Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility Agosto 2023 • FICBUEU

O FICBUEU homenaxea este ano a Joris Ivens, pioneiro do cinema documental con conciencia social

← Volver

O FICBUEU homenaxea este ano a Joris Ivens, pioneiro do cinema documental con conciencia social

FICBUEU

I Unha retrospectiva amosará as facetas de poeta, militante, aventureiro e cronista de guerra do director holandés coa proxección de catro das súas curtametraxes máis emblemáticas: «Regen», «Borinage», «Indonesia Calling» e «Le ciel, la terre»

I O certame dedicará tamén a súa cuarta monografía á figura de Ivens, que rodou máis de medio centenar de películas nunha vintena de países

 

BUEU. 27.08.2023. O FICBUEU 2023 homenaxeará na súa 16ª edición a figura do realizador holandés Joris Ivens, un dos máis grandes documentalistas do cinema mundial de todos os tempos. O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará entre o 8 e o 23 de setembro, dedicaralle unha monografía a Ivens –o CadernoFICBUEU#4– e a súa «Sección Retrospectiva», coa proxección de catro das súas curtametraxes máis representativas. 

O autor do CadernoFICBUEU#4 dedicado a Ivens, e programador do certame, Severiano Casalderrey, explica que «no festival buscamos dar a coñecer obras importantes do mundo das curtas e este ano escollimos a Ivens porque é un dos pioneiros do cinema documental e unha figura clave na historia». O FICBUEU aposta polo cinema de autor e as novas tendencias. E tamén pola divulgación cultural e cinematográfica. De aí a publicación dos cadernos e a inclusión da «Sección Retrospectiva» na súa programación.

A ollada que documentou os cambios e as crises do século XX

Ivens (Nimega, 1898-París, 1989) foi testemuña coa súa cámara dos máis importantes cambios sociais, crises, guerras e revolucións do século XX. A súa filmografía abarca máis de medio centenar de películas, rodadas durante seis décadas: dende a súa primeira curtametraxe, o western A frecha ardente, que fixo co seu pai cando só tiña 13 anos, ata a última, Unha historia de vento, sobre China e que filmou pouco antes da súa morte.

Caderno e retrospectiva van da man no FICBUEU. A publicación, titulada A expansión do documental a través das curtametraxes de Joris Ivens (1898 – 1989), presentarase no Centro Social do Mar de Bueu o sábado 16 (11.30 horas) e estará á venda na páxina web do FICBUEU e durante o certame. Nela dedícanse catro capítulos a subliñar outras tantas facetas do director holandés. 

A primeira é a de «cineasta poético», influenciado polas vangardas artísticas de principios do século pasado. Desa época data a curta que abrirá a proxección da «Sección Retrospectiva», que terá lugar o domingo 17 (18.00 horas). Trátase de Regen, de 1929, unha exploración abstracta, experimental e lírica  dos efectos da chuvia nunha cidade moderna coma Ámsterdam. 

Crítico e comprometido

Outro dos aspectos que se abordarán nesta aproximación a Ivens é a súa vertente activista. O cineasta, de ideoloxía comunista desde que nos anos 30 vivira un tempo na Unión Soviética, achegou unha mirada comprometida na historia do documental, sempre desde o punto de vista dos pobos en loita contra a opresión do sistema. De feito, a conciencia social foi o motor permanente da súa vida –sirva de exemplo que uns días antes de morrer participou en París, aos 91 anos, nunha multitudinaria protesta contra as masacres da Praza de Tiananmen– e tamén da súa produción audiovisual. «A súa militancia está moi reflectida nas súas obras –apunta Severiano Casalderrey– e sempre atopamos algún elemento crítico nas súas películas». A que se verá no certame é Borinage (1933), curta sobre as folgas mineiras en Bélxica, na que Ivens denunciou a miseria e a explotación proletaria.

