VENDA ONLINE DE ENTRADAS E ABONOS 6/08/2019

As entradas e abonos para as seccións competitivas do 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) xa están á venda na web www.ficbueu.com/entradas. As sesións terán un custo de 2,50 euros por día, mentres que para as cinco xornadas da Sección Internacional poderá adquirirse un abono por 10 euros. O acceso á Gala e Festa de Clausura, que inclúe a entrega de premios, terá un prezo de 5 euros.

Deste xeito, para a Sección Galicia R, que terá lugar o sábado 7 de setembro, e para a Sección España do domingo 8, ambas as dúas ás 20.30 horas, poden mercarse entradas independentes ata as 16 horas do día en cuestión. Ata o 5 de setembro tamén se venderán online os abonos para gozar dos 23 filmes da Sección Internacional, que se desenvolverá do luns 9 ao venres 13 cun dobre pase idéntico, ás 19.45 e ás 22 horas. A partir do día 6 estarán dispoñibles no despacho de billetes do Centro Social do Mar, onde tamén poderán adquirirse as entradas de cada xornada ata a hora da proxección, no caso de que queden existencias. A Gala e Festa de Clausura celebraranse o sábado 14 ás 21 horas.

Cómpre salientar que actrices e directores das curtas galegas participarán na sesión Galicia R para introducir os seus traballos e ao remate, ás 22 horas, debaterán co público no Punto de Encontro, situado na Sala de Exposicións ‘Amalia Domínguez’. Tamén realizadoras, produtores ou intérpretes de distintos países presentarán os seus filmes no Centro Social do Mar, nos dous pases diarios da Sección Internacional. Estes convidados estarán ademais de luns a venres ás 21.15 horas no Punto de Encontro para manter un coloquio cos asistentes.

Na web do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu xa están tamén dispoñibles as entradas para o programa de radio Carne cruda, o concerto de Enric Montefusco e o monólogo de Miguel Lago, a 5, 15 e 16 euros respectivamente. O resto de actividades e filmes serán de balde, como é o caso da cinco sesións da Sección Panorama programadas de luns a venres ás 17 horas. Tanto para estas como para o acto inaugural, o encontro con Luis Zahera ou a Gala Escolas Galegas será preciso retirar o mesmo día un convite no despacho de billetes.

Non será necesario presentar ningún tipo de ticket para acceder ao novo espazo de proxeccións do FICBUEU: o Museo Massó. Alí terán lugar o sábado 7 e o domingo 8 de setembro os pases da Sección Experimental, ás 16.30 e ás 19.30 horas, mentres que de martes a venres desenvolverase a Sección Retrospectiva, ás 20 horas.

No entanto, o despacho de billetes do Centro Social do Mar estará aberto o venres día 6 de 17 a 22.30 horas e na fin de semana co mesmo horario no serán e mais de 10 a 12.30 horas pola mañá. De luns a venres a apertura será de 16.30 a 22 horas e o sábado 14 de setembro irá de 10 a 12.30 horas. Nestas franxas poderán recollerse os convites, trocar o resgardo da compra online polos tickets ou mercar presencialmente as entradas que non se venderan por internet.

Volver arriba