PRESENTACIÓN DO CADERNO FICBUEU #7. A CURTAMETRAXE: TERREO DE EXPERIMENTACIÓN E VANGARDA DA CIENCIA FICCIÓN
DOMINGO 6 ÁS 11:00 H. SALA AMALIA DOMÍNGUEZ BÚA.
O Caderno FICBUEU #7 analiza a relación entre a narrativa de ciencia ficción, a experimentación visual e o formato curto. O ensaio fai un percorrido desde os inicios do cinema, período en que a curta de ciencia ficción foi especialmente prolífica, pasando pola época dourada do xénero nos anos 50 e 60 e o éxito das películas de serie B sobre futuros apocalípticos e invasións extraterrestes, chegando ata a actualidade e expoñendo a variedade de estilo, posta en escena e temática das obras estudadas.
Esta análise permite reivindicar o formato de narración breve (tanto na literatura como no audiovisual) como idóneo para a ciencia ficción, mostrando os beneficios que ten para abordar historias narrativamente complexas e visualmente ambiciosas. As curtametraxes exploradas no Caderno proban tamén como este é un formato accesible e inspira primeiras obras que en diversas ocasións serviron de antesala para longametraxes. Ponse especial atención na hibridación da ciencia ficción con outros xéneros, como a fantasía, a comedia, o terror ou o romance.
A autora do Caderno FICBUEU #7 é Irene de Lucas Ramón, doutora en Comunicación Audiovisual pola Universitat de València. Responsable de numerosos artigos de análise cinematográfica en revistas especializadas, colabora regularmente nos monográficos de Shangrila Ediciones e na Colección SOLARIS. Na súa investigación aborda a obra de autoras pioneiras no cine, como Alice Guy ou Helena Cortesina, sobre a que comisariou unha exposición na 38ª edición da Mostra de València-Cinema del Mediterrani. A parte da súa carreira como investigadora, é directora de curtametraxes e xurado de diversos festivais en España e no estranxeiro.
