Á VENDA AS PRIMEIRAS ENTRADAS 14/06/2019

As entradas para o directo de Enric Montefusco e o monólogo de Miguel Lago no marco do FICBUEU 2019 sairán á venda mañá sábado, 15 de xuño, na web do certame. Serán as dúas únicas actividades extra cinematográficas do 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu organizadas no interior do Centro Social do Mar que terán un custo, de 15 euros no caso do concerto e de 16 euros para o espectáculo humorístico.

O artista barcelonés Enric Montefusco actuará o sábado 7 de setembro, ás 22.30 horas. Trátase dunha oportunidade moi especial para gozar da calidade e potencia do seu directo, onde presentará entre outros os temas do seu segundo disco en solitario, Diagonal. O que fora líder da banda de hardcore punk Standstill leva vinte anos sobre os escenarios, nos que a súa busca de novas vías de expresión identifícano coma un dos músicos máis creativos, arriscados e inclasificables do panorama estatal, un artista libérrimo que non coñece fronteiras.

O actor Miguel Lago protagonizará un monólogo humorístico o domingo 8 de setembro. Franqueza, sarcasmo e catarse combinaranse sobre o escenario no espectáculo ‘Miguel Lago en directo’ no que, como de costume, será calquera cousa menos politicamente correcto, pese ao que a indumentaria do seu alter ego poida suxerir. O cómico vigués colabora na actualidade con Todo es mentira, o magacín de Risto Mejide en Cuatro, despois das súas aplaudidas aparicións en El club de la comedia, Late motiv ou La resistencia.

Ao adquirir as entradas en www.ficbueu.com/entradas obterase un resgardo de compra, que despois deberá trocarse polos tickets de acceso no despacho de billetes do Centro Social do Mar. O resto de actividades non cinematográficas do FICBUEU 2019 serán de balde. En canto ás proxeccións, a organización anunciará nos próximos días a listaxe de curtas seleccionadas para esta duodécima edición do certame. Toda a información sobre o mesmo pode seguirse a través da web e das redes sociais.

Volver arriba