Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility Nerea Lores, autor en FICBUEU • Páxina 2 de 5
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

As I Xornadas Cinematográficas achegaron ata Bueu as experiencias de diferentes profesionais do sector

← Volver

As I Xornadas Cinematográficas achegaron ata Bueu as experiencias de diferentes profesionais do sector

FICBUEU

Esta primeira edición estivo centrada no tratamento do tempo no cinema.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu puxo en marcha na 15ª edición deste 2022 o novo proxecto das Xornadas Cinematográficas, un espazo de reflexión e pensamento sobre a arte do cinema que reuniu en Bueu a varias e varios profesionais do sector (cineastas, montadoras, críticas ou ensaístas) nunha programación centrada, nesta ocasión, na temporalidade e o papel que esta xoga dentro da linguaxe cinematográfica.

Baixo o nome I Xornadas Cinematográficas: esculpindo o tempoleváronse a cabo unha serie de actividades que fixeron que o público asistente e todas aquelas persoas que seguiron o evento vía streaming a través da Canle FICBUEU gozaran dun día para o desfrute das apaixoadas e dos apaixoados do cinema. 

Deste xeito, o encargado de inaugurar o espazo foi o investigador, ensaísta e cineasta José Manuel Mouriño, quen tamén é representante e coordinador na Península Ibérica e en Hispanoamérica do Instituto Internacional Andréi Tarkovski. Mouriño deu unha clase maxistral sobre o tratamento do tempo na obra do cineasta ruso, considerado un dos mestres neste eido dentro da sétima arte.

A xornada matinal pechouse coa conversa entre as críticas cinematográficas de Caimán – Cuadernos de Cine Andrea Morán e Daniela Urzola sobre diferentes obras e cineastas, analizando unha gran variedade de recursos temporais destacados ao longo da historia do cinema.

Durante a tarde celebrouse a mesa redonda en liña sobre o ritmo e as realidades temporais que posibilita a montaxe na que, moderadas por Diana Ramahí, a directora, realizadora e docente chilena Carolina Astudillo, a montadora Ana Pfaff e a cineasta e montadora galega Diana Toucedo falaron dos retos habituais á hora de traballar este aspecto. 

A penúltima actividade tivo como protagonista a un dos cineastas galegos de maior relevancia da actualidade, como é Oliver Laxe, que participou nun encontro co xornalista Ángel Suanzes. Na conversa, Suanzes fixo que Laxe viaxara a través de toda a súa filmografía poñendo especial atención á evolución da maneira na que o director traballou este aspecto da linguaxe cinematográfica en cada cinta.

Por último, para a clausura das I Xornadas Cinematográficas do FICBUEU  proxectouse a obra ‘Zerkalo’ de Andréi Tarkovski, considerada pola crítica como unha das pezas máis representativas do cineasta ruso. De feito, o ensaio ‘Esculpir en el tiempo’ de Tarkovski é o que inspirou o nome desta primeira edición dun novo formato que promete aínda máis cinema nos seguintes anos.

← Volver

A Gala Escolas Galegas pon o peche ao palmarés do FICBUEU 2022

FICBUEU

Os premios nas Seccións de Educación Especial, Infantil e Primaria e de Secundaria completan a selección de curtas gañadoras.

Trala celebración da Gala Escolas Galegas 2022 do Festival Internacional de Cinema de Bueu completouse o palmarés da 15ª edición, co anuncio das curtas gañadoras nas Seccións de Educación Especial, Infantil e Primaria e de Educación Secundaria

O luns anunciáronse as pezas galardoadas na sección de Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas, levándose ‘Algas Negras’ das rapazas e rapaces do IES Audiovisual de Vigo o premio de 250€ en formación audiovisual e o correspondente trofeo, e na sección de  Escolas de Cinema Internacional, con ‘Yi-Yi’ de Giselle Lin da Lasalle College of Arts conseguindo o diploma de finalista nunha axustada disputa coa obra ‘The fall of Ibis King’ de Mikai Geronimo e Josh O’Caoimh, quenes acadaron unha Mención Especial na categoría.

