Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility David Prensa, autor en FICBUEU
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU | 11__24 SETEMBRO 2022

O FICBUEU volverá proxectar unha sesión de curtas en Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra

← Volver

O FICBUEU volverá proxectar unha sesión de curtas en Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra

FICBUEU

Un ano máis o FICBUEU será o encargado da sección ‘Ambienta en curta’.

A proxección terá lugar o 1 de xullo na Praza da Pedreira de Pontevedra.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu achegará de novo o formato curto a Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra. Será na sección ‘Ambienta en curta’, na que se poderán ver cinco pezas que amosarán as distintas realidades dos colectivos e que contribuirán á difusión do cinema pola diversidade, obxectivo principal do evento.

A sesión celebrarase na última xornada da mostra, o venres 1 de xullo ás 22:30 horas nun espazo ao aire libre como é a Praza da Pedreira de Pontevedra. Previamente haberá un acto de clausura con música relacionada co cinema a cargo de Palito Dj. A entrada será de balde ata completar o aforo dispoñible.

A programación contará con títulos coñecidos para o público do FICBUEU, xa que dúas das obras que se poderán ver neste ‘Ambienta en curta’ como son “Dustin”, de Naïlla Guiguet, e “Son of Sodom”, de Theo Montoya, participaron na Sección Internacional do 2021, levándose “Dustin” os premios á Mellor Música e a Mellor Son. Os outros títulos que serán proxectados son “Ensom Cowgirl”, de Gina Kippenbroeck, “Victoria”, de Daniel Toledo e “Marlon Brando”, de Vicent Tilanus.

Unha imaxe do título ‘Dustin‘.

Aínda que o FICBUEU será o encargado de poñer o broche final á Ambienta deste ano o vindeiro 1 de xullo, os diferentes actos da mostra comezarán o 27 de xuño. Deste xeito, a presente edición contará con outras tres seccións de proxeccións.

Por unha banda ‘Ambienta Actual’, unha selección na que se mergulla na sociedade contemporánea e o rumbo da mesma a través das proxeccións dos títulos “A primeira morte de Joana”, de Cristiane Oliveira, e “ÉTÉ 85”, de François Ozon, organizada por Avante LGBT+

Por outra, estará a sección ‘Ambienta Doc’, unha proposta realizada coa participación da Cinemateca Pedro Zerolo e que achega filmes documentais que exploran as distintas vías de representación do colectivo, como pode ser a obra de Borja Lynch “Triángulos rosas”.

Por último, tamén haberá unha mirada ao pasado coa ‘Ambienta Clásica’, na que se recuperan títulos importantes que axudan a descubrir a presenza do colectivo na historia do cinema, como pode ser “Tokyo Godfathers” de Satoshi Kon e Shôgo Furuya, e que estará organizada polo Cineclube de Pontevedra.

Ademais das diferentes sesións, a programación da mostra tamén inclúe a presentación dun videoclip realizado por Laura Cadenas Amandi, Enzo Sarmiento e Éric Dopazo, un encontro coa actriz, política e activista trans Carla Antonelli, que tamén presentará o documental “Triángulos rosas”, e un acto musical de clausura a cargo de Palito Dj.

Será o segundo ano que o Concello de Pontevedra leve a cabo a mostra baixo o nome Ambienta, que dende os inicios contou co FICBUEU como unha das súas entidades colaboradoras. Toda a programación do evento poderase consultar na páxina web de Ambienta.gal.

← Volver

Aberto o prazo de inscricións para a sección ‘Escolas Galegas’ do FICBUEU 2022

FICBUEU

Poderán participar todos os centros de ensino de Galicia, dende educación infantil e secundaria ata escolas de imaxe e son e facultades.

Gala Escolas Galegas 2021
Gala Escolas Galegas 2021

O FICBUEU abre o prazo para o envío das curtametraxes que queiran participar na Sección Escolas Galegas, que abrangue todos os centros de ensino da comunidade, dende colexios e institutos ata facultades e escolas de imaxe e son.

A sección conta con tres categorías diferenciadas nas que se premiará unha curta en cada unha delas:

  • Mellor Curtametraxe de Escolas de Educación Especial, Infantil e Primaria: trofeo + 150€ en material audiovisual.
  • Mellor Curtametraxe de Escolas de Educación Secundaria: trofeo + 150€ en material audiovisual.
  • Mellor Curtametraxe de Escolas de Imaxe e Son e Facultades: trofeo + 250€ en formación audiovisual.

O prazo estará aberto ata o próximo 15 de xuño ás 23:59 horas para todas as pezas audiovisuais realizadas durante os cursos escolares 2020/21 e 2021/22, co único requisito de non teren participado coa mesma obra en pasadas edicións do FICBUEU.