O holandés errante

O público do FICBUEU tamén poderá descubrir a faceta aventureira e viaxeira deste director, «unha persoa inqueda, sempre de aquí para aló», que rodou nunha vintena de países dos cinco continentes, e que se representa na terceira peza incluida na proxección, Indonesia Calling (1947). Con esta película Ivens apoiou aos independentistas deste país asiático cando aínda era unha colonia holandesa. «Foi repudiado polo seu propio país durante vinte anos por este documental, e iso acrecentou o concepto que se tiña del de holandés errante», sinala Casalderrey.

A última faceta que explorará o FICBUEU da figura de Ivens é a máis xornalística: a de cronista de guerra. O realizador holandés filmou case todas: a Guerra Civil Española (no documental Terra de España, de 1937, coa voz narradora de Ernest Hemingway e a colaboración de Orson Welles), a Segunda Guerra Mundial, a Revolución Cubana ou a Guerra do Vietnam, escenario de Le ciel, la terre, que rodou en 1966 e pecha a «Sección Retrospectiva» do Festival. «As súas imaxes dos principais conflitos son un retrato do pasado século arredor do mundo», resume Casalderrey de Joris Ivens, quen asentou sempre o seu traballo na importancia da función social do cinema, así como na honestidade, a liberdade ideolóxica e a busca da verdade como condicións esenciais do documentalista.

  • O FICBUEU programa a súa primeira Noite de festivais en colaboración con outros certames internacionais

    Bueu, 20 de novembro de 2024 – O próximo 30 de novembro terá lugar no Centro Social de Bueu a primeira “Noite de festivais”. Un evento organizado polo FICBUEU baixo o seu programa de colaboracións internacionais no que achegarán ao público catro curtametraxes procedentes doutros catro certames.  As curtametraxes foron propostas polo Edimburgh Short Film […]

    2024-11-19
  • O FICBUEU colabora este mes con diferentes festivais europeos

    Bueu, 4 de novembro de 2024 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) desenvolve a súa labor de posta en valor da curtametraxe máis aló do evento que cada no se realiza en Bueu.  Logo da 17ª edición do FICBUEU as diferentes actividades programadas para este 2024 seguen en marcha coincidindo este mes […]

    2024-11-04
  • CINCO CINEASTAS DESENVOLVEN DESDE HOXE CATRO PROXECTOS DE PELÍCULAS NA II RESIDENCIA FICBUEU NA ILLA DE ONS

    BUEU. 16.10.2024. Cinco novas cineastas traballan desde hoxe e ata o vindeiro martes na Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) no desenvolvemento dos seus próximos proxectos cinematográficos baixo a titoría de consolidadas expertas do sector audiovisual. A guionista e directora da premiada cinta 20.000 especies de abejas, Estíbaliz Urresola, lidera as formacións. As e os participantes, […]

    2024-10-16
← Volver

As entradas para o FICBUEU2023 xa poden comprarse a través da páxina web do Festival

FICBUEU

| O certame buenense crea o seu despacho de billetes electrónico para reducir drasticamente o uso de papel

| Os billetes tamén poderán adquirirse de forma presencial a partir do día 4 de setembro no Centro Social do Mar

 
As entradas e abonos do FICBUE pódense comprar online

BUEU. 25.VIII.23. Desde este mediodía, as entradas e abonos para desfrutar das películas do Festival Internacional de Cinema de Bueu xa poden comprarse a golpe de click. Basta con acceder á tenda en liña do Festival, elixir unha ou varias sesións, escoller asentos, e proceder a pagar con tarxeta de crédito. As persoas que prefiran comprar as súas entradas directamente no despacho de billetes poderán facelo a partir do próximo 4 de setembro. A décimo sexta edición do FICBUEU celébrase entre os días 8 e 23 do vindeiro mes. 

O despacho electrónico de billetes é unha das novidades do Festival en 2023. A Asociación FICBUEU, organizadora do evento, aposta pola dixitalización do seu proceso de venda de entradas e reducir drasticamente con iso o consumo de papel.  Ao efectuar a compra en liña, a seguidora ou seguidor do evento recibirá no seu correo electrónico o xustificante e o código ou códigos QR correspondentes á sesión ou sesións elixidas. Para entrar nas proxeccións do Festival, só haberá que amosarlle ás persoas encargadas de facilitar o acceso o código QR asignado.