A sétima celebración da entrega de premios para a mocidade, que contou co apoio de Kalandraka e a Fundación Novas, estivo conducida por Bea Campos e tivo lugar o venres 23 ás 11.30 horas, coa presenza dos centros de ensinanza finalistas. Estes foron o CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo), o CEIP Do Hío (Cangas), o CEIP Do Carballal (Marín), o CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu) e o CRA Amencer (San Paio) en Educación Especial, Infantil e Primaria, e o IES As Barxas (Moaña), o IES Praia Barraña (Boiro), o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro), o IES Terra de Trasancos (Narón) e o CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) en Educación Secundaria.

Nesta ocasión o acto incluiu as proxeccións de todas as curtametraxes finalistas en cada categoría e, finalmente, fíxose a entrega dos diplomas aos centros participantes e dos galardóns ás pezas gañadoras. Estas foron, segundo o resolto polo Xurado Escolas, ‘Que van dicir de nós’ do CPI Alcalde Xosé Pichel en Educación Secundaria e ‘Carolina e o corvo de ás brancas’ do CEIP do Hío en Educación Especial, Infantil e Primaria, ambos premios compostos por 150€ en material audiovisual e un galardón.

Varias actividades clausuraron o MiniFIC na xornada vespertina

A programación do Minific, destinada ás nenas e nenos, continuou pola tarde con varias actividades para o desfrute de todos os públicos. Ás 16.00 horas na Sala Multiusos tivo lugar un obradoiro de storyboard da man de Gáidil Bueu, no que as e os asistentes puideron transformar en imaxes unha pequena historia, descubrindo o guión gráfico como unha ferramenta á hora de planificar a creación dun film.

Xa ás 17.00 horas nos exteriores do Centro Social do Mar a mocidade puido desfrutar do Consertasso na Horta a cargo do músico Brais das Hortas, posto en marcha grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra – Pontegal. No concerto, o carismático artista interpretou a varias personaxes fluíndo nos diferentes estilos musicais e amosando un retrato da sociedade actual dende unha perspectiva humorística. No acto tamén se puido participar nunha degustación de Kombucha por parte de Meraki Ferments. Para rematar a xornada, levouse a cabo a sesión de proxección da Sección Curtas en Familia ás 18.30 horas, na que se visualizaron ata oito pezas internacionais para o público familiar.

← Volver

Escoita o podcast Espazo Negativo sobre o FICBUEU 2022

FICBUEU

Ariadna Cordal e Dani Cornes conversan sobre as curtas das Seccións Oficial e Galicia R da 15ª edición do FICBUEU

Unha das actividades paralelas da 15ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu foron as gravacións do podcast Espazo Negativo, da man de Ariadna Cordal e Dani Cornes, quenes adican dous capítulos á programación de curtametraxes deste ano.

Neste espazo que abrangue temas culturais, artísticos ou políticos dende un ton desenfadado, atopamos interesantes conversas nas que se profundiza sobre as máis diversas disciplinas.

Ao igual que fixeran en pasadas edicións do FICBUEU, no primeiro dos programas Ariadna e Dani analizaron ata nove dos filmes participantes na Sección Oficial do festival deste 2022, nunha intensa charla na que incluso chegaron a chorar de emoción ao comentar algunhas das pezas e reflexionar sobre elas e sobre as temáticas das que tratan. Podes escoitar o episodio completo aquí:

Por outra banda, no segundo episodio comentaron as diferentes obras galegas presentadas ao certame. Podes escoitar a conversa aquí:

O podcast atópase dispoñible en todas nas canles de Espazo Negativo, incluíndo Ivoox, Spotify, Apple Podcasts, Anchor e demais plataformas de audio. Se queres escoitar o episodio da edición do ano pasado podes facelo aquí:

← Volver

O filme francés ‘L’enfant salamandre’ lévase o Primeiro Premio á Mellor Curtametraxe na clausura da 15ª edición do FICBUEU

FICBUEU

En total entregáronse outros cinco galardóns, ademáis do Premio Cinema Galego a Miguel de Lira.

