MÁIS DE 18.000 PERSOAS NO FESTIVAL 30/09/2019

Unhas 18.400 persoas pasaron polo 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu desde súa inauguración o 6 de setembro ata o domingo día 15, xornada en que se pechou a ruta das Tapas 5 Estrelas. Esta nova marca, que supera en 3.000 asistentes a acadada o ano pasado, débese principalmente ao incremento nas proxeccións, xa que se en 2018 se contaban arredor de 5.000 espectadoras e espectadores, desta volta foron máis de 6.600, incluíndo novamente nesta cifra a 1.500 estudantes dunha decena de centros educativos do Morrazo.

Case todos os pases das seccións Internacional, Galicia e España, así coma os actos de inauguración e clausura, penduraron o cartel de “non hai billetes” no Centro Social do Mar, mentres que as novas seccións Experimental e Retrospectiva colleitaron unha media de público dentro do agardado no Museo Massó. A participación nas actividades paralelas do FICBUEU 2019 tamén foi considerable, con preto de 3.000 persoas das que unhas 1.300 corresponderon aos concertos, encabezados por Enric Montefusco. O Mini-FIC, as charlas, o monólogo de Miguel Lago ou os diversos programas de radio, que encheron cada tarde o aforo do Punto de Encontro, atopábanse entre as propostas complementarias ás proxeccións.

A Ruta das Tapas 5 Estrelas medrou ata os 7.600 comensais nos dez establecementos adheridos. A maiores, contabilízanse outras accións como as actividades para cineastas, que levaron ás e aos convidados a coñecer a Illa de Ons, percorrer Cabo Udra ou navegar nas embarcacións tradicionais da asociación Os Galos. En total, nove intensos días nos que se programaron 65 actividades, entre proxeccións e propostas complementarias, que foron posibles grazas ao apoio de institucións, empresas e entidades, destacando as achegas da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Bueu.

A asociación FICBUEU retomará súa dinámica a partir da vindeira semana cos obradoiros cinematográficos que se imparten na sede da Banda do Río. O curso para persoas adultas desenvolverase os martes pola tarde mentres que as aulas para nenas e nenos terán lugar os xoves. En ambos os dous casos, as e os participantes pasarán por todas as fases de creación dun filme, ata chegar a rodar a súa propia curta. A inscrición pode formalizarse no enderezo electrónico producion1@ficbueu.com.

Volver arriba