As persoas que prefiran comprar as súas entradas fisicamente poderán facelo no Centro Social do Mar entre o 4 e o 7 de setembro, das 18 ás 20 horas. Ademais, e xa durante o Festival, o despacho de billetes do Centro Social do Mar estará aberto  unha hora antes de cada sesión.

Entradas a 3 euros, abonos a 15

As sesións de proxección de curtametraxes do FICBUEU 2023 celebraranse en dobre horario de tarde e noite: ás 19.30 horas e ás 21.30 horas. O custo das entradas para cada sesión é de 3 euros. Os abonos dan dereito a asistir a todas as sesións (6) dunha mesma franxa horaria. O seu custo é de 15 euros. A merca de abonos supón un aforro do 20% con respecto á compra de entradas para as 6 sesións.

Ademais, desde o despacho electrónico de billetes do FICBUEU poderán retirarse entradas reservando butacas numeradas a custo cero para as 7 proxeccións e eventos de carácter gratuíto.

  • O FICBUEU programa a súa primeira Noite de festivais en colaboración con outros certames internacionais

    Bueu, 20 de novembro de 2024 – O próximo 30 de novembro terá lugar no Centro Social de Bueu a primeira “Noite de festivais”. Un evento organizado polo FICBUEU baixo o seu programa de colaboracións internacionais no que achegarán ao público catro curtametraxes procedentes doutros catro certames.  As curtametraxes foron propostas polo Edimburgh Short Film […]

    2024-11-19
  • O FICBUEU colabora este mes con diferentes festivais europeos

    Bueu, 4 de novembro de 2024 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) desenvolve a súa labor de posta en valor da curtametraxe máis aló do evento que cada no se realiza en Bueu.  Logo da 17ª edición do FICBUEU as diferentes actividades programadas para este 2024 seguen en marcha coincidindo este mes […]

    2024-11-04
  • CINCO CINEASTAS DESENVOLVEN DESDE HOXE CATRO PROXECTOS DE PELÍCULAS NA II RESIDENCIA FICBUEU NA ILLA DE ONS

    BUEU. 16.10.2024. Cinco novas cineastas traballan desde hoxe e ata o vindeiro martes na Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) no desenvolvemento dos seus próximos proxectos cinematográficos baixo a titoría de consolidadas expertas do sector audiovisual. A guionista e directora da premiada cinta 20.000 especies de abejas, Estíbaliz Urresola, lidera as formacións. As e os participantes, […]

    2024-10-16
← Volver

O FICBUEU quenta proxectores con dúas sesións de cinema na praia na noite deste mércores

FICBUEU

BUEU. 22.08.2023. Este mércores pola noite, a praia da Banda do Río, en Bueu, convértese nunha sala de cine. O Festival Internacional de Cinema de BUEU, o FICBUEU, proxectará en dúas sesións e a partir das 22 horas algunhas das mellores curtametraxes que formaron parte da súa programación nas últimas edicións. A escolma das películas fíxose arredor dun eixo temático: o verán e as viaxes. Dende a Praia da Bando do Río, o público poderá percorrer o estío do mundo a través do cinema.

A praia da Banda do Río, en Bueu, acollerá as proxeccións do FICBUEU

As proxeccións están organizadas en dúas sesións: unha con filmes recomendados para todos os públicos, a partir das 22 horas; e unha segunda que comeza ás 23 horas e na que se proxectarán curtametraxes recomendadas para maiores de 16 anos. As organizadoras suxírenlle ao público que leve cadeiras, mantas, toallas ou elementos de apoio para acomodarse durante os pases de curtas no areal.