A curtametraxe francesa ‘L’enfant salamandre’ de Théo Degen foi escollida como a peza gañadora da Sección Oficial na 15ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu, levándose o Primeiro Premio e unha cuantía económica de 2.000 euros. O vicealcalde de Bueu, Julio Villanueva, foi o encargado de entregar o galardón logo do anuncio feito por Luis E. Parés en representación do Xurado Oficial. A curta conta a historia de Florian, un neno que aos 15 anos pensa que se pode comunicar cos mortos a través do lume, o que fai que os seus veciños pensen que é un bicho raro. Un día, a forza de ser chamado monstro, remata por converterse nun.

O Segundo Premio dotado dunha cantidade de 1.000 euros foi para a curtametraxe romanesa ‘Interfon 15’ de Andrei Epure, facendo a entrega da condecoración a deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, logo de que Luis E. Parés, de novo en representación do Xurado Oficial, anunciara o nome da obra vitoriosa. ‘Interfon 15’ trata sobre varias persoas que descobren a unha muller inconsciente tirada fronte ao seu bloque. Aínda que a muller vive no terceiro piso, ninguén sabe o seu nome, o que os leva a reflexionar sobre a vida da súa veciña e sobre a súa propia.

María Ruíz-Falcó e Nerea Lores, en representación do FICBUEU, foron as encargadas de introducir o Premio do Público, que nesta ocasión recaeu sobre a produción neerlandesaVlekkeloos’ de Emma Branderhorst. Por outra banda, o premio Galicia R á mellor obra galega foi comunicado por Pepe Coira, membro do Xurado Nacional, quen deu paso ao director da compañía R, Alfredo Ramos, encargado de facer a entrega. Nesta edición houbo dúas pezas gañadoras ex aequo, ‘Rompente’ de Eloy Domínguez Serén e ‘El sembrador de estrellas’ de Lois Patiño. Os dous recoñecementos, tanto o do Público como o Galicia R, contan cunha dotación económica de 500 euros.

Pepe Coira tamén foi o membro do xurado que revelou e deu o galardón á Mellor Curta Española da presente edición, cunha recompensa de 500 euros, que recaeu en ‘Alopècia Androgènica’ de Salvador Sunyer, con Mención Especial para ‘Harta’ de Júlia de Paz. Na mesma liña, Helena Girón como parte do Xurado Descubertas foi quen desvelou o nome do filme gañador na mesma categoría, outorgado a Stéphanie Lagarde por ‘Minimal sway while starting my way up’ e que recibiu a mesma cantidade económica que nos casos anteriores. Nesta categoría houbo, ademais, dúas Mencións Especiais a ‘Anxious Body‘ de Yoriko Mizushiri e a ‘Train Again‘ de Peter Tscherkassky.

Para rematar, no acto tamén se entregou o Premio Cinema Galego 2022 a Miguel de Lira, quen reflexionará sobre o certame e sobre a súa traxectoria nunha entrevista co xornalista Gaspar Broullón que se poderá ver a través da Canle FICBUEU.

← Volver

As curtametraxes realizadas na Área Social e a presentación da programación inauguran o FICBUEU 2022

FICBUEU

Os filmes feitos coas asociacións Érguete e Juan XXIII foron os protagonistas da primeira xornada

O 15º Festival Internacional de Cinema de Bueu arrincou hoxe domingo cun acto de inauguración no que se estrearon as curtametraxes realizadas nos obradoiros levados a cabo na Área Socia FICBUEU ao longo do pasado curso 2021/2022. A presentación da grella das actividades programadas para esta edición completou a xornada de comezo do FICBUEU 2022, que se prolongará ata o próximo día 24.

