O Festival Internacional de Cinema de Bueu presenta a primeira edición da Residencia FICBUEU
FICBUEUA Residencia FICBUEU establécese coma un novo espazo de creación e formación que terá lugar no mes de outubro na Illa de Ons
Bueu, 22 de maio de 2023 — O FICBUEU anunciou hoxe a primeira edición da súa nova iniciativa, unha residencia para cineastas que terá lugar entre o 9 e o 15 de outubro na Illa de Ons. Trátase dun programa formativo dedicado ao tratamento integral de curtametraxes na súa etapa de desenvolvemento, no que diferentes profesionais de prestixio acompañarán e titorizarán persoalmente cada proxecto.
Como destacou a organización, trátase dun programa que “vén dado pola nova etapa que comezou co 15 aniversario do festival. Unha etapa na a que a organización ten como obxectivo ampliar a súa labor de posta en valor da curtametraxe e o cinema máis aló das datas do certame”.
A edición inaugural da residencia FICBUEU estará titorizada pola recoñecida guionista Isabel Peña, Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Navarra e na especialidade de Guión pola ESCAC. Recibiu o Goya 2019 e o Premio Feroz 2019 polo guión da película El reino (2018), así como o Goya 2023 e a Medalla del Círculo de Escritores Cinematográficos 2023 pola longametraxe As bestas (2022). É tamén coguionista das películas Stockholm (2013) e Que Dios nos perdone (2016), coa que gañou o Premio do Xurado ao mellor guión no Festival de San Sebastián.
Ao longo dunha semana, Peña levará a cabo sesións individuais con cada unha das autoras e autores para a revisión das obras e o seu avance, ademais de encontros grupais nos que se fomentarán a sinerxías e o traballo colaborativo.
Ademais das titorías e espazos de intercambio grupal, a residencia ofrecerá ás e aos residentes diferentes formacións específicas en materias como a perspectiva de xénero na escritura de guións (impartida por Carmen Ávalos ) os efectos visuais dende a orixe do proxecto ( con Pablo Lamosa de Cormorán VFX) ou os novos modelos de distribución (impartida por Elena Neira). Deste xeito, as e os residentes poderán ampliar os seus coñecementos sobre diferentes aspectos e fases intrínsecas ao completo desenvolvemento do proxecto.
Como última fase do proxecto da I RESIDENCIA FICBUEU, a organización seleccionará un dos guións participantes para o seu desenvolvemento, que se levará a cabo a través dun acordo de colaboración cunha productora galega.
Esta primeira edición da residencia FICBUEU conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade e da Axencia Galega das Industrias Culturais.
No acto, que tivo lugar nun dos barcos de Nabia que levará ás e aos residentes á Illa de Ons en outubro, o director de AGADIC, Jacobo Sutil destacou “o bo momento que está a vivir o audiovisual galego” e a “relevancia de iniciativas como a Residencia FICBUEU que apoien o formato curtametraxe dende a fase desenvolvemento” mentres que a secretaria Xeral de Igualdade, Susana López, puxo en valor “o labor da organización no seu compromiso coa igualdade” así como “o traballo conxunto coa AGADIC no fomento da creación con perspectiva de xénero”.
O período de recepción de propostas xa está aberto e estenderase ata 15 de xuño. Un xurado profesional será o encargado de avaliar cada unha das propostas, que se farán públicas durante a 16ª edición do FICBUEU en setembro.
Toda a información e documentación sobre a convocatoria está dispoñible aquí: www.ficbueu.com/residencia.
A I Residencia FICBUEU conta coa subvención do Ministerio de Cultura y Deporte e o patrocinio Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.