A arxentina Magdalena Arau, o iraní Amir Masoud Soheili e o portugués Miguel Dias formarán o xurado oficial do FICBUEU

Bueu, 31/07/2026 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu reunirá profesionais de todo o mundo para decidir un palmarés que repartirá preto de 5.000 euros en premios na súa 19ª edición.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), que celebrará a súa décimo novena edición entre o 4 e o 19 de setembro, contará cunha destacada representación internacional entre os xurados desta edición. O Xurado Oficial e o Xurado Descubertas, reunirán seis profesionais de referencia da creación, a produción, a programación, a montaxe, a investigación e a crítica cinematográfica para decidir o palmarés dunha edición que repartirá preto de 5.000 euros en premios.

O Xurado Oficial estará integrado por tres figuras cunha ampla traxectoria no ámbito da curtametraxe e dos festivais internacionais. A  arxentina Magdalena Arau, programadora do BAFICI desde 2016, docente universitaria e asesora de proxectos audiovisuais, achega unha experiencia que abrangue a programación, a formación e a participación como xurado en festivais e fondos de desenvolvemento de diferentes países, converténdoa nunha das voces máis recoñecidas do panorama cinematográfico latinoamericano.

Xunto a ela participará o cineasta, programador e fotógrafo iraniano Amir Masoud Soheili, autor de curtametraxes recoñecidas en festivais como Tallinn Black Nights, Leeds ou Interfilm Berlin e membro de equipos de programación en certames de Asia, Europa e África. A súa traxectoria combina a creación audiovisual coa promoción do cinema independente a nivel internacional.

Completa este xurado o portugués Miguel Dias, fundador e director do Curtas Vila do Conde e director da Agência da Curta Metragem, que leva máis de tres décadas impulsando a difusión e a produción da curtametraxe portuguesa, ademais de desenvolver un intenso labor como programador e comisario cinematográfico.

Xurado Descubertas: tres miradas ao cinema actual

Pola súa banda, o Xurado Descubertas estará formado pola produtora Silvia Fuentes, a montadora e realizadora Laura Piñeiro e o investigador e crítico Aarón Rodríguez Serrano, tres perfís complementarios que representan distintas formas de entender o cinema contemporáneo.

Como produtora e fundadora de Sétima, Silvia Fuentes impulsou nos últimos anos algúns dos títulos máis destacados do cinema galego recente, como As liñas descontinuas ou Filmei paxaros voando.

Laura Piñeiro desenvolve a súa actividade como montadora cinematográfica e realizadora no ámbito do cinema independente galego. Forma parte tamén dos equipos de programación da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico e do Festival Intersección.

Pechando este xurado, Aarón Rodríguez Serrano é catedrático de Narrativa Audiovisual na Universitat Jaume I, investigador especializado en análise fílmica e autor de numerosas publicacións de referencia sobre cinema contemporáneo, compatibilizando a súa actividade académica coa crítica cinematográfica e a asesoría de guión.

O Xurado Oficial será o encargado de conceder o Premio FICBUEU, así como os galardóns á Mellor curtametraxe galega e á Mellor curtametraxe española. Pola súa parte, o Xurado Descubertas decidirá as obras gañadoras das categorías Descubertas, GZ_00 e Escolas Internacionais, completando un palmarés que tamén incluirá o Premio do Público e os recoñecementos das seccións educativas. Ademais, cabe destacar que a Academia de Cine incorporou o FICBUEU á listaxe oficial de festivais cualificadores para os Premios Goya nas categorías de Mellor Curtametraxe de Ficción, Mellor Curtametraxe Documental e Mellor Curtametraxe de Animación.

Coa composición destes dous xurados, o FICBUEU reforza a súa vocación internacional e o seu compromiso cunha mirada plural sobre a creación audiovisual contemporánea, reunindo en Bueu profesionais procedentes de distintos países e ámbitos do sector para valorar unha escolma das mellores curtametraxes do panorama actual.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.