Actividades
Máis aló das proxeccións
CONCERTO. CHUS PAZOS ENSEMBLE
VENRES 4 ÁS 20:00 H. EXTERIORES DO CENTRO DOCIAL DO MAR
A agrupación musical Chus Pazos Ensemble será a encargada de inaugurar a 19ª edición do FICBUEU. Chus Pazos é un dos baterías de referencia da escena do jazz galego, cunha traxectoria de máis de vinte anos sobre os escenarios. No FICBUEU presenta un concerto en formato trío xunto a dous acompañantes de luxo: Álex Touceda ao contrabaixo e Dani Font á guitarra. O repertorio combinará composicións orixinais con grandes estándares do jazz americano, nunha proposta que transita entre a tradición e a creación contemporánea.
APERTURA E PROXECCIÓN DE LA JETÉE DE CHRIS MARKER
VENRES 4 ÁS 21:00 H. AUDITORIO
Manuel Pena presentará a programación da 19ª edición do FICBUEU, nun pequeno acto de apertura que estará acompañado da proxección do clásico La Jetée. Nesta obra converxen algúns dos piares fundamentais desta edición: a curtametraxe como formato de vangarda, o cinema que explora os seus límites e a experimentación no xénero da Ciencia Ficción.
O filme, que se integra dentro da Sección Retrospectiva, sitúase tras unha apocalíptica guerra nuclear que deixou o mundo devastado. Un grupo de científicos do bando vencedor chega á conclusión de que o único modo de salvar á humanidade é recorrendo ás viaxes a través do tempo: ou mandando a unha persoa ao pasado para pedir axuda, ou ao futuro para buscar unha solución á situación presente.
MESA REDONDA. LÍMITES, POTENCIAIS E PARADOXOS DA REPRESENTACIÓN NO CINEMA CONTEMPORÁNEO
SÁBADO 5 ÁS 10:30 H. SALA MULTIUSOS
MESA REDONDA. LÍMITES, POTENCIAIS E PARADOXOS DA REPRESENTACIÓN NO CINEMA CONTEMPORÁNEO
SÁBADO 5 ÁS 10:30 H. SALA MULTIUSOS
Que ocorre cando unha cámara elixe que mostrar e que deixar fóra de plano? Quen decide como se representa a un pobo, a un líder, a un movemento? Oriol Erausquin, Ricci Galiano e Layla Martínez explorarán as trampas e potenciais da imaxe cinematográfica a través de dous casos concretos. O primeiro: a representación do pobo palestino. O enfoque humanitario dominante, centrado na figura da vítima, tende a invisibilizar a súa resistencia ou a convertila en algo incómodo, cando non directamente criminalizala.
O segundo: a figura de Trump e a extrema dereita contemporánea. A sátira política atopou nel un filón, pero, que se perde cando o reducimos á súa caricatura? Axuda realmente a entender o fenómeno, ou máis ben trivializa e deixa na sombra os intereses económicos e as estruturas de poder que explican o seu ascenso ao poder e o xiro fascista? E, nese retrato da extrema dereita, que lugar ocupa a resistencia organizada?
Esta conversa pretende reivindicar que pensar a representación non é un exercicio estético, senón unha cuestión profundamente política: decidir onde poñemos o foco é tamén un exercicio de poder sobre o que reflexionar, cuestionar e confrontar.
Layla Martínez é editora e escritora. Publicou o ensaio Utopía no es una isla (2020) e a novela Carcoma (2021). Actualmente atópase escribindo o seu primeiro guión e corrixindo a súa segunda novela.
Oriol Erausquin é graduado en Filosofía, Política e Economía e autor de La Rabia es Nuestra (2025). A súa actividade pública abarca o activismo, a comunicacións dixital e a produción cultural. Actualmente está terminando a súa tese doutoral en socioloxía sobre as teorías conspirativas de extrema dereita.
Ricci Galiano está formado en dirección de escena e teatro contemporáneo pola Real Escola Superior de Arte Dramática e a Royal Central School of Speech and Drama. Investiga sobre o papel da arte e a cultura como mediacións políticas, combinándoo coa loita queer e o movemento de solidariedade con Palestina e o anti-imperialismo.
CLASE MAXISTRAL. AUTOCENSURA E CANCELACIÓN NO CINEMA
SÁBADO 5 ÁS 12:30 H. SALA MULTIUSOS.
