XURADOS INTERNACIONAL / NACIONAL / ESCOLAS -

XURADO INTERNACIONAL

Javier Tolentino
Aínda que é coñecido sobre todo por dirixir e presentar El séptimo vicio, o programa de cine de Radio 3, tamén dirixiu programas noutras emisoras da canle pública. Ademais de estudar Dereito, licenciouse en Ciencias da Información e, desde hai máis de trinta anos, exerce como enviado especial de RNE a festivais de todo o mundo. Colabora en numerosas publicacións especializadas e editou varios libros, entre os cales Disculpen que les hable de la radio é o máis recente. Obtivo varios Premios Ondas, concedidos a equipos nos que traballou, e a título persoal conta cunha Medalla CEC ao labor crítico, así como co recoñecemento do Festival de San Sebastián, entre outros galardóns. Fundou e dirixiu durante cinco anos a Mostra do Cine de Lanzarote.

Pamela Biénzobas
Xornalista e crítica chilena, licenciada en Comunicación Social. Desde 2002 vive en París, onde realizou un mestrado en Cinema e cursou estudos doutorais. Colaborou en medios de prensa impresa e dixital por todo o mundo e en libros como o Dictionnaire Mondial du Cinéma (Larousse) ou El novísimo cine chileno (Uqbar). Tamén participou na colección Los Cuadernos de Cinema23, e mesmo fundou a revista Mabuse. Foi vicepresidenta da Federación Internacional da Crítica Cinematográfica durante cinco anos e, na actualidade, encárgase dos premios especiais que outorga a organización. É membro das asociacións Cinema23 (Premios Fénix) e Académie des Lumières (Premios Lumière), onde ocupa a vicepresidencia.

António Costa
Dirixe desde hai dúas décadas o prestixioso Festival de Cinema de Avanca e, desde 2010, a conferencia científica do mesmo nome, amais de ser coeditor da revista International Journal of Cinema. Doutorado en Cinema, imparte clase nas universidades públicas de Aveiro e Vila Real, alén de ter participado como profesor convidado en diversos centros de ensino superior. Dirixente da Academia Portuguesa de Cinema (premios Sophia) e da Asociación Portuguesa de Produtores de Cinema e Audiovisuais (APCA), é o coordinador nacional de Input-TV, conferencia sobre os límites da televisión pública. Como realizador e produtor, foi distinguido con arredor de trescentos premios en certames dos cinco continentes.


XURADO NACIONAL

Beli Martínez
Doutora en Comunicación Audiovisual, produciu longametraxes como Arraianos ou Vikingland, escollida como unha das mellores películas do ano pola crítica. En 2013 produce Une histoire seule, de Xurxo Chirro, presente en numerosos festivais internacionais coma o de Mar de Plata, e ao ano seguinte estrea Jet lag, de Eloy Domínguez. É comisaria, canda Xisela Franco, de Cinema e Muller, un proxecto coa Deputación de Pontevedra para visibilizar as realizadoras da provincia. Responsable do proxecto Socheo, iniciativa de arquivo recoñecida co Premio de Alfabetización Audiovisual, tamén coordina actividades no Curtocircuíto e traballa como programadora no Play Doc. Dá clases na Universidade e mais no IES Audiovisual de Vigo.

Aser Álvarez
Licenciado en Ciencias Políticas, cun mestrado en Xornalismo e especialista universitario en Comunicación Audiovisual, dirixe o Festival Internacional de Cine ‘Carlos Velo’. Traballou en prensa, radio e televisión e é socio fundador de Arraianos Producións, así como autor de libros, guías de viaxes e traballos multimedia. A súa ópera prima é o documental 100% CEF, que obtivo un Mestre Mateo e o premio especial do xurado no Festival de Cine de Bucarest, entre outros certames polos que circulou en Europa e América. Traballa como director e guionista de cuñas publicitarias, curtametraxes, documentais e programas de televisión. Sísifo confuso: traballos e días de Francisco Leiro é a súa obra documental máis recente.

María Arochena
Licenciada en Ciencias Empresariais, conta cun mestrado en Produción e Xestión Audiovisual e un curso de posgrao en Comercialización de Contidos Audiovisuais. É membro da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España, da Academia Galega do Audiovisual e da Xunta Directiva do Clúster Audiovisual de Galicia. Na actualidade é xerente de Diboos, Federación Española de Asociacións de Produtoras de Animación. Traballou como produtora executiva en Memorias dun home en pixama e en Engurras. Gañou asemade dous premios Goya, cinco Mestre Mateo e numerosos galardóns internacionais. Gritos en el pasillo, Os mortos van á présa e O bosque animado son algunhas das recoñecidas obras nas que participou.


XURADO ESCOLAS

Xabier Souto
Técnico e deseñador de son en proxectos para cinema e televisión. Dende 2001, participou en máis dunha trintena de longametraxes e traballou en filmes como As altas presións, Encallados, Crebinsky ou A esmorga. A súa paixón polo cinema e o forte vínculo co mundo da música dótano dunha particular sensibilidade e dedicación á hora de abordar cada proxecto.

Mariana Petitti
Mestra de Educación Primaria e licenciada en Comunicación Audiovisual, conta cun mestrado en Especialización en Animación e Realización de Stop Motion. Viviu e traballou en varios continentes, onde sempre tentou combinar as dúas profesións. No eido audiovisual, ten experiencia en animación, fotografía, deseño, publicidade e guión para radio e vídeo, especialmente curtametraxes.

Roi Guitián
Ademais de realizador especializado no campo da non ficción, é formador en cursos de creación audiovisual e competencias nos medios de comunicación para estudantes, docentes e axentes sociais. Dende Gingko, colabora con centros educativos e asociacións para a integración do audiovisual como ferramenta para o cambio e a participación.