Bueu, 5 de outubro de 2026 – A Residencia FICBUEU celebra a súa cuarta edición, marcada polo éxito da convocatoria, que recibiu máis de duascentas candidaturas de creadoras e creadores de diversos puntos do mundo con proxectos en lingua española.
Do 13 ao 19 de outubro, as cineastas seleccionadas vivirán unha experiencia inmersiva na Illa de Ons, un enclave natural único que ofrece un contexto privilexiado para o desenvolvemento dos seus proxectos. Durante sete días, contarán cun espazo de traballo e reflexión no que poderán abordar de maneira integral o proceso de creación das súas curtametraxes, acompañadas por un equipo de profesionais de referencia no sector audiovisual.
A cineasta Belén Funes será a titora desta cuarta edición e estará presente ao longo de toda a residencia para guiar o proceso creativo dos proxectos seleccionados.

Graduada en Dirección de Ficción pola ESCAC e formada tamén na Escola Internacional de Cine e Televisión de San Antonio de los Baños (Cuba), iniciou a súa traxectoria na dirección coa curtametraxe Sara a la fuga, gañadora das Biznagas de Prata á Mellor Dirección e á Mellor Curtametraxe no Festival de Málaga. En 2019 estreou La hija de un ladrón, a súa primeira longametraxe, na Sección Oficial do Festival de San Sebastián. A película obtivo o Goya á Mellor Dirección Novel e tres premios Gaudí. A súa segunda longametraxe, Los Tortuga, estreouse no Festival Internacional de Cine de Toronto e recibiu posteriormente tres premios no Festival de Málaga, entre eles as Biznagas á Mellor Dirección e ao Mellor Guión.
Ao longo da semana a cineasta ofrecerá titorías individualizadas e espazos de traballo conxunto, acompañando as participantes no desenvolvemento dos seus proxectos e facilitando ferramentas para afondar nas diferentes fases do proceso creativo.
Formacións específicas para completar o proceso creativo
O programa formativo da Residencia FICBUEU complétase coa participación de catro profesionais vinculadas a diferentes ámbitos do proceso de creación dunha curtametraxe: Anxos Fazáns e Silvia Fuentes, da produtora galega Sétima Cooperativa Audiovisual; Lucía Delgado, cofundadora de IntimAct; e a cineasta e directora de casting Noemi Chantada. As súas formacións permitirán ás persoas participantes afondar en aspectos específicos do desenvolvemento dos seus proxectos, complementando o traballo de titoría realizado por Belén Funes.

Anxos Fazáns e Silvia Fuentes, fundadoras da produtora galega Sétima Cooperativa Audiovisual, serán as responsables do obradoiro O traballo de produción dunha curta. Ambas contan cunha ampla experiencia no desenvolvemento e produción de proxectos audiovisuais, entre os que se atopan As liñas descontinuas, Filmei paxaros voando ou Cando toco un animal. Na formación percorrerán as distintas fases do proceso de produción, desde o desenvolvemento da idea ata a execución e o peche do proxecto, prestando atención ás dificultades máis habituais que poden xurdir durante o transcurso das diferentes etapas.

Lucía Delgado impartirá a formación A importancia da coordinación de intimidade nunha rodaxe. Actriz e coordinadora de intimidade, é cofundadora de IntimAct e unha das pioneiras desta especialidade en España. Ao longo da súa traxectoria participou en máis de cen producións nacionais e internacionais, entre elas Creatura, de Elena Martín; Maspalomas, de Jose Mari Goenaga e Aitor Arregi; Querer, de Alauda Ruiz de Azúa, ou a serie Élite. Na súa formación abordará a xestión das escenas íntimas (máis alá das de carácter sexual) e a creación de contornas de confianza, seguridade e protección para intérpretes e equipos.