Quen pode rodar que? Quen pode interpretar a quen? Nesta conferencia examínase como a cultura da cancelación, a representación identitaria e a autocensura modifican e inflúen na creación cinematográfica. Desde os algoritmos de diversidade nos guións ata o casting de ADN, con exemplos como a polémica de A Odisea de Nolan, a sesión analiza estes fenómenos á luz dos pensadores que mellor os describiron, con Pier Paolo Pasolini como fío condutor e abordando a problemática que pode derivar da homologación cultural.
Antonio José Navarro é un crítico de cine español. Ao longo da súa carreira colaborou con múltiples revistas e programas especializados en cine, como o programa radiofónico Parlem de Cinema, ou as revistas Dirigido Por, Imágenes de actualidad, Quatermass ou Nosferatu. Ademais, traballou como programador no Festival Internacional de Cinema de Catalunya-Sitges, colaborou na preparación de ciclos na Filmoteca de la Generalitat de Cataluña, a Filmoteca Vasca e a Filmoteca da Generalitat Valenciana e exerceu como docente en diversas universidades españolas. Entre as súas publicacións destacan os libros Alien / Los inconquistables (1995), El imperio del miedo. El cine de horror norteamericano post 11-S (2016) e Choque de titanes. 50 películas fundamentales sobre la Guerra Fría (2017).
CLASE MAXISTRAL. FRONTEIRAS DIFUSAS: A INDUSTRIA E AS SÚAS MARXES
SÁBADO 5 ÁS 16:30 H. SALA MULTIUSOS
CLASE MAXISTRAL. FRONTEIRAS DIFUSAS: A INDUSTRIA E AS SÚAS MARXES
SÁBADO 5 ÁS 16:30 H. SALA MULTIUSOS
O concepto de “cine industrial” adoita empregarse para designar un modelo de produción determinado, pero desde hai anos os seus límites resultan cada vez máis difíciles de definir. Onde remata a industria e onde comeza a independencia? Trátase dunha cuestión económica, estética ou de circulación e exhibición? A partir destas preguntas, a charla propoñerá un percorrido polas tensións que atravesan o cine contemporáneo: a convivencia entre risco formal e esixencias do mercado, a crecente dependencia dos festivais como espazos de lexitimación, a concentración da financiación e distribución en mans duns poucos axentes, a transformación das películas para adaptarse a determinados circuítos de exhibición, ou as contradicións que xorden cando obras concebidas desde as marxes acaban integrándose en dinámicas industriais.
Jara Yáñez é directora da revista Caimán Cuadernos de Cine desde xaneiro de 2022, publicación na que leva traballando desde a súa fundación en 2007 como Cahier du cinéma. España. Exerce ademais, desde 2014, como profesora no Máster de Crítica de Cine da ECAM, é colaboradora habitual do programa Historia de nuestro cine (TVE) e autora de libros como La aritmética de la creación. Entrevistas con productores del cine español contemporáneo (coa colaboración de Luis L. Carrasco, 2009), La medida de los tiempos. El cortometraje español en la década de 2000 (2010) o Femenino plural (editado xunto a Andrea Morán en 2017), ademais de ser autora doutros textos para libros colectivos. Traballou en festivais como DocumentaMadrid, Festival de Alcalá de Henares e en programas como o Museocinema do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ou Madrid en Corto.
MESA REDONDA. COLONIZACIÓN AUDIOVISUAL E RESISTENCIA PERFORMATIVA NO CINEMA CONTEMPORÁNEO
SÁBADO 5 ÁS 18:30 H. SALA MULTIUSOS
MESA REDONDA. COLONIZACIÓN AUDIOVISUAL E RESISTENCIA PERFORMATIVA NO CINEMA CONTEMPORÁNEO
SÁBADO 5 ÁS 18:30 H. SALA MULTIUSOS
Conversa entre Álvaro Peña, Yago Paris, Pepa Llausás e Ariadna Cordal sobre a colonización audiovisual. O debate explorará o fracaso da combatividade e a resistencia aos focos de opresión e marxinalización das novas autorías fronte ao cine combativo dos 60 e 70 ou as cinematografías marxinais que eclosionaron nos anos 90 e 2000 grazas a internet e os novos formatos físicos. Centrándose nas estruturas formais e narrativas que atravesan a produción audiovisual contemporánea, cuestionarase en que medida as novas creadoras e creadores poden chegar a colaborar tacitamente cos poderes aos que din resistirse.
