Ábrese a tenda do FICBUEU e saen á venda as entradas para a 15ª edición do festival
FICBUEUOs abonos e as entradas estarán dispoñibles dende hoxe na tenda en liña e no despacho de billetes durante o festival
O Festival Internacional de Cinema de Bueu abre a súa tenda en liña de cara á 15ª edición do evento, sacando á venda as diferentes entradas e abonos para as proxeccións e actividades programadas este ano.
Do mesmo xeito, na tenda en liña tamén estarán dispoñibles diferentes artigos relacionados coa 15ª edición do festival, como camisetas, chapas ou bolsas, ademais dos diferentes Cadernos protagonistas das Seccións Retrospectiva do FICBUEU.
As entradas e abonos para o festival, que se celebrará entre o Centro Social do Mar e o Punto de Encontro do 11 ao 24 de setembro, xa están á venda en www.ficbueu.com/tenda. O abono da Sección Oficial terá un custo de 12 euros e dará acceso ás cinco sesións de proxección que están programadas dende o luns 12 ata o venres 16, coa posibilidade de seleccionar o horario das 19 horas ou o das 21 horas.
Tamén será posible adquirir a entrada individual, cun prezo de 3 euros, que dará acceso a unha única sesión da Sección Oficial ou para asistir a outras Seccións do FICBUEU (como son os casos de Descubertas, Galicia R ou España).
A Sección Descubertas terá lugar o venres 16 ás 17 horas, mentres que as Seccións España e Galicia R celebraranse o sábado 17, a primeira ás 17 horas e a segunda ás 19 horas. Nestas dúas últimas o público poderá acceder aos correspondentes coloquios coas e cos cineastas.
Por outra banda, a asistencia ao programa Carne Cruda, que se realizará en directo o sábado 17 ás 12.00 horas, terá un prezo de 5 euros, ao igual que en pasadas edicións.
Terán carácter de balde aínda que será preciso retirar convite previo o Acto Inaugural (domingo 11 ás 19 horas), a Gala Escolas Galegas (venres 23 ás 11.30 horas), a Sección Curtas en Familia (venres 23 ás 18.30 horas) e as proxeccións da Sección Retrospectiva (do luns 12 ao xoves 15 ás 17 horas).
O protagonismo da Sección Retrospectiva deste ano recae nas obras realizadas polo IIEC e a EOC durante os anos 1947 e 1976, sendo de igual forma o tema tratado no Caderno FICBUEU#3, que será regalado a todas as persoas que merquen os boletos de dita Sección. De balde tamén serán outras actividades como a propia presentación do Caderno (sábado 17 ás 11 horas) ou o concerto de Tulsa (sábado 17 ás 22.30 horas).
Durante a segunda semana celebrarase o MiniFIC, empezando coas proxeccións das Seccións Escolas Internacionais e Escolas de Imaxe e Son e Facultades o día 19 (ás 11 horas e ás 13 horas, respectivamente). Durante esta xornada tamén se entregarán os correspondentes premios (13.30 horas), contando as tres actividades con acceso libre ao público.
Do martes 20 ao xoves 22 haberá xornada de portas pechadas, coas proxeccións das Seccións Cativa, Infantil e Xuvenil, reservadas para os centros de estudo e o alumnado. Xa o venres 23 abrirase de novo o acceso ao público en actividades como a Gala Escolas Galegas (11.30 horas), na que será preciso retirar convite, o obradoiro de storyboard (16 horas), o Consertasso na horta (17 horas) e a Sección Curtas en Familia (18.30 horas), na que tamén haberá que pasar a polo convite.
Mesma situación que se da na I Xornada Cinematográfica (sábado 24), unha das novidades da presente edición, para a que o único requisito será reservar praza a través do formulario web. A proxección da obra de Andrei Tarkovski ‘Zerkalo’ (21 horas) será a única de pago, cun prezo de 3 euros.
Outra das novidades da edición deste 2022 será a posibilidade de seguir en directo algunha das actividades do FICBUEU a través da canle de Twitch, o que permitirá estar ao tanto do evento de forma telemática.
Para as interesadas e os interesados en asistir de forma presencial ao FICBUEU outra alternativa será retirar os boletos no despacho de billetes, situado no Centro Social do Mar. Este abrirase a partir do 5 de setembro e ata o próximo día 10, xusto antes do inicio do festival, cun horario de 18 horas a 20 horas. Durante o evento, o despacho estará aberto unha hora antes do inicio de cada actividade.
En caso de dúbidas coa tenda en liña ou co despacho de billetes, pódese escribir ao correo electrónico info@ficbueu.com ou contactar a través dos diferentes perfís en redes sociais (@FICBUEU).