellor son: Medallón.
Mellor montaxe: Medallón.
Mellor música: Medallón.

Aos premios só optan as persoas participantes da sección oficial. As curtametraxes galegas tamén poderán optar ao premio do público.

A dotación económica do premio entregarase exclusivamente á persoa/entidade que faga a inscrición da película.

As compañías produtoras e distribuidoras das películas gañadoras dos premios comprométense a utilizar o logo do Festival na promoción e publicidade de ditas obras, así como a permitir proxectar as súas curtas nas actividades paralelas do FIC.

Os premios dotados economicamente están suxeitos á súa correspondente retención fiscal.

A organización resérvase o dereito a reducir ou ampliar as cantidades dos premios ata o peche definitivo dos orzamentos do Festival que se producirá o 29 de xullo do 2017.

Os premios en metálico outorgados polo festival apóianse economicamente, de forma directa, en axudas recibidas de diferentes administracións públicas e/ou privadas, polo que a responsabilidade nos prazos de entrega das cantidades son alleas á organización.

Para recibir calquera premio en metálico cómpre a asistencia dun membro do equipo da curtametraxe premiada á gala de clausura.

ACEPTACIÓN DAS BASES

A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.

A organización do Festival Internacional de Curtas de Bueu resolverá ó seu xuízo inapelable, calquera eventualidade non especificada nestas bases.

As presentes bases estarán dispoñibles en galego, español e inglés. Para calquera dificultade na interpretación, o texto de referencia é o galego.

Para calquera dúbida ou información: +34 669 830 773 ou info@ficbueu.com

PROTECIÓN DE DATOS

De conformidade co disposto na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal (en adiante, a “LOPD”), infórmase ó PRESENTANTE de que os datos facilitados con motivo da inscrición da curtametraxe no FESTIVAL e calquera outros que en diante aporte en conexión coa participación de dita curtametraxe no FESTIVAL, serán incorporados para o seu tratamento a un ficheiro titularidade da Entidade FICBUEU, debidamente inscrito ante a Axencia Española de Protección de Datos, coa finalidade de xestionar e publicitar a participación da curtametraxe no FESTIVAL. A entrega de información requirida sobre datos persoais terá o carácter de obrigatoria e a súa falta de suministro ou o suministro de datos incorrectos imposibilitarán que poida xestionarse a participación da curtametraxe no FESTIVAL. Calquera modificación que poida producirse nos datos de carácter persoal facilitados deberá ser posta en coñecemento do responsable do ficheiro por parte do titular dos mesmos, que responderá en todo caso da veracidade e exactitude dos datos subministrados en cada momento. En caso de que se subministren datos de terceiros, a persoa PRESENTANTE declara contar co consentimento dos titulares dos mesmos para a citada comunicación de datos. Se desexa exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición, a persoa PRESENTANTE e/ou calquera outra interesada pode dirixirse por escrito nos termos e condicións previstos na LOPD á seguinte dirección postal:

FICBUEU – Montero Ríos 191 1º – 36930 – Bueu (Pontevedra)