A temática do exilio ocupará a Sección Retrospectiva e o Caderno FICBUEU #6, ademais de inspirar a imaxe da 18ª edición do festival

Bueu, 17/07/2025 – O Festival de Cinema de Bueu presenta un dos focos centrais da programación da vindeira edición, que se celebrará do 5 ao 20 de setembro. 
A través dos cinco filmes que compoñen a Sección Retrospectiva, e que terá lugar o sábado 13 de setembro ás 17:00 H no auditorio do Centro Social do Mar, abordarase a figura da exiliada/o e a cuestión identitaria. Estas pezas exploran, arredor do concepto de exilio, diferentes respostas narrativas e estéticas de cineastas de vangarda como Alexander Kluge, Joao Cesar Monteiro, Chantal Akerman, Pier Paolo Pasolini e Jomí García Ascot.

  • Brutalität in Stein (Brutalidade en pedra, 1961) foi a primeira película realizada polo cineasta alemán Alexander Kluge. Nela aborda o retorno ás ruínas e á barbarie do ideario nazi promovido polo Terceiro Reich. 
  • O portugués João César Monteiro, tamén no seu debut como director, forza o reencontro da palabra poética coa voz e o corpo de quen a concibe. Exilio e retorno, neste caso, sobre a poeta, tamén portuguesa, Sophia de Mello Breyner Andresen (1969).
  • A cineasta belga Chantal Akerman desprega en La Chambre (O cuarto, 1972) un delicado exercicio de auto observación nesta obra filmada durante o exilio de Akerman na cidade de Nova York.
  • Pier Paolo Pasolini entréganos con Pasolini e la forma della città (Pasolini e a forma da cidade, 1974) un ensaio cinematográfico no cal o poeta italiano entoa unha advertencia premonitoria sobre a ameaza fascista.
  • E en toda esta escoloma de xestos fílmicos relacionados co exilio, o centro ocúpao a case descoñecida curtametraxe de Jomí García Ascot, Remedios Varo 1913-1963 (1967). García Ascot abraza aquí a voz de María Luisa Elío para aventurase agora nas profundidades da pintura de Remedios Varo. 

Todo este universo serviu de inspiración para chegar á imaxe definitiva desta 18ª edición do FICBUEU. Traballouse arredor da idea de xogo coas texturas e a aplicación de cor sobre diversos fotogramas pertencentes á curtametraxe Remedios Varo 1913-1963, de Jomí García Ascot. Deste xeito, faise referencia a movementos de calor e ao propio uso da textura de mapa como referencia á deslocalización como motor creativo e estético. 

Nesta edición do festival, o investigador e docente José Manuel Mouriño é autor do Caderno FICBUEU #6. O destino como forma. Imaxes do exilio / exilios da imaxe, en diálogo cos cinco títulos que conforman a Sección Retrospectiva, da que tamén é curador e a través da cal propón unha exploración entre o concepto de exilio e o mundo da imaxe cinematográfica e audiovisual. 

O caderno FICBUEU #6, forma parte da serie de publicacións anuais coas que o FICBUEU busca contribuír á bibliografía e historiografía cinematográficas, centrando o foco nas curtametraxes, un formato habitualmente esquecido nos libros de historia do cinema. 

Este número, o Caderno FICBUEU #6. O destino como forma. Imaxes do exilio / exilios da imaxe, profundiza na relación entre o concepto de exilio e o mundo da imaxe cinematográfica a través dos procesos de búsqueda e reflexión de dúas mulleres poetas e creadoras, a actriz María Luisa Elío e a filósofa María Zambrano. 

A partir do seu pensamento, o texto explora a forma na que determinadas autoras e autores asumen o proceso creativo, esencialmente, como unha vivencia; confluíndo (e confundindo) vida e obra.

O estudo de base desta publicación é unha liña e investigación do Laboratorio María Zambrano de poética audiovisual, da Fundación Zambrano Vélez- Málaga.

A presentación do Caderno FICBUEU #6, da man do seu autor José Manuel Mouriño, terá lugar o sábado 13 de setembro ás 11:00 H. na Sala Amalia Domínguez Búa. Esta actividade contará ademais coa presenza de Diego García, fillo de Jomi García Ascot, director dun dos filmes que conforma a Sección retrospectiva, Remedios Varo 1913-1963 (1967).

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.