CONVERSA. A MÚSICA E A MONTAXE EN ROMERÍA
SÁBADO 6 ÁS 18:30 H. SALA MULTIUSOS
Gaspar Broullón, produtor e montador, moderará esta conversa entre Ana Pffaf (montadora) e Ernest Pipó (compositor). Música e montaxe son dous elementos fundamentais na constitución do ritmo dun filme, e a súa correcta conxunción sendo moitas veces parte fundamental da súa proposta estética e narrativa. Durante o encontro, ambos profesionais reflexionarán sobre os procesos de traballo conxunto no filme Romería (Carla Simón), dialogando co público sobre a importancia das sinerxias entre ambas disciplinas.
Ana Pfaff focalizou ata o momento o seu traballo como montadora no cinema independente. Ten traballado con cineastas como Chema García Ibarra, Victor Iriarte ou Clara Roquet. Moitas das películas montadas por Pfaff percorreron con éxito os festivais internacionais, destacando o Oso de Ouro en Berlín de Alcarràs (2022) ou a estrea na Sección Oficial de Cannes da propia Romería. O seu traballo de montaxe foi recoñecido con dous Premios Gaudí e outras tantas candidaturas aos Goya. Como realizadora, forma parte do colectivo Dostopos xunto á montadora Ariadna Ribas.
Ernest Pipó é un compositor asentado en Barcelona. Empeza a súa carreira musical como guitarrista de música xeralmente instrumental e improvisada. Achégase á música de tradición escrita e ao piano mediante a súa aproximación ao mundo do cinema; nese ámbito, asinou as partituras da longametraxe Estiu 1993 (2017) e da curtametraxe Después también (2019), anteriores traballos da directora Carla Simón.
O moderador deste encontro, Gaspar Broullón, é un produtor, montador e realizador galego con máis de 20 anos de experiencia. Recibiu en catro ocasións o premio Mestre Mateo á Mellor Montaxe polo seu traballo nas series Hierro (2019-2022) e Rapa (2022-2024), e traballou como produtor executivo en filmes como O Corpo Aberto (Ánxeles Huerta, 2022) ou Eroski-Paraíso (Jorge Coira e Xesús Ron, 2019). Na actualidade é profesor na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade da Coruña e vicepresidente no Clúster Audiovisual Galego.
