Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility EditorFIC, autor en FICBUEU
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

Especialistas de Chile, Italia e Madrid avalían en Bueu os filmes do festival

← Volver

Especialistas de Chile, Italia e Madrid avalían en Bueu os filmes do festival

FICBUEU
  • A cineasta Carolina Astudillo, o director Carlo Sironi e o programador da Filmoteca Española Carlos Reviriego forman o xurado internacional.
Carlo Sironi, Carolina Astudillo e Juan Carlos Reviriego

Especialistas de Chile, Italia e Madrid atópanse esta fin de semana en Bueu para pasar dous días visionando os filmes da Sección Internacional do FICBUEU, que celebrará a súa décimo cuarta edición entre o 10 e o 19 de setembro. Carolina Astudillo, cineasta e docente chilena; o director italiano Carlo Sironi, e mais Carlos Reviriego, xornalista e programador da Filmoteca Española, encargaranse de seleccionar despois as obras gañadoras da Ánfora de Ouro, da Ánfora de Prata e dos once premios técnicos do Festival Internacional de Curtametraxes, mentres que para as mellores curtas galega, española e experimental haberá un xurado diferente, así como para os premios a centros educativos.

Carlos Reviriego foi coordinador en El Cultural e redactor xefe de Cahiers du cinéma en España, formando parte na actualidade do Consello de Redacción da súa herdeira, Caimán Cuadernos de Cine. Imparte clases de Cinema Contemporáneo e de Crítica en diferentes universidades. Escribiu o ensaio Elogio de la distancia. Dos miradas a un territorio e ten participado en numerosas publicacións colectivas. É membro do equipo seleccionador do Festival Mapfre 4+1 e de DocumentaMadrid, así como programador do Festival de Cine Alemán, amais de exercer como director adxunto e de programación da Filmoteca Española.

O traballo en investigación e creación de Carolina Astudillo ten como eixo artellador a muller e a memoria histórica, oscilando as súas pezas audiovisuais entre o cinema experimental e o documental. As súas primeiras longametraxes, El gran vuelo e Ainhoa, ya no soy esa, valéronlle numerosos galardóns, como senllas Biznagas de Prata no Festival de Málaga, e tamén as súas curtas foron premiadas e exhibidas en certames estatais e internacionais. Como docente, imparte cursos e palestras en centros españois e latinoamericanos.

Carlo Sironi comezou a súa traxectoria cinematográfica no eido da fotografía, para despois iniciarse na dirección. As súas curtametraxes foron recoñecidas en Venecia, Locarno, Torino, etc. Ao tempo, os seus proxectos foron seleccionados para participar en obradoiros de desenvolvemento en Cannes, Sundance ou na Berlinale. A súa primeira longa, Sole, estivo nominada aos premios David de Donatello e resultou galardoada nos European Film Awards.

← Volver

Aberta a inscrición para os obradoiros de guión e planificación de rodaxe

FICBUEU
  • As persoas interesadas en participar nestas accións formativas teñen ata o 31 de xullo para enviar os seus guións.

Ata o 31 de xullo permanece aberto o prazo de inscrición en dúas actividades formativas que se celebrarán no marco do FICBUEU 2021: o xa habitual obradoiro de desenvolvemento de guión, titorizado pola Asociación Galega de Guionistas (AGAG), e un novidoso workshop de planificación de rodaxe, impartido por CREA, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización. Seleccionaranse catro proxectos para cada unha das formacións, que terán lugar os días 12 e 11 de setembro, respectivamente.

En ambos os dous casos, quen desexe participar deberá presentar un guión que aínda non fose filmado. Poderán concorrer todas as persoas de orixe galega ou que estean estudando ou asentadas na nosa Comunidade Autónoma. Tamén se aceptarán guións ambientados en Galicia ou que aborden unha temática fundamentalmente galega. No entanto, o tema das obras será libre e cada participante poderá enviar tantos textos como desexe, sempre no formato profesional que se adoita empregar no sector. Os guións deberán corresponderse con produtos audiovisuais dun máximo de 30 minutos de duración.

← Volver

A coprodución franco-chinesa ‘Fleur de pavot’ gaña a Ánfora de Ouro

FICBUEU

  • Olla fíxose coa Ánfora de Prata, The present acadou o Premio do Público, Ca nostra foi a mellor curta española e Carne a galega.

A coprodución franco-chinesa Fleur de pavot, de Baer Xiao, proclamouse gañadora do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu ao facerse coa Ánfora de Ouro, así como co premio á Mellor fotografía. A Ánfora de Prata foi para a francesa Olla, dirixida por Ariane Labed, que levou ademais o premio a Mellor vestiario. O apreciado Premio do Público recaeu sobre a cinta palestina The present, de Farah Nabulsi,  mentres que o Premio R á mellor curtametraxe galega foi para Carne, de Camila Kater, e o Premio Fundación Novas a mellor curtametraxe española gañouno Ca nostra, de Laia Foguet.  O galardón para a Mellor curtametraxe experimental obtívoo Genius loci, do francés Adrien Merigeau.

En canto aos recoñecementos técnicos e artísticos, o Premio CREA á mellor dirección recaeu no lituano Laurynas Bareiša por Atkūrimas. Dous galardóns mereceu outra obra francesa, Massacre, de Maïté Sonnet, polo Mellor guión e a Mellor montaxe, e outro par a sueca Något att minnas, os de Mellor dirección artística e Mellor música. Moi aplaudidos foron os premios a Mellor actor para Øyvind Brandtzæg polo seu papel en The Manila lover (Noruega/Filipinas), e Mellor actriz para Svetlana Barandich, protagonista de Anna (Ucraína/Reino Unido/Israel). O Mellor son gañouno a curta grega All the fires the fire e o Mellor maquillaxe e peiteado a coprodución albano-francesa The van.

FICBUEU 2020

PALMARÉS FICBUEU 2020

Ánfora de ouro: Fleur de pavot (Francia/China), de Baer Xiao.
Ánfora de prata: Olla (Francia), de Ariane Labed.
Premio do público: The present (Palestina), de Farah Nabulsi.

Premio R á mellor curtametraxe galega: Carne, de Camila Kater.
Premio Fundación Novas á mellor curtametraxe española: Ca nostra, de Laia Foguet.
Premio á mellor curtametraxe experimental: Genius loci (Francia), de Adrien Merigeau.
Premio CREA á mellor dirección: Atkūrimas (Lituania), de Laurynas Bareiša.

Mellor guión: Maïté Sonnet por Massacre (Francia).
Mellor actriz: Svetlana Barandich por Anna (Ucraína/Reino Unido/Israel).
Mellor actor: Øyvind Brandtzæg por The Manila Lover (Noruega/Filipinas).
Mellor fotografía: Noé Bach por Fleur de pavot.
Mellor dirección artística: Nikki Von Lindroth por Något att minnas (Suecia).
Mellor montaxe: Marylou Vergez por Massacre.
Mellor son: Leandros Ntounis por All the Fires the Fire (Grecia).
Mellor música: Hans Appelqvist por Något att minnas (Suecia).
Mellor vestiario: Marine Peyraud por Olla.
Mellor maquillaxe/peiteado: Sarah Pariset e Wilfried Pirrin por The Van (Francia/Albania).

PALMARÉS SECCIÓN ESCOLAS
Educación especial, infantil e primaria: É o meu aniversario, CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu).
Educación secundaria: Vida furtiva, IES Terra de Trasancos (Narón).
Facultades e escolas de imaxe: Fermata, Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Pontevedra).
Escolas internacionais: Avant notre heure de Chloé Terren, La Fémis (Francia).