FESTIVAL INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES DE BUEU | FICBUEU

Novas do festival

← Volver

A primeira longametraxe de Tolentino e as curtas dos obradoiros abren o FICBUEU 2021

FICBUEU

  • A actuación de ‘Two in the mirror’ dará paso á inauguración oficial do 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

O 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu arrinca hoxe venres cun gran acto de inauguración no que se estrearán as obras realizadas nos obradoiros cinematográficos impartidos ao longo do último curso. A música en directo e a longametraxe de apertura completan a xornada de arranque do FICBUEU 2021, que se prolongará ata o día 19 co Centro Social do Mar como epicentro.

A actuación ao aire libre do dúo de versións Two in the mirror a partir das 19:15 horas creará o ambiente propicio para iniciar ás 20 horas o acto inaugural, no que intervirán as autoras e autores das dúas curtas que se van presentar. Cuartos de lúa é unha obra de ficción con tinturas surrealistas elaborada no obradoiro da Asociación FICBUEU para persoas adultas, mentres que as rapazas e rapaces crearon Unha curta de cine, documental que repasa a historia das salas de cinema da vila a través de diversas entrevistas.

Posteriormente, ás 22 horas, contaremos coa presenza do recoñecido crítico cinematográfico Javier Tolentino para presentarnos a súa primeira longametraxe: Un blues para Teherán. A fita narra a historia de Erfan, un mozo kurdo que canta, escribe poesía, vive cos seus pais e quere ser director de cine. Tradición e modernidade mestúranse no Irán que nos amosa esta recente película, para a que se poden adquirir as entradas na tenda da web.

Proxeccións, charlas e concertos

A programación do FICBUEU 2021 intensificarase o sábado día 11 cunha variada axenda que arrincará ás 11:30 horas no Punto de Encontro coa palestra ‘O cartel da película’ a cargo do prestixioso estudio Barfutura, mentres que ás 12:30 horas Ataque Escampe protagonizará a primeira sesión vermú do festival. Trátase dun dos tres concertos que se ofrecerán dentro do ciclo ‘Mergullade’, co apoio do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021.

Xa pola tarde, ás 18 horas realizarase ao vivo o programa radiofónico Carne Cruda, con entrevistas á directora Margarita Ledo e á model maker Sonia Iglesias, e mais a actuación de Tanxugueiras. Ás 20 horas proxectarase a primeira sesión da Sección Experimental, integrada por filmes que permiten vivir unha experiencia cinematográfica única, e ás 22 horas a Panorama, con algunhas das mellores curtas realizadas o pasado ano en todo o mundo.

A xornada do domingo 12 arrincará ás 11:30 horas coa charla sobre ‘Stop motion’ impartida por Sonia Iglesias, que traballa creando este tipo de bonecos para producións internacionais. Ás 10 horas presentarase a webserie Cacola, de David Fidalgo, quen estivo nominado aos premios Goya pola súa última curtametraxe. Ademais, haberá novas sesións de Experimental e Panorama, de xeito que se pode combinar a asistencia ás proxeccións e ás actividades.

Durante a semana, as tardes terán unha estrutura semellante de luns a venres, xa que ás 20 e ás 22 horas se desenvolverán as proxeccións dos cinco bloques da Sección Internacional, con programas diferentes en cada un dos horarios e cun faladoiro entre ambos dinamizado por persoas expertas. O luns 13 de setembro, ademais, a actividade dará comezo ás 16:30 horas coa presentación do segundo dos Cadernos FICBUEU, centrado nas curtas da National Film Board of Canada, para dar paso ás 18 horas á Sección Carta Branca, que presentará o propio produtor de animación da NFB e comisario da sección, Marc Bertrand.

Durante os catro días seguintes, ás 17:30 horas desenvolverase a Sección Retrospectiva, centrada tamén nos títulos da produtora pública canadense. A maiores, o martes 14 ás 18 horas terá lugar a mesa redonda ‘O financiamento dos festivais de cinema’, na que participarán representantes Clermont-Ferrand (Francia), Morelia (México) e Xixón. O debate estará dinamizado pola presidenta da Federación Pantalla, Elena Subirà, e poderá seguirse en directo a través das canles de Facebook e Youtube do FICBUEU.

A derradeira fin de semana do FICBUEU 2021 inclúe o ‘Encontro con Alfonso Agra’, actor que recibirá o Premio Cinema Galego, e mais as proxeccións e coloquios das seccións Galicia R e España. Tamén se celebrará outra mesa sectorial sobre ‘A comunicación nos festivais de cinema’ da man de Proxecta, unha sesión de Curtas en familia e o concerto de Marcelo Dobode. Todo iso o sábado 18, mentres que o domingo 19 estará dedicado á rapazada, coa Gala Escolas Galegas, o obradoiro ‘As orixes do cine’ con Caspervek tocando en directo e o espectáculo musical ‘Dobre extra!’, no que Paco Nogueiras interpreta os seus temas mentres Marc Taeger os ilustra en directo. Para rematar, celebrarase a Gala de Clausura, centrada na entrega de premios, e proxectarase o filme de peche, Sole, de Carlo Sironi.

Pases para alumnado de centros educativos, obradoiros de guión e rodaxe con colectivos profesionais, o mercado da curtametraxe ou a ruta de tapas son outras das actividades que se desenvolverán no marco do 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, sobre o cal se pode atopar toda a información na web e nas redes sociais. O evento conta coa colaboración de diversas entidades, entre as que destacan o Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra a través da marca #riasbaixasfilmfest, a Agadic da Xunta de Galicia e o ICAA.

  • As curtas do alumnado e o filme ‘Sole’ complementan a Gala de Clausura do FICBUEU

    Autoridades e cineastas participarán mañá na cerimonia de entrega de premios, onde a presenza internacional será virtual. Diversos profesionais galegos e doutras autonomías asistirán mañá domingo á Gala de Clausura do 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, mentres que aos convidados internacionais verémolos en vídeo. Membros dos distintos xurados como o director Fon Cortizo, […]

    18/09/2021
  • A primeira longametraxe de Tolentino e as curtas dos obradoiros abren o FICBUEU 2021

    A actuación de ‘Two in the mirror’ dará paso á inauguración oficial do 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. O 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu arrinca hoxe venres cun gran acto de inauguración no que se estrearán as obras realizadas nos obradoiros cinematográficos impartidos ao longo do último curso. A música en […]

    10/09/2021
  • O FICBUEU camiña cara a normalidade cun amplo programa de filmes e actividades na 14ª edición

    A organización e as administracións financiadoras presentaron a programación que se desenvolverá do 10 ao 19 de setembro O 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) ofrecerá entre o 10 e o 19 de setembro máis de cen filmes e ducias de actividades complementarias, retomando boa parte da programación previa á pandemia pero mantendo […]

    07/09/2021