A apertura do festival tivo lugar ás 19 horas no Centro Social do Mar, sede principal do evento, e contou coa presenza de representantes das diferentes asociacións colaboradoras e do resto de institucións que apoian e patrocinan esta edición. Dende a dirección do festival, quíxose destacar este acto inaugural por ser “un dos días máis bonitos ao poder presentar todo o traballo feito con estas asociacións durante o ano”.

Proxectáronse dúas pezas, A fin do osíxeno, realizada coa Asociación Juan XXIII de Cangas e que contou co respaldo da Deputación de Pontevedra, e Sabía que vendrías, gravada coas usuarias e usuarios de Érguete Vigo grazas ao soporte da Obra Social LaCaixa. Na estrea estiveron presentes as creadoras e os creadores das curtas.

As e os participantes e o equipo de Juan XXIII afirmaron que lles encantou “participar no proxecto porque nos ensinou moito sobre compromiso e constancia, así como amosar o que son capaces de facer as persoas con discapacidade con traballo e esforzo”, mentres que por parte de Érguete resaltouse que “todo o traballo está feito por eles, o centro trata de incentivar este tipo de iniciativas pero o proceso e a idea é cousa deles”.

A primeira das obras, na que participaron integrantes do centro ocupacional para persoas con discapacidade intelectual de Cangas, é unha ficción que narra a historia dunha parella de xornalistas que descubren que dúas científicas están a experimentar para acabar co osíxeno do planeta, polo que terán que facer todo o posible por evitalo.

Na segunda curtametraxe, na que se involucraron persoas usuarias de Érguete pertencentes ao programa de ‘Vivendas de apoio ao tratamento’, cóntase outra historia de ficción protagonizada por unha muller que volve á súa cidade natal tras un longo periodo afastada, amosando as sensacións que ten a xente que loita por integrarse na sociedade. 

Trala estrea dos filmes presentouse a programación do FICBUEU 2022, dando paso ás proxeccións e actividades que terán lugar dende o luns 12 ata o sábado 24.

Seccións, coloquios, concertos e máis actividades 

O segundo día comezarán as primeras sesións de proxección. Dende o luns 12 ata o xoves 15 celebrarase a Sección Retrospectiva ás 17 horas, cunha dobre quenda da Sección Oficial ás 19 horas e ás 21 horas e, entre medias, os coloquios ás 20.30. O venres 16 ás 17 horas terá lugar a Sección Descubertas, mantendo a dobre sesión da Sección Oficial e o coloquio no mesmo horario que nos días anteriores.

O sábado 17 arrincará coa presentación do CADERNO FICBUEU#3 ás 11 horas e o directo de Carne Cruda ás 12, mentres que pola tarde teremos a Sección España ás 17 horas e a Galicia R ás 19 horas, cos seus coloquios previstos para as 18.30 e as 20.30 respectivamente. A primeira semana finalizará coa entrega de premios ás 21.15 horas e co concerto de clausura, a cargo da artista Tulsa, ás 22.30 horas na praza Massó con entrada de balde.

Segunda semana: MiniFIC e Xornadas

A segunda semana estará adicada á programación para a rapazada co MiniFIC, que comezará o luns 19 coas proxeccións da Sección Escolas Internacionais ás 11 horas e da Sección Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas ás 13.00 horas, para logo rematar coa entrega de premios ás 13.30 horas. Do martes 20 ao xoves 22 serán as proxeccións das Seccións Cativa, Infantil e Xuvenil, pechadas para centros de ensino.

Coa Gala Escolas Galegas ás 11:30 horas do venres 23 comezará o día adicado ao público infantil, xuvenil e familiar,  co obradoiro de storyboard con Gáidil ás 16 horas, o Consertasso na horta con Brais das Hortas ás 17 horas e a proxección da Sección Curtas en Familia, prevista para as 18.30 horas.

