FESTIVAL INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES DE BUEU | FICBUEU

Máis aló do festival

Con sede na vila de Bueu, a Asociación Cinematográfica FICBUEU é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que exerce o seu labor no eido audiovisual. Esta nace en 2016, ao carón do FICBUEU, converténdose na súa entidade organizadora. Co paso dos anos, a estrutura da asociación foise profesionalizando, incorporando persoal permanente, o que posibilitou que poidamos promover numerosas accións ao longo do ano, todas elas directamente relacionadas co cinema.

Así, desenvolvemos sesións de proxeccións, charlas, obradoiros de creación e actividades culturais de moi distinta índole, na maioría dos casos en colaboración con outras institucións ou colectivos. Deste xeito, temos colaborado con institucións públicas, tanto de carácter xeral (Concellos, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Ministerio del Interior, Ministerio de Sanidad) coma de carácter cultural (filmotecas, museos…), así coma con entidades privadas (festivas de cine e música, cineclubs, entidades de carácter social, etc.).

ÁREA SOCIAL FICBUEU

En 2016, co apoio da Obra Social ”la Caixa”, puxemos un marcha a nosa propia área social, unha liña de traballo dirixida exclusivamente a colectivos en situación de vulnerabilidade, na que empregamos o cinema como ferramenta educativa e de cohesión social. Ao mesmo tempo tentamos contribuír ao desenvolvemento social e cultural da nosa contorna, fomentando valores coma o respecto, a igualdade e a solidariedade.

Nos primeiros cinco anos da Área Social FICBUEU temos colaborado con entidades de iniciativa social como ADICAM (Asociación de diagnosticadas e diagnosticados de Cáncer de Mama de Cangas), Xuntos Asociación Síndrome de Down de Pontevedra, Asociación Juan XXIII e Asociación Con Eles de Vilagarcía. Tamén con administracións públicas como a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias no Centro de A Lama, co Servizo Galego de Saúde no Hospital Álvaro Cunqueiro, coa Consellería de Educación no CEE Vilgarcía (Centro de Educación Especial) e o CEE Panxón (diagnosticados e diagnosticadas de Trastorno Grave da Conducta) ou coa Secretaría de Estado de Servizos Sociais en el CPAP Bergondo (Centro de Promoción da Autonomía), entre outras.

CURTAMETRAXES ÁREA SOCIAL FICBUEU





EDUCACIÓN

Na mesma liña de potenciar o cinema como ferramenta educativa, temos colaborado en numerosas ocasións coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, desenvolvendo actividades en numerosos centros de ensino durante os últimos cinco anos.

Estas colaboracións consisten tanto na proxección de audiovisuais e realización de coloquios, coma na realización de distintas charlas de carácter divulgativo e didáctico.

Centros educativos polos que ten pasado a Asociación FICBUEU: IES Illa de ONS, CEIP P. A Pedra e Johan Carballeira Bueu, CEIP Nazaret Cangas, IES Sánchez Cantón Pontevedra, IES Salvaterra do Miño, CEIP Pedro Antonio Cerviño Campo Lameiro, CEIP Sobrada Tomiño, CEIP Sequelo Marín, CEIP Vilaxoán, IES Xunqueira II Pontevedra, CEIP Vilaboa e Colexio Labor Vigo, etc.

COLABORACIÓNS

No noso afán de difusión do cinema, especialmente a curtametraxe, durante o ano o FICBUEU tamén espalla a súa programación a través de colaboracións con outros festivais, entidades públicas e privadas, asociacións, etc., para os que desenvolve tanto proxeccións coma actividades.

En cooperación coa Deputación de Pontevedra, traballamos con adolescentes do centro Príncipe Felipe, organizando sesións de curtametraxes para debater sobre temas como alimentación saudable, sexualidade, violencia de xénero ou cambio climático.

Tamén temos colaborado con distintos cineclubes, na procura de visibilizar o formato curto, programando sesións de curtametraxes para o Cineclube Rebobina de Porriño, Cineclube Alice Guy de Nigrán ou Cineclube Padre Feijoo de Ourense. 

No mesmo senso, tamén temos presentado curtametraxes na Filmoteca de Galicia (CGAI) ou participado en distintos ciclos de cine como Marxes Fílmicas do Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Ciclo de cine e Medicina do Colexio de Médicos de Ourense, ou o Ciclo Curtas e Natureza en Cabo Udra, organizado polo Concello de Bueu.

Tentando promover a cooperación entre festivais, tamén temos colaborado con festivais coma: Festival Internacional de Cinema AVANCA, El Meu Primer Festival, Flop Festival de Pontevedra, Festival internacional de Cine Infantil de Ames, Ambienta – Mostra Internacional de cinema LGBTIQA+, Festival SonRías Baixas, etc.

Así mesmo, formamos parte de Proxecta – Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, sendo un dos socios fundadores e participando activamente na xunta directiva dende a súa constitución.

OBRADOIROS

Máis aló das colaboracións con outras entidades, dende a Asociación FICBUEU organizamos durante todo o ano cursos de cinema na nosa sede en Bueu, ofrecendo a posibilidade de que calquera persoa poida ter contacto coa creación audiovisual.

Así, dende 2018, temos desenvolvido obradoiros tanto para nenos coma para adultos que deron como resultado as seguintes obras:

curtametraxes dos obradoiros da asociación ficbueu