Yago Paris é docente postdoutoral no Departamento de Artes e Humanidades da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid e exerce como crítico en revistas como Cine Divergente (da que é cocoordinador) e El Antepenúltimo Mohicano, creou o pódcast Críticas Sobre La Marcha e coeditou o libro Lo que nunca volverá: la infancia en el cine (2022).
Álvaro Peña, licenciado en Estudos de Asia Oriental, é cocoordinador de Cine Divergente. Participou en publicacións como La paranoia contemporánea. El cine en la sociedad del control (2019), Lo que nunca volverá: la infancia en el cine (2022), ou Blade Runner: Siguen soñanado los androides (2023), e coordinou diferentes libros sobre cine, como El legado de Akira Kurosawa (2018). Ademais fundou a revista en liña Cosas de Cine e o pódcast Perros Verdes.
Pepa Llausás é analista de narrativas, escritora e ensaísta, e centrou a súa carreira no estudo e ensinanza de guión e actualmente na investigación de estruturas narrativas e imaxinarios colectivos. Creou a teoría da Narrasis e dirixe Calma Gris, selo editorial e pódcast de análise cultural.
Ariadna Cordal é directora, montadora e investigadora, formada en montaxe audiovisual e doutora pola Universitat Pompeu Fabra. No campo da dirección, realizou curtas como They Ponder (2017), Papá por que quitas a música (2019) e O patio (2024).
PROXECCIÓN. LES RENDEZ-VOUS D’ANNA, DE CHANTAL AKERMAN
SÁBADO 5 ÁS 20:30 H. AUDITORIO
Como culminación das Xornadas Cinematográficas proxectarase o filme Les Rendez-vous d’Anna, dirixido pola cineasta belga Chantal Akerman e estreado no ano 1978. Anna é directora de cine, profesión que a leva a viaxar por toda Europa Occidental. Vaia onde vaia, Anna ten algunha relación íntima establecida ou, se non a ten, atópaa rapidamente. A xente séntese atraída por ela e tende a revelarlle os seus segredos máis íntimos, a pesar de que Anna non amosa interese algún por coñecelos.
Les Rendez-vous d’Anna desafía os límites do cinema achegando una proposta minimalista e inmersiva, na que a observación do cotiá se dilata a través de planos longos; conectando e fusionando a construción estética coa desconexión emocional da protagonista. Así, Akerman subverte a narrativa tradicional para facer do cinema unha experiencia íntima e perturbadora.
PRESENTACIÓN DO CADERNO FICBUEU #7. A CURTAMETRAXE: TERREO DE EXPERIMENTACIÓN E VANGARDA DA CIENCIA FICCIÓN
DOMINGO 6 ÁS 11:00 H. SALA AMALIA DOMÍNGUEZ BÚA.
PRESENTACIÓN DO CADERNO FICBUEU #7. A CURTAMETRAXE: TERREO DE EXPERIMENTACIÓN E VANGARDA DA CIENCIA FICCIÓN
DOMINGO 6 ÁS 11:00 H. SALA AMALIA DOMÍNGUEZ BÚA.
O Caderno FICBUEU #7 analiza a relación entre a narrativa de ciencia ficción, a experimentación visual e o formato curto. O ensaio fai un percorrido desde os inicios do cinema, período en que a curta de ciencia ficción foi especialmente prolífica, pasando pola época dourada do xénero nos anos 50 e 60 e o éxito das películas de serie B sobre futuros apocalípticos e invasións extraterrestes, chegando ata a actualidade e expoñendo a variedade de estilo, posta en escena e temática das obras estudadas.
Esta análise permite reivindicar o formato de narración breve (tanto na literatura como no audiovisual) como idóneo para a ciencia ficción, mostrando os beneficios que ten para abordar historias narrativamente complexas e visualmente ambiciosas. As curtametraxes exploradas no Caderno proban tamén como este é un formato accesible e inspira primeiras obras que en diversas ocasións serviron de antesala para longametraxes. Ponse especial atención na hibridación da ciencia ficción con outros xéneros, como a fantasía, a comedia, o terror ou o romance.