Para rematar, o sábado 24 celebraranse as I Xornadas Cinematográficas, con unha ampla programación que recolle unha charla maxistral sobre Andrei Tarkovski con José Manuel Mouriño ás 11.00 horas e unha conversa entre as críticas de cine Andrea Morán e Daniela Urzola ás 12.30 horas para a xornada matinal.

A sesión de tarde iniciarase cunha mesa redonda en liña moderada pola docente Diana Ramahí na que participarán as cineastas e montadoras Diana Toucedo, Ana Pfaff e Carolina Astudillo ás 17.00 horas, para logo ter un encontro con Oliver Laxe conducido polo xornalista Ángel Suanzes ás 19.00 horas e a proxección de Zerkalo de Andrei Tarkovski (1975) ás 21.00 horas.

Por outra banda, de xeito paralelo ao festival tamén se levarán a cabo actividades como a gravación do podcast Espazo Negativo con Ariadna Cordal e Dani Cornes, a VII Ruta das Tapas 5 Estrelas, organizada en colaboración co Concello de Bueu e a Asociación de Empresas da Hostalaría de Bueu, ou o V Mercado da Curtametraxe no Musseo Massó.

As entradas para os diferentes apartados do festival poderanse adquirir na nosa tenda en liña ou no despacho de billetes do Centro Social do Mar unha hora antes de cada actividade. 

← Volver

Manuel Pena: “O FICBUEU ofrecerá un maior desfrute para o público cunha carga diaria menos esixente”

FICBUEU

A organización e as entidades colaboradoras presentaron a programación que se desenvolverá do 11 ao 24 de setembro

O 15º Festival Internacional de Cinema de Bueu ofrecerá entre o 11 e o 24 de setembro unha ampla programación coa proxección de máis dun centenar de curtametraxes e a posta en marcha de diversas actividades, volvendo ao ritmo habitual logo de dous anos marcados polas restricións da pandemia. 

Así se expuxo hoxe na rolda de prensa da presentación desta edición de 2022, na que estiveron presentes alén da organización, diversas institucións como o Concello de Bueu, a Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia – AGADIC ou a Deputación de Pontevedra, entidades que apoian o festival xunto co ICAA do Ministerio de Cultura.

No acto, que se puido seguir a través de streaming nas canles da Deputación de Pontevedra dentro da proposta do Rías Baixas Film Fest, os presentes puxeron de manifesto a importancia de recuperar a normalidade dos eventos culturais e afluencia do público aos mesmos.

O director do festival, Manuel Pena, quixo resaltar a importancia de recuperar o aforo completo nun ano especial cheo de novidades, no que a programación do festival pasa ás dúas semanas para dar espazo e tempo ás diferentes actividades, buscando según comentou “un maior disfrute por parte do público cunha menor carga diaria, sen que isto repercuta na programación”. 

Deste xeito, o FICBUEU 2022 estructurarase en tres bloques, cunha primeira semana adicada ás curtametraxes e unha segunda na que se celebrará o MiniFIC e as I Xornadas Cinematográficas, destacando como unha das principais innovacións desta edición. Sobre as xornadas, Pena explicou que “estas non estarán orientadas á curtametraxe, senon ao cinema en xeral”, buscando “dar unha maior profundidade ao análise e á reflexión sobre a arte do cinema”.

Tras el, tomou a palabra o director de AGADIC, Jacobo Sutil, en representación da Xunta de Galicia, que destacou “a importancia deste tipo de festivais, que posicionan o sector audiovisual galego nun momento moi favorable”. O representante autonómico tamén aproveitou a ocasión para felicitar ao FICBUEU por “coidar tanto a programación e pensar no público” ao ampliar a súa duración, dando a oportunidade aos asistentes de aproveitar a súa visita á vila de Bueu.

