RADIO AO VIVO NO FICBUEU 2019 31/07/2019

Despois de varios anos acollendo a realización de programas especializados no eido cinematográfico, o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu concédelle á radio máis protagonismo ca nunca nesta duodécima edición, coa presenza de podcast e emisoras de ámbito estatal e autonómico. Espazos como Carne cruda, El séptimo vicio, Sala 5 ou El cine de loqueyotediga gravaranse ao vivo no transcurso do FICBUEU 2019, que tamén contará coa colaboración de Esta peli ya la he visto para a crítica diaria.

Carne cruda regresa a Bueu por terceiro ano consecutivo, desta volta cun programa dedicado integramente ao cinema polo que pasarán convidados coma o realizador Paco Plaza e a actriz María Vázquez, que presentarán a súa última película, Quien a hierro mata. Javier Gallego ‘Crudo’ entrevistará asemade ao recente gañador do Goya ao mellor actor de reparto, Luis Zahera, que vai recibir ademais o Premio Cinema Galego FICBUEU 2019. A banda feminina Agoraphobia e Caspervek Trio encargaranse do apartado musical. Carne Cruda emítese online tanto na súa web como na de eldiario.es e será o único dos espazos radiofónicos para o que haberá que mercar unha entrada, que ten un custo de 5 euros e que xa se pode adquirir en www.ficbueu.com/entradas, aínda que os oíntes produtores do programa accederán de balde.

Carne cruda realizarase o domingo 8 de setembro ás 17.30 horas no Centro Social do Mar, mentres que o resto de programas se gravarán tamén con público en directo no Punto de Encontro  do festival, ubicado na Sala de Exposicións ‘Amalia Domínguez’. Tal será o caso de El séptimo vicio, o luns 9 e o martes 10 ás 18.15 horas, cando se desenvolverá o espazo de Radio 3 dedicado ao cinema de autor dirixido por Javier Tolentino. O reputado crítico conducirá dous especiais, con diversas entrevistas, marcados pola súa habitual paixón e compromiso, que o converten nun firme defensor das curtas e das vangardas cinematográficas.

A Radio Galega non faltará á cita co FICBUEU a través do seu programa especializado Sala 5, que dirixe e presenta Begoña Vázquez. Será o mércores 11 ás 18.15 horas e centrarase nos seis directores e directoras da Sección Galicia. O xoves 12 e o venres 13, no mesmo horario, realizaranse senllos programas de El cine de loqueyotediga, que iniciara a súa andaina hai agora trinta anos na radio convencional. Ademais, cada día espertaremos nas redes sociais cunha análise das curtas da xornada anterior da man de Esta peli ya la he visto.

Volver arriba