A autora do Caderno FICBUEU #7 é Irene de Lucas Ramón, doutora en Comunicación Audiovisual pola Universitat de València. Responsable de numerosos artigos de análise cinematográfica en revistas especializadas, colabora regularmente nos monográficos de Shangrila Ediciones e na Colección SOLARIS. Na súa investigación aborda a obra de autoras pioneiras no cine, como Alice Guy ou Helena Cortesina, sobre a que comisariou unha exposición na 38ª edición da Mostra de València-Cinema del Mediterrani. A parte da súa carreira como investigadora, é directora de curtametraxes e xurado de diversos festivais en España e no estranxeiro.
COLOQUIOS CON CINEASTAS
DOMINGO 6 ÁS 21:30 H E DO LUNS 7 AO SÁBADO 12 ÁS 20:30 H. SALA AMALIA DOMÍNGUEZ BÚA
COLOQUIOS CON CINEASTAS
DOMINGO 6 ÁS 21:30 H E DO LUNS 7 AO SÁBADO 12 ÁS 20:30 H. SALA AMALIA DOMÍNGUEZ BÚA
Co obxectivo de complementar as proxeccións da Sección Oficial e da Sección GZ_00, as autoras e autores das curtametraxes proxectadas participarán en encontros co público. O primeiro deses coloquios será o domingo 6 ás 21:30 H coas e cos cineastas da Sección GZ_00, e continuarán entre o luns 7 e o sábado 12 ás 20:30 H cos equipos dos filmes seleccionados na Sección Oficial.
Os coloquios con cineastas son unha actividade aberta ao público que busca ofrecer un espazo onde coñecer a perspectiva das directoras e directores, que falarán das súas obras e procesos creativos. Permitirán establecer un diálogo entre as persoas asistentes que se queiran achegar e as e os cineastas, enriquecendo así a experiencia do público no festival.
Os coloquios retransmitiranse por streaming e estarán dispoñibles en liña ao longo de toda a semana para facilitar o acceso ás persoas que asistan á sesión das 21:30 H.
CRÍTICAS CINEMATOGRÁFICAS
DO LUNS 7 AO SÁBADO 12
Coincidindo coa vontade do festival de fomentar a reflexión e afondar nos filmes proxectados, ofrecemos ao público asistente ás proxeccións da Sección Oficial un pequeno folleto con análises críticas dos filmes incluídos en cada sesión. A publicación, distribuída tanto en formato físico coma dixital, busca achegar ao público do FICBUEU outro punto de vista na percepción dos filmes, dun xeito máis afastado da opinión e da emoción inmediata e máis próximo a unha reflexión pausada sobre cada proposta.
Estes textos correrán a cargo de Xavier Montoriol, graduado en Linguas e Literaturas Modernas pola Universitat de Barcelona, mestrado de Estudos Comparativos de Literatura, Arte e Pensamento na Universitat Pompeu Fabra e de Comisariado Audiovisual na Elías Querejeta Zine Eskola. É cofundador de Muelle5 e escribe regularmente para outros medios de crítica cinematográfica, tendo textos publicados en Outskirts, A pala de Walsh ou Otros Cines Europa.
ENTREGA DE PREMIOS FICBUEU 2026
SÁBADO 12 ÁS 23:00 H. SALA MULTIUSOS
O sábado 12, ao finalizar as proxeccións de todas as seccións competitivas, anunciarase o palmarés da 19ª edición do FICBUEU na cerimonia de entrega de premios. Tratarase dun acto aberto ao público que contará coa presenza de cineastas, integrantes dos distintos xurados e representantes das institucións e empresas que apoian o evento.
O acto contará con música en directo a cargo de André Soaxe e Martiño Malleiro Díaz.
PROXECCIÓN PALMARÉS FICBUEU 2026
DOMINGO 13 ÁS 18:30 H. AUDITORIO
Ao día seguinte de anunciar o palmarés da 19º edición proxectaranse nunha sesión especial as curtas premiadas nas diferentes seccións que conforman o festival, co fin de recuperar ditas películas para quen non puidese velas nas súas respectivas sesións.
GALA ESCOLAS GALEGAS
SÁBADO 19 ÁS 11:00 H. AUDITORIO
Cerimonia de entrega de premios na que se proxectarán as curtametraxes da Sección centros de ensino e se entregarán os galardóns ás obras gañadoras das Categorías Educación Especial, Infantil e Primaria e Educación Secundaria.