Noemi Chantada, impartirá a formación O proceso de casting, centrada nas estratexias para a busca e selección de intérpretes. Realizadora e directora de casting, debutó neste eido con O Corno, de Jaione Camborda, e posteriormente participou en proxectos como Romería, de Carla Simón, ou San Simón, de M. A. Delgado. A formación estará adaptada ás necesidades específicas das persoas participantes e dos seus proxectos, achegando ferramentas prácticas para abordar o proceso de casting desde as primeiras fases de preparación dunha curtametraxe.
A selección de cineastas
Gabriela Sellanes Fagini e Alejandro González — Gabriela Sellanes Fagini e Alejandro González son creadores e guionistas afincados en Madrid, onde desenvolven unha colaboración creativa que xa deu lugar a varios proxectos audiovisuais.
Gabriela, cineasta e guionista uruguaia, constrúe unha obra íntima e sensorial arredor das relacións, a identidade e a fraxilidade humana. Entre os seus proxectos destaca Como Sylvia Plath, curtametraxe en desenvolvemento recoñecida no Detour Film Festival Screenplay Competition, no Talento Madrid Emergente ou no Emergente Cine Lab.
Alejandro graduouse en Guión pola ECAM en 2025 e, desde entón, escribiu xunto con Gabriela a súa primeira serie para unha plataforma e escribiu un programa de entretemento para Living Producciones. A súa escrita céntrase nas festas e no desexo, e neses momentos nos que aquilo que parecía divertido deixa, de súpeto, de selo. O seu proxecto de longametraxe Niño maldito participou en FireLAB 2026.
Na Residencia FICBUEU traballarán xuntos no desenvolvemento de Yo la veo guapa, dando continuidade a un tándem creativo que segue medrando
Manuel Parada Martínez — Historiador e guionista pontevedrés, graduado en Historia da Arte e especializado na escritura de proxectos audiovisuais para diferentes formatos, na creación de historias para públicos diversos e no tratamento de temáticas inclusivas. Na Residencia FICBUEU desenvolverá As estraperlistas, un proxecto de curtametraxe que se suma á súa experiencia como guionista en obras como Camiñar no Sitio ou Let It Roll. A súa traxectoria tamén inclúe proxectos vinculados á accesibilidade cultural, como Melodías sobre Lienzo, unha proposta de audioguías para achegar a pintura ás persoas con discapacidade visual.
Noelia Sánchez e Ana Sánchez — Noelia e Ana desenvolven unha colaboración creativa que combina a experiencia de Noelia na dirección e na escrita coa formación de Ana en dirección de fotografía e os seus primeiros traballos na escrita.
Noelia, formada en Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos e en Comunicación Audiovisual, iniciou a súa traxectoria en produción e como axudante de dirección. En 2023 estreou Doente, a súa primeira curtametraxe como directora, guionista e produtora, seleccionada en festivais nacionais e internacionais e recoñecida, entre outros, co premio á Mellor Dirección no Moonlight Online International Film Festival.
Ana estudou Comunicación Audiovisual en Pontevedra e cursou o Máster en Dirección de Fotografía na ESCAC. Tras iniciarse no departamento de cámara, traballou como directora de fotografía en videoclips, documentais e curtametraxes, entre elas Cans de Ferro, de Zahira Teijelo, e Doente, de Noelia Sánchez. Paralelamente, comezou a desenvolver a súa faceta como guionista, da que Peixiños é un dos primeiros proxectos.
Na Residencia FICBUEU traballarán conxuntamente en Peixiños, afondando nunha colaboración na que as súas diferentes experiencias e miradas se complementan.
Santi Rodríguez — Director e guionista formado en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña e na ECAM, desenvolve desde O Bierzo unha mirada cinematográfica centrada na transformación do mundo rural e na memoria das comunidades de traballadores en risco de desaparecer.
Na Residencia FICBUEU traballará no desenvolvemento de Donde la tierra descansa, un proxecto que continúa esta liña de investigación sobre o territorio e a memoria. Rodríguez formou parte do Xurado Novo da 70.ª SEMINCI e do equipo de produción do programa Escuela de Oficios da ECAM.