Un Festival para un territorio

A promoción da cultura e do territorio no que se desenvolve o Festival, Bueu e a bisbarra do Morrazo, son dúas das razóns de ser do FICBUEU. De aí a organización destas proxeccións, que veñen sumarse ás actividades que a Asociación FICBUEU, que organiza o Festival, desenvolve durante o ano enteiro tanto para en materia de divulgación cultural coma de apoio ás creadoras e creadores.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu chega aos seus días grandes a partir do vindeiro 8 de setembro. O seu público poderá coñecer as tendencias mundiais máis recentes en materia de cinema de autor. Proxectaranse 89 películas chegadas de 30 países dos cinco continentes. Algunhas delas chegan a Bueu logo de pasaren por grandes eventos mundiais de cinema coma os Premios Oscar (EE.UU) ou o Festival de Cannes (Francia).  As entradas para a vindeira edición do FICBUEU poderán ser mercadas por internet a partir dos vindeiros días.

 
  • O FICBUEU programa a súa primeira Noite de festivais en colaboración con outros certames internacionais

    Bueu, 20 de novembro de 2024 – O próximo 30 de novembro terá lugar no Centro Social de Bueu a primeira “Noite de festivais”. Un evento organizado polo FICBUEU baixo o seu programa de colaboracións internacionais no que achegarán ao público catro curtametraxes procedentes doutros catro certames.  As curtametraxes foron propostas polo Edimburgh Short Film […]

    2024-11-19
  • O FICBUEU colabora este mes con diferentes festivais europeos

    Bueu, 4 de novembro de 2024 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) desenvolve a súa labor de posta en valor da curtametraxe máis aló do evento que cada no se realiza en Bueu.  Logo da 17ª edición do FICBUEU as diferentes actividades programadas para este 2024 seguen en marcha coincidindo este mes […]

    2024-11-04
  • CINCO CINEASTAS DESENVOLVEN DESDE HOXE CATRO PROXECTOS DE PELÍCULAS NA II RESIDENCIA FICBUEU NA ILLA DE ONS

    BUEU. 16.10.2024. Cinco novas cineastas traballan desde hoxe e ata o vindeiro martes na Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) no desenvolvemento dos seus próximos proxectos cinematográficos baixo a titoría de consolidadas expertas do sector audiovisual. A guionista e directora da premiada cinta 20.000 especies de abejas, Estíbaliz Urresola, lidera as formacións. As e os participantes, […]

    2024-10-16
← Volver

Profesionais do cinema nacional e internacional forman os dous xurados que elixirán as mellores curtas do FICBUEU 2023

FICBUEU

BUEU13.08.2023.  Dous xurados integrados por recoñecidas e recoñecidos profesionais do mundo do cinema nacional e internacional decidirán qué  curtametraxes entrarán no palmarés do FICBUEU 2023. O Festival, que acada a súa décimo sexta edición amosando as novas tendencias na creación cinematográfica, proxectará a partir do 8 de setembro, no Centro Social do Mar de Bueu, preto de 90 películas en formato curto dunha trintena de países dos cinco continentes.

O xurado oficial deste ano está composto pola produtora e distribuidora de cinema Silvia Lobo, de Elamedia Estudios –unha das principais compañías españolas de servizos audiovisuais, que participou en películas como La vida era eso ou Lúa Vermella, no documental Trinta Lumes ou en series como Antidisturbios ou Patria–; o tamén produtor executivo Manuel Monzón, de A Contracorriente Films, que traballou en cintas multipremiadas como La Librería, de Isabel Coixet, ou a arxentina El ciudadano ilustre; e o romanés Mihai Chirilov, cunha importante traxectoria como director artístico de distintos festivais, crítico de cinema e membro da Academia de Cine Europeo.

Lobo, Monzón e Chirilov decidirán que curtametraxes acadarán o primeiro e o segundo premios do FICBUEU, así como os galardóns para as mellores curtas galega (Premio CREA) e española. Terán que escollelas entre as 28 obras finalistas que competirán na sección oficial do certame, caracterizado pola súa decidida aposta polo cinema autoral. As películas proceden de 21 países: desde México, Costa Rica, China, Australia ou Estados Unidos ata España –con sete curtas, das que catro son producións galegas–, India, Francia, Somalia ou Islandia. Entre elas atopamos traballos que xa mereceron premios en grandes festivais como Cannes, Sundance, Venecia ou Toronto. 