A temática das curtametraxes será libre e cada escola poderá presentar tantas obras como desexe. A única esixencia é a de posuír unha copia dixital para a súa proxección e non superar os 20 minutos de duración (incluíndo os créditos).

A inscrición no certame poderá realizarse a través dun formulario en liña na páxina web do FICBUEU. De entre todas as pezas presentadas serán seleccionadas varias finalistas, que serán anunciadas o día 1 de setembro.

Un xurado especializado composto de tres personas vinculadas ao audiovisual e ao ensino, escollerá as curtametraxes gañadoras de cada unha das categorías tendo en conta a participación activa do alumnado en todas as fases de creación (guión, produción, rodaxe, montaxe, etc.), a utilización dos distintos elementos da linguaxe audiovisual (como poden ser a fotografía, o son, a escenografía, etc.), a orixinalidade e a creatividade das propostas e o nivel técnico das pezas tendo en conta a idade dos creadores.

As curtametraxes que resulten galardoadas proxectaranse o venres 23 de setembro durante a Gala Escolas Galegas, na que se entregarán os premios correspondentes aos equipos gañadores de cada categoría.

Convocatoria Sección Escolas Galegas
← Volver

Presentada a terceira edición do Rías Baixas Film Fest, o selo que aglutina ao FICBUEU e a outros sete festivais da provincia

FICBUEU

Trátase do terceiro ano no que os principais festivais de cinema de Pontevedra se unen baixo un mesmo selo a través da marca creada pola Deputación de Pontevedra.

Ademais do FICBUEU, o Rías Baixas Film Fest tamén abarca outros sete certames.

A Deputación de Pontevedra presentou a nova edición do Rías Baixas Film Fest, un selo que por terceiro ano consecutivo aglutina aos festivais de cinema da provincia. Esta marca naceu coa intención de dotalos dunha maior proxección e forza, ao mesmo tempo que trata de contribuír á difusión da cultura local e galega, segundo declaracións desde a propia Deputación.

O cartel deste ano presentouse nun acto que tivo lugar nos exteriores da sede da Deputación en Vigo, contando coa presenza de representantes de todos os certames e dalgúns cargos públicos, como foi o caso da presidenta da Deputación, Carmela Silva. Alí, e a través dun vídeo resumo de todos os festivais implicados, déronse a coñecer os nomes e as datas dos diferentes eventos, que comezarán en mayo e rematarán en decembro.

Desta maneira, os primeiros en celebrarse serán o Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui (do 4 ao 8 de maio) e o Festival de Cans en Porriño (do 18 ao 21). Tras estas dúas primeiras citas, en setembro chegará a quenda do Festival Primavera do Cinema en Vigo (do 6 ao 11), o FICBUEU – Festival Internacional de Cinema de Bueu (do 11 ao 24) e o Galicia Freaky Film Festival de Vigo (entre o 23 de setembro e o 1 de outubro).

No acto tamén interveu Manuel Pena, director do FICBUEU, que destacou a diversidade dos perfís dos festivais da provincia e o carácter das asociacións sen ánimo de lucro que están detrás de cada un, motivado segundo as súas palabras “pola paixón polo cinema e a cultura”. 

Doutra banda, o director do FICBUEU quixo ter unhas palabras para valorar o esforzo de todas e todos os involucrados no mundo da cultura, á vez que destacou “a importancia e a dimensión á que chegaron as programacións dos festivais de cinema”, recalcando que van moito máis alá das proxeccións ao contar con outras iniciativas como talleres ou actividades que fomentan a cultura, sendo ambicioso de cara ao futuro e confiando no crecemento dos diferentes proxectos da zona.

Tras el, tomou a palabra a directora de programación do Festival Primavera do Cinema, Ana Gontad, que quixo poñer en valor non só a sétima arte, senón tamén a importancia dos festivais, máis agora que parece que empezamos a saír da situación sanitaria que o pausou todo hai algo máis de dous anos. 

Gontad tamén lanzou unha alegación a favor da recuperación do espazo libre do cinema en salas, significándoo como “unha vitoria da sensibilidade colectiva” fronte “ás ideoloxías totalitarias, xenófobas, machistas e liberais que desafían a convivencia democrática inclusiva que tanto custou construír”.

Por último, pechou a presentación a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que subiu ao atril na compaña de Victoria Alonso, deputada da área de Cultura. Silva quixo destacar o traballo de todos os festivais participantes, á vez que destacou a riqueza que este tipo de eventos culturais outorga a cada concello e á provincia.

