Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility Premio Cinema Galego FICBUEU 2022: Miguel de Lira • FICBUEU
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

Actividades

← Volver
Premio Cinema Galego FICBUEU 2022: Miguel de Lira

Premio Cinema Galego FICBUEU 2022: Miguel de Lira

DISPOÑIBLE A TRAVÉS DAS NOSAS REDES SOCIAIS

Actor de ampla experiencia e traxectoria en teatro, cinema e televisión.

Durante os seus estudos universitarios, entra en contacto co mundo teatral e remata sendo membro fundador do grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro en 2014, no que leva traballando como director, actor e produtor dende 1986.

Converteuse nunha icona popular da TVG por papeis coma o de Evaristo na serie Mareas Vivas ou por protagonizar a Pepe O’Inglés, participando posteriormente en series nacionais coma Los hombres de Paco, Matadero ou Vivir sin permiso.

No ámbito do cinema, ten participado en gran cantidade de curtametraxes e en máis de vinte longametraxes, entre as que recentemente destacan Cuñados de Toño López, Ons de Alfonso Zarazuza, Dhogs de Andrés Goteira, María (y los demás) de Nely Reguera, A esmorga de Ignacio Vilar ou Eroski Paraíso, adaptación da obra homónima de Chévere dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron pola que recibiu o Premio Mestre Mateo ao Mellor Actor Protagonista en 2020.

Nesta edición outorgaremoslle o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022 pola súa prolífica carreira actoral, e a súa destacada dedicación e compromiso coa cultura e sociedade galega. O xornalista e produtor Gaspar Broullón realizará unha entrevista en profundidade que estará dispoñible en liña para o público na Canle FICBUEU.