Premio do Público e loita contra a pobreza menstrual
As espectadores e os espectadores do FICBUEU desenvolverán de novo un papel clave. Poderán ver as curtas a concurso na sección oficial, que se proxectarán no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu entre o luns 11 e o sábado 16 de setembro, e decidirán cal de todas elas leva o seu voto, o que servirá para outorgar o Premio do Público. 

O seu veredicto é tan importante para o FICBUEU que ata impulsou unha nova iniciativa dentro da campaña de recollida de alimentos que se fai durante o certame: este ano fomentaranse as doazóns de produtos de hixiene íntima feminina en resposta ao premio que a audiencia concedeu na pasada edición á curta Spotless (Vlekkeloos), coma contribución á loita contra a pobreza menstrual e as duras condicións ás que moitas mulleres se enfrontan polo simple feito de selo. 

Alén da sección oficial
O segundo xurado do FICBUEU, o xurado Descubertas, valorará tres categorías: «Descubertas», «Escolas Internacionais» e «GZ_00». A primeira reunirá as pezas máis innovadoras e singulares da programación do FICBUEU.

Este ano hai seis curtas a concurso: tres documentais (a holandesa Buurman Abdi, a co-produción británica e norueguesa A history of the world according to Getty Images e a iraní Majmouan) e tres cintas de animación (están a española Bloom, a finlandesa The Transient e a húngara Resting Fog).

Pola súa banda, o apartado «Escolas Internacionais», que amosa traballos de alumnas e alumnos producidos por escolas de cine de todo o mundo, contará con catro pezas chegadas de República Checa, España, Italia e Alemaña.

Na sección «GZ_00», que aglutina o talento galego emerxente, foron seleccionadas seis finalistasSolo, a veces. Frágil, siempre, de Nacho Ozores; O neno sardiña, de Lucía Estévez; 30’ 70 60’ 120, de Marta Valverde; Na pel da memoria, de Laura e Coral Piñeiro; Malgrat, de Santiago Teijelo; e O coidado, de Miguel Canalejo.

O xurado Descubertas tamén está formado por tres profesionais de distintos campos do cinema. Dúas son mulleres: a directora viguesa Anxos Fazáns, autora de curtas como Nacer en septiembre ou Área; e a profesora, fotógrafa e investigadora Nieves Febrer. A tamén cofundadora da produtora audiovisual LaCasaDigital impartirá ademais unha clase maxistral dentro das «II Xornadas Cinematográficas» do Festival, que se desenvolverán o sábado 9 arredor do tema «Cotiandade e estética do cine sensible». Acompañará a Fazáns e Febrer neste xurado o produtor e profesor Suso López, gañador dun premio Mestre Mateo á mellor dirección de produción pola película DHOGS

Entrega de premios e proxección do palmarés
Os nomes das gañadoras e dos gañadores das distintas categorías do FICBUEU daranse a coñecer nun acto que se celebrará o sábado 16 de setembro no Centro Social do Mar de Bueu, a partir das 23.00 horas, no que tamén se fará entrega do Premio Cinema Galego, concedido nesta edición á actriz Luisa Merelas. O palmarés do 2023 proxectarase nun pase ao día seguinte, domingo, ás 20.30 horas.

  • O FICBUEU programa a súa primeira Noite de festivais en colaboración con outros certames internacionais

    Bueu, 20 de novembro de 2024 – O próximo 30 de novembro terá lugar no Centro Social de Bueu a primeira “Noite de festivais”. Un evento organizado polo FICBUEU baixo o seu programa de colaboracións internacionais no que achegarán ao público catro curtametraxes procedentes doutros catro certames.  As curtametraxes foron propostas polo Edimburgh Short Film […]

    2024-11-19
  • O FICBUEU colabora este mes con diferentes festivais europeos

    Bueu, 4 de novembro de 2024 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) desenvolve a súa labor de posta en valor da curtametraxe máis aló do evento que cada no se realiza en Bueu.  Logo da 17ª edición do FICBUEU as diferentes actividades programadas para este 2024 seguen en marcha coincidindo este mes […]