Silva tamén afirmou que “estes festivais permiten que a xente teñan miradas diferentes, xa que o mundo do cinema ten a capacidade de crear novas visións do mundo” e que, á súa vez, estes eventos tradúcense en “esperanza de futuro”, ao comentar que este tipo de celebracións enchen de vida os concellos e achegan a cultura ao pobo.

Tras isto, o acto finalizou cunha breve actuación humorística inspirada no cinema que tivo como protagonista á mesma presidenta, poñendo o punto final á presentación do Rías Baixas Film Fest deste 2022.

← Volver

O FICBUEU achega o seu caderno «A “Nouvelle Vague” a través das súas curtametraxes (1956 -1965)» ao IBZCF22

FICBUEU
  • O primeiro dos Cadernos do FICBUEU foi protagonista durante a xornada do sábado tarde do festival eivisenco, nunha presentación na que tamén se proxectaron varias pezas

O FICBUEU estivo presente durante o Ibiza Cine Fest deste 2022, que arrincou o día 11 de marzo e que se extenderá ata o día 20. Foi durante a segunda xornada do festival, o sábado 12, mediante a presentación do primeiro dos Cadernos FICBUEU, titulado «A “Nouvelle Vague” a través das súas curtametraxes (1956 -1965)», que profundiza nesta coñecida corrente cinematográfica.

A conferencia tivo lugar na sede principal do festival, o Auditori des Caló de s´Oli, e comezou ás 18 horas conducida por Severiano Casalderrey, autor da obra e programador do FICBUEU, quen presentou o monográfico editado en galego e inglés.

A actividade rematou despois da proxección dalgunhas das obras máis importantes do movemento, como son “Le coup du berger”de Jacques Rivette (1957), “Les Mistons” de François Truffaut (1957) e “Tous les garçons” de Jean-Luc Godard (1959).

Deste xeito, durante as dúas horas que durou o evento realizouse unha minuciosa introdución na Nouvelle Vague francesa, mediante a cal as e os asistentes puideron comprender e coñecer a importancia deste período e as novidades estilísticas que achegou, sendo unha das correntes máis influintes da historia do cinema en Europa como se amosa no ensaio escrito por Severiano Casalderrey.

O proxecto Cadernos FICBUEU é o resultado de todo o traballo de selección e de investigación realizado para a Sección Retrospectiva do FICBUEU, para a que foi necesaria unha ampla labor de documentación e o visionado du importante número de pezas.

A obra atópase dispoñible na tenda en liña do FICBUEU para todas e todos os interesados, ao igual que o «Caderno FICBUEU#2. O National Film Board of Canada e a súa “idade dourada” da curtametraxe (1965-1983, no que se versa sobre a National Film Board of Canada, a maior produtora de carácter público do mundo e sobre a súa época de maior esplendor.

Presentación Seve Ibiza Cine Fest
← Volver

A Asociación FICBUEU reanuda as proxeccións no Centro Príncipe Felipe de Pontevedra

FICBUEU

A Asociación FICBUEU reanuda as sesións de curtametraxes coas mozas e mozos do Centro Príncipe Felipe de Pontevedra, unha acción da Área Social FICBUEU que comezou no ano 2020 e que tivo que suspenderse por mor das restriccións derivadas da pandemia da COVID-19.

Agora, tras esta parada obrigatoria, a Asociación FICBUEU volve a achegar o cinema e o mundo das curtametraxes á xuventude. Coa séptima arte como ferramenta de traballo, a finalidade desta proposta pasa por axudar a cumprir os obxectivos do centro, que trata de asegurar o benestar social e a correcta integración da mocidade.

O programa recolle, ademáis das feitas ata o momento, outras cinco sesións de proxeccións no centro pontevedrés, que comezarán o día 17 de febreiro e que se prolongarán ata marzo.

Deste xeito e a través do cinema, as mozas e mozos de entre 14 e 17 anos traballarán e debaterán en torno a diversas temáticas importantes para a súa formación e educación, como poden ser a violencia de xénero, a sexualidade ou o clima.

As diferentes sesións están dirixidas ás rapazas e rapaces dos dous centros de acollida do Principe Felipe, a Escola Fogar e o Centro Agarimo. A primeira destas sesións, a do día 17 de febreiro, estará adicada ao clima e será proxectada na Escola Fogar, que tamén contará con sesións os días 3 de marzo (sexualidade) e 17 de marzo (violencia de xénero). Por outra banda, a Asociación FICBUEU traballará co Centro Agarimo os días 24 de febreiro (sexualidade) e 10 de marzo (violencia de xénero).