Organizada co apoio da editorial Kalandraka, a gala estará conducida pola escritora e editora Olalla González, acompañada polos debuxos e a animación ao vivo do artista plástico Marc Taeger.
O acto contará con música en directo a cargo de Martín, Carmen e Juan Sánchez Paz.
OBRADOIRO. CARTELERÍA DE CINEMA
SÁBADO 19 ÁS 11:00 H, 12:00 H E 16:00 H. EXTERIORES DO CENTRO SOCIAL DO MAR
OBRADOIRO. CARTELERÍA DE CINEMA
SÁBADO 19 ÁS 11:00 H, 12:00 H E 16:00 H. EXTERIORES DO CENTRO SOCIAL DO MAR
A imprenta ambulante Alouette Machine ensinaranos como se facían os carteis antigamente, empregando a técnica da imprenta tipográfica. Letras, imaxes, tintas, papel, prensas, todo a punto para elaborar de xeito colectivo carteis cinematográficos, xogando cos elementos gráficos.
O público poderá acceder de balde á instalación para visitar a mostra de carteis e coñecer os métodos de imprenta. A compañía Alouette Machine guiará aos asistentes en obradoiros organizados en tres quendas: ás 11:00 H e 12:00 H para rapazada de 5 a 12 anos, e ás 16:00 H de 12 a 18 anos. Para asistir ao obradoiro será necesaria a inscrición previa por correo electrónico á dirección mariarey@ficbueu.com.
CONCERTO. PAKOLAS
SÁBADO 19 ÁS 17:00 H. EXTERIORES DO CENTRO SOCIAL DO MAR
Antes da proxección da Sección Curtas en Familia, o músico Pakolas ofrecerá o espectáculo de rock infantil e familiar As máis molonas! ás portas do Centro Social do Mar. Pakolas guiaranos por todo un universo musical coa súa forza interpretativa e o seu humor, facendo participar ás nenas e nenos co seu estilo rockeiro que entusiasma ao público infantil. Un espectáculo para aprender e para compartir coas máis pequenas e coa familia.
Pakolas leva cantando, tocando e compoñendo para o público cativo dende hai máis de 20 anos. Formou parte de bandas como Mamá Cabra e A Gramola Gominola. A súa carreira en solitario comezou en 2015, e ten publicados varios libros-CD.
LUDOTECA FICBUEU
DO LUNS 7 AO SÁBADO 12. SALA MULTIUSOS
Continuando co noso compromiso coa igualdade e a conciliación familiar, o FICBUEU 2026 contará, un ano máis, con servizo de ludoteca para facilitar a asistencia de nais e pais ás proxeccións e actividades.
A Ludoteca FICBUEU ubicarase no primeiro andar do Centro Social do Mar e será un espazo destinado a crianzas de entre tres e doce anos. Nela, a rapazada poderá realizar distintas actividades relacionadas co cinema, ao tempo que desenvolven as súas habilidades sociais nun entorno lúdico. Cada xornada contará cun obradoiro realizado polas usuarias e usuarios da Asociación Juan XXIII.
A Ludoteca FICBUEU estará dispoñible entre o luns 7 e o sábado 12, facendo posible que nais e pais poidan gozar de todas as sesións programadas dentro da Sección Oficial.
Horario:
Do luns 7 ao sábado 12: de 18:30 a 21:30 horas
Esta iniciativa conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través do Plan Corresponsables, Ministerio de Igualdad.
CANLE FICBUEU
Diversas actividades serán gravadas e retransmitidas en directo a través da Canle de Youtube do FICBUEU, onde quedarán a disposición do público facilitando a súa posterior consulta coa intención de seguir engrosando o arquivo audiovisual do festival. As V Xornadas Cinematográficas, a presentación do Caderno FICBUEU #7, os coloquios con cineastas e a Entrega de premios e a Gala Escolas Galegas serán retransmitidas en directo pola plataforma, onde tamén se aloxarán unha serie de entrevistas con cineastas, xurados e participantes no FICBUEU 2026.
DOAZÓNS
Un ano máis colaboraremos co Banco de Alimentos de Vigo/Pontevedra para levar a cabo unha recollida de produtos de alimentación, hixiene e xestión menstrual.
As caixas de recollida estarán dispoñibles durante todo o festival na entrada do auditorio do Centro Social do Mar.