    2024-11-04
  • CINCO CINEASTAS DESENVOLVEN DESDE HOXE CATRO PROXECTOS DE PELÍCULAS NA II RESIDENCIA FICBUEU NA ILLA DE ONS

    BUEU. 16.10.2024. Cinco novas cineastas traballan desde hoxe e ata o vindeiro martes na Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) no desenvolvemento dos seus próximos proxectos cinematográficos baixo a titoría de consolidadas expertas do sector audiovisual. A guionista e directora da premiada cinta 20.000 especies de abejas, Estíbaliz Urresola, lidera as formacións. As e os participantes, […]

    2024-10-16
← Volver

O FICBUEU regresa en setembro con 89 curtametraxes de preto de 30 países

FICBUEU

O certame consolídase na súa 16ª edición como «unha xanela dende a que coñecer o novo cinema internacional de autor sen esquecer a nosa propia identidade». A retrospectiva deste ano está dedicada ao director neerlandés de documentais Joris Ivens.

 

10.08.2023. Volve o FICBUEU. Durante a décimo sexta edición, que dende o a vila buenense amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema de autor, proxectaranse 70 curtametraxes dunha trintena de países dos cinco continentes. Será do 8 ao 23 de setembro. Un total de 28 curtas participan na sección oficial do Festival. Poderán verse entre os días 11 e o 16 de setembro no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. As curtas a competición presentaranse en dúas sesións de proxeccións que terán lugar ás 19.30 e ás 21.30 horas e haberá un coloquio con cineastas en cada sesión.O compromiso social con colectivos en risco de exclusión, o fomento de valores como o respecto e a igualdade, e o apego ao territorio, a Bueu, volverán ser elementos diferenciais do FICBUEU.

O cartaz da 16ª edición do Festival foi deseñado pola ilustradora Natalia Umpiérrez. Artista multidisciplinar que completou a súa formación en ilustración e animación na Universidade de Vigo, Umpiérrez participa ademais en colectivos vencellados á difusión da cultura coma o Liceo Mutante da cidade do Lérez. É coautora de obras infantís coma Cando Ana adoptou a Perico e Imaxinar animais imaxinarios.

De China a Mongolia pasando por Somalia ou Islandia
As películas a concurso están producidas ou co-producidas en 21 países dos 5 continentes. Moitas delas foron premiadas nos últimos meses nos festivais máis importantes do mundo. É o caso do documental Will you look at me?, do realizador chinés Shuli Huang, galardonado en Cannes, Sundance e Melbourne; da cinta Snow in September, da directora Lkhagvadulam Purev-Ochir, de Mongolia, que se fixo co premio á mellor curta en Venecia e Toronto, ou da curta de animación The Flying Sailor, das canadenses Wendy Tilby e Amanda Forbis, tamén distinguida en Sundance. O FICBUEU amosará tamén outras «xoias» do cinema en formato curto chegadas de lugares tan suxestivos como a India, Somalia, Islandia, Costa Rica, México ou Australia.

Galicia amosa o seu cinema
E non faltará a representación galega. O FICBUEU elixiu este ano catro curtas producidas ou dirixidas na comunidade –Ulises, de Félix Brixel; o documental Ruovesi, de Andrea Zapata-Girau; Alicia fai cousas, de Ángel Santos; e Sandwich Cat, curta de animación de David Fidalgo– para competir na sección oficial.

A programación inclúe ademais media ducia de curtametraxes de novos creadores e novas creadoras de Galicia no espazo denominado «GZ_00», que poderán verse o domingo 10 xunto aos traballos seleccionados para as seccións de «Escolas Internacionais» e «Descubertas». «Somos unha xanela dende a que coñecer o novo cinema internacional de autor sen esquecer a nosa propia identidade», afirman dende a organización do certame.

O Premio Cinema Galego FICBUEU será este ano para a actriz coruñesa Luisa Merelas. Recíbeo «pola súa importante traxectoria na televisión, no teatro e no cinema e polo seu compromiso coas producións e a cultura galegas», apunta a organización. Merelas participou en series como Pratos Combinados, Mareas Vivas ou Fariña e películas como Los lunes al sol ou As bestas.

