LUIS ZAHERA, PREMIO CINEMA GALEGO 26/07/2019

Luis Zahera recibirá o Premio Cinema Galego no 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá entre o 6 e o 14 de setembro. Ademais, o público do FICBUEU 2019 poderá coñecer en profundidade a intensa traxectoria do actor compostelán no Encontro con Luis Zahera que se desenvolverá o sábado día 7 no Centro Social do Mar, a partir das 18 horas.

Zahera entrou nos fogares galegos a finais dos anos 90 como o mítico taberneiro “Petróleo” de Mareas vivas e a día de hoxe conta cun amplo percorrido en televisión, teatro e cine, onde interpretou a memorables secundarios. Concursante, Celda 211 ou Que dios nos perdone son algunhas das longametraxes que inclúe o seu currículum, aínda que no último ano cómpre destacar o seu papel maxistral na película El reino, de Rodrigo Sorogoyen, que lle valeu un Goya ao mellor actor de reparto. Ten pendente de estrea asemade Mientras dure la guerra, filme dirixido por Alejandro Amenábar. No entanto, non deixou de traballar en series de éxito, como Sin tetas no hay paraíso ou a recente Vivir sin permiso.

Alén de descubrir a persoa que hai detrás de todos estes personaxes, o Encontro con Luis Zahera porá de relevo unha das facetas máis descoñecidas da súa carreira coa proxección de tres traballos curtos. A curtametraxe O matachín, dirixida por Jorge Coira en 1996 e protagonizada por uns novísimos Zahera e Tosar, está xa considerada un clásico do audiovisual galego. Marina, de Álex Montoya, é unha obra de 2010, pois o homenaxeado nunca deixou de traballar neste xénero. A sesión completarase cun capítulo de Entre pipas, a singular webserie que coprotagoniza canda Xúlio Abonjo.

O acceso ao Encontro con Luis Zahera será de balde, pero debido ao aforo limitado da sala é preciso retirar no mesmo día un convite no despacho de billetes do Centro Social do Mar, que estará aberto de 10 a 12:30 horas pola mañá e a partir das 17 horas na tarde.

Volver arriba