Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility Outubro 2024 • FICBUEU

CINCO CINEASTAS DESENVOLVEN DESDE HOXE CATRO PROXECTOS DE PELÍCULAS NA II RESIDENCIA FICBUEU NA ILLA DE ONS

← Volver

CINCO CINEASTAS DESENVOLVEN DESDE HOXE CATRO PROXECTOS DE PELÍCULAS NA II RESIDENCIA FICBUEU NA ILLA DE ONS

FICBUEU

  • A directora e guionista de «20.000 especies de abejas», Estíbaliz Urresola, titorizará o proceso, no que outras 3 formadoras participarán tamén na mellora dos proxectos fílmicos

BUEU. 16.10.2024. Cinco novas cineastas traballan desde hoxe e ata o vindeiro martes na Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) no desenvolvemento dos seus próximos proxectos cinematográficos baixo a titoría de consolidadas expertas do sector audiovisual. A guionista e directora da premiada cinta 20.000 especies de abejas, Estíbaliz Urresola, lidera as formacións. As e os participantes, catro realizadoras e un realizador, presentaron 4 proxectos de curtametraxes ao proceso de selección para participar na II Residencia FICBUEU, que organiza o Festival Internacional de Cinema de Bueu.

A Residencia FICBUEU é un programa formativo dedicado ao tratamento integral de curtametraxes na súa etapa de desenvolvemento. As e os realizadores recibirán diferentes formacións tanto individuais coma grupais. Serviralles para adquirir competencias en diferentes aspectos da realización, a produción e a distribución de películas que lles axudarán a desenvolver os proxectos de curtas polos que foron elixidas para participar durante 6 días na II Residencia FICBUEU. Ademais, cada proxecto recibirá 2.000€ como apoio ao seu financiamento. E unha das curtas, a que se faga co Premio RC Service, obterá un desconto de 1.500€ en compra e alugueiro de material para a rodaxe da película. 

Diversidade de proxectos

Na Illa de Ons, mellorarán as súas competencias e traballarán conxuntamente no desenvolvemento dos seus filmes as realizadoras catalás Anna Calderón Dilmé e Anna Llargués, que participan con Cotorra e Àvia Peix, respectivamente; a galego-arxentina Camila Mailén, que traballa no desenvolvemento da curta Área Central; e Clara Coira e Miguel Casaseca, lucenses que presentaron a súa candidatura á II Residencia FICBUEU co proxecto fílmico From NASA to Merceditas.

Entre os proxectos participantes hai un falso documental e tres dramas. Do falso documental, From Nasa to Merceditas, aseguran os seus responsables, Coira e Casaseca, que recrea unha situación “tan absurda como real”: trátase da historia de Merceditas, unha veciña da Terra Chá lucense que recibiu unha carta da NASA convidándoa á súa sede tras ser a única persoa do mundo que viu no ceo un determinado cometa.

Con Cotorra, Anna Calderón volve sobre unha vivencia da súa nenez: a do momento no que ten que afrontar o pasamento da súa amiga Alicia. Calderón quere construír unha curta que fale “da morte na infancia, do dó entre nenas, e do medo ao esquecemento”.

Sobre Àvia Peix asegura a súa directora, Anna Llargués: «É unha historia persoal, que me conmove, e desexo que sexa contada». Na trama, tamén moi relacionada coa propia historia de vida de Llargués, a nena protagonista vive as horas da morte da súa avoa sen entender ben que acontece pero gravando o que acontece ao seu redor, cunha cámara de vídeo que lle deu o seu tío, unha sorte de documental desas horas de despedidas, trámites e tensións familiares.

Camila Mailén, directora de Área Central, explica que o seu proxecto de curta é un coming of age con tinguiduras dramáticas que pretende reflectir outro tipo de infancia, a dunha nena que pasa boa parte dos seus días no negocio familiar que a súa nai rexenta dentro dun coñecido centro comercial de Santiago de Compostela. A historia tamén parte da súa propia experiencia vital.

Equipo de formadoras

Durante a Residencia na Illa de Ons, as participantes terán titorías individuais e espazos grupais de intercambio con Estíbaliz Urresola. Ademais, accederán a tres formacións específicas en distintas materias para fortalecer os seus proxectos: Guión con perspectiva de xénero, impartida por Carmen Ávalos; A importancia da coordinación da intimidada nunha rodaxe, a cargo de Tábata Cerezo e Lucía Delgado, creadoras da empresa especializada IntimAct; e Primeiros pasos tras a finalización dun guión, impartida por Beli Martínez.

A Residencia FICBUEU conta co apoio de Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e Acción Cultural Española (AC/E). Tamén colaboran as empresas Nabia e Simei.

  • O FICBUEU abre a convocatoria de recepción de obras e presenta a súa 18ª edición.

    24/01/2025, Bueu. O Festival Internacional de Cinema de Bueu ten aberta a convocatoria de recepción de curtametraxes ata o 20 de abril. Como cada ano, o FICBUEU acollerá unha exquisita selección de obras chegadas de todo o mundo. Alén das proxeccións, o FICBUEU seguirá convidando ao público a participar en coloquios, encontros e actividades relacionadas […]

    2025-01-24
  • BUEU escolle a Mellor Curtametraxe Holandesa

    Bueu, 10/ 01/ 2025 – Shortcutz Amsterdam invita un ano máis ao público do FICBUEU a participar na elección da curtametraxe holandesa favorita do público. Shortcutz Amsterdam é un movemento internacional de curtametraxes que se converteu nunha das maiores plataformas dos Países Baixos para o cinema neerlandés. Esta plataforma brinda oportunidades de exhibición e conecta audiencias […]

    2025-01-10
  • O FICBUEU programa a súa primeira Noite de festivais en colaboración con outros certames internacionais

    Bueu, 20 de novembro de 2024 – O próximo 30 de novembro terá lugar no Centro Social de Bueu a primeira “Noite de festivais”. Un evento organizado polo FICBUEU baixo o seu programa de colaboracións internacionais no que achegarán ao público catro curtametraxes procedentes doutros catro certames.  As curtametraxes foron propostas polo Edimburgh Short Film […]

    2024-11-19
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Ir o contido