Actividades en paralelo
O FICBUEU ten entre os seus obxectivos a divulgación da cultura, especialmente da cinematográfica. De aí que o programa do Festival estea tamén cimentado sobre actividades comoa «II Xornadas Cinematográficas». Ou a sesión «Retrospectiva», dedicada nesta edición ao cineasta neerlandés Joris Ivens (1898-1989). O director, coñecido pola súa contribución ao cinema documental dende o campo das curtametraxes, foi testemuño directa dos principais eventos históricos do século XX, desde a guerra de Vietnam e as revoltas en Indochina ata as manifestacións en Bélxica. A Joris Ivens dedícaselle este ano o Caderno FICBUEU#4. O seu autor, Severiano Casalderrey, estará en Bueu para presentar a publicación.

As futuras xeracións de espectadores de cinema seguen a ser de vital importancia para o festival. O MiniFIC, a programación dirixida á rapazada, regresará no tramo final do certame. Haberá actividades especiais para a infancia e proxeccións para alumnos e alumnas de centros de ensino do luns 18 ao venres 22.

Residencia coa guionista Isabel Peña e pódcast en directo
O programa complétase cunha importante novidade: a «I Residencia FICBUEU», que se presentará o luns 11. Trátase dunha aposta do festival pola formación, o diálogo e o traballo en equipo a través dun programa de creación baseado no fornecemento de proxectos de guión con profesionais para impulsar as curtametraxes de novos autores e novas autoras. A residencia terá lugar na Illa de Ons do 9 ao 15 de outubro e estará titorizada por Isabel Peña, guionista de filmes como As bestas ou El reino.

O FICBUEU volve apostar pola radio coma medio de difusión cultural. Cinco pódcast especializados en cinema visitarán o festival para realizar os seus programas en vivo e con público. Dende Bueu para o mundo. Abrirá «Café Derby 21», ao que lle seguirán «Kinótico», «El Cine de LQYTD», «Cine Divergente» e «Saltos de Eje». Os pódcast realizaranse en directo ás 18.00 horas no Punto de Encontro do festival e a entrada será gratuíta ata completar aforo.

O FICBUEU é un do festivais de cinema de maior impacto en Galicia. A súa aposta polo cinema de autor, pola vinculación con Bueu e O Morrazo, ou polo apoio a valores coma os da igualdade, a integración e a solidariedade, convérteno nun certame diferente marcado polo seu compromiso co cinema, coa cultura e coa persoas.

  • O FICBUEU programa a súa primeira Noite de festivais en colaboración con outros certames internacionais

    Bueu, 20 de novembro de 2024 – O próximo 30 de novembro terá lugar no Centro Social de Bueu a primeira “Noite de festivais”. Un evento organizado polo FICBUEU baixo o seu programa de colaboracións internacionais no que achegarán ao público catro curtametraxes procedentes doutros catro certames.  As curtametraxes foron propostas polo Edimburgh Short Film […]

    2024-11-19
  • O FICBUEU colabora este mes con diferentes festivais europeos

    Bueu, 4 de novembro de 2024 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) desenvolve a súa labor de posta en valor da curtametraxe máis aló do evento que cada no se realiza en Bueu.  Logo da 17ª edición do FICBUEU as diferentes actividades programadas para este 2024 seguen en marcha coincidindo este mes […]

    2024-11-04
  • CINCO CINEASTAS DESENVOLVEN DESDE HOXE CATRO PROXECTOS DE PELÍCULAS NA II RESIDENCIA FICBUEU NA ILLA DE ONS

    BUEU. 16.10.2024. Cinco novas cineastas traballan desde hoxe e ata o vindeiro martes na Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) no desenvolvemento dos seus próximos proxectos cinematográficos baixo a titoría de consolidadas expertas do sector audiovisual. A guionista e directora da premiada cinta 20.000 especies de abejas, Estíbaliz Urresola, lidera as formacións. As e os participantes, […]

    2024-10-16
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Ir o contido