En consonancia co anterior, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, enxalzou ao Concello de Bueu, que definiu como “un lugar fermoso no que se aposta pola cultura”, opinando que “é outro dos encantos que ten por ofrecer o FICBUEU”. A mandataria provincial tamén felicitou á organización pola “aposta clara polo cinema, polas curtas e por facer chegar á veciñanza esta programación”. Por último, Silva tamén subliñou “todo o traballo que hai detrás para cumprir coa esixencia das dúas semanas de duración do proxecto”.

Para finalizar, tomou a palabra o alcalde de Bueu, Félix Juncal, en compañía do concelleiro de cultura, Xosé Leal. O autoridade local aproveitou para reflexionar sobre as oportunidades que ofrece a vila, ao tempo que recalcou que o FICBUEU “é un deses proxectos que nos permite compartir e vivir unha experiencia para desfrutar”.

A programación completa do FICBUEU pode consultarse aquí. Dentro da mesma, as actividades e proxeccións contan con diferentes modalidades de entrada (de balde, con custo, convite, abonos, etc), que se poden adquirir a través do apartado de tenda da páxina web ou no despacho de billetes a partir do día 5 de setembro.

← Volver

As curtas do Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas e da Escuela Oficial de Cinematografía protagonizan o CADERNO FICBUEU #3

FICBUEU

O novo monográfico analiza os filmes das escolas de cinema españolas, nos que tamén está baseada a Sección Retrospectiva deste 2022

O Festival Internacional de Cinema de Bueu inaugurou no 2019 a Sección Retrospectiva, un apartado adicado aos fitos máis importantes da historia do cinema en formato curto a través das súas obras. Froito de todo o traballo de documentación posto en marcha para crear esta categoría naceu o proxecto Cadernos FICBUEU, publicacións recompilatorias paralelas ao contido da sección.

O primeiro ano analizouse a influencia da Nouvelle Vague e a súa importancia no posterior desenvolvemento desta corrente cinematográfica, mentras que o ano pasado púxose o foco na maior produtora pública do mundo, a National Film Board of Canada, contando coa participación de Marc Bertrand, un dos seus produtores, no festival.

Nesta 15ª edición tanto a Sección Restrospectiva do FICBUEU 2022 como o Caderno #3 centraránse en España, analizando as pezas feitas no Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas e na Escuela Oficial de Cinematografía entre 1947 e 1976, sendo unha das semenetes do actual cinema español ao dar paso aos diversos cineastas que reformularon a industria durante eses anos.

As interesadas e os interesados poderán asistir de xeito gratuíto as proxeccións da Sección Retrospectiva do luns 12 ao xoves 15 ás 17 horas, retirando previamente o convite no despacho de billetes. Coa entrada para estas proxeccións entregrarase de agasallo un exemplar do Caderno FICBUEU #3.

O monográfico, titulado “As prácticas do Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas e a Escuela Oficial de Cinematografía como primordio dun novo cinema español (1947-1956)”,  tamén será presentado polo seu autor, Severiano Casalderrey, durante a presente edición do FICBUEU. Será o sábado 17 ás 11 horas no Punto de Encontro.

A obra está editada en galego e en inglés e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia dende o inicio deste proxecto. Na actualidade pódense atopar os cadernos en bibliotecas públicas e diversas institucións e escolas relacionadas co cinema. Ademais, os Cadernos tamén están dispoñibles para a súa compra na  tenda en liña do FICBUEU e durante o festival na tenda física.

← Volver

O FICBUEU e o Banco de Alimentos de Vigo-Pontevedra organizan unha recollida de alimentos durante o festival

FICBUEU

Poderase doar durante as dúas semanas do evento.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu e o Banco de Alimentos de Vigo-Pontevedra anuncian unha nova colaboración para realizar unha recollida de alimentos de cara á 15ª edición, que terá lugar do 11 ao 24 de setembro. 

Poderanse doar diferentes produtos non perecedoiros durante as dúas semanas do festival no Centro Social do Mar, sede principal do evento, no mesmo horario das actividades programadas.

Os artigos que máis se precisan adoitan ser leite, cacao, galletas, aceite e todo tipo de conservas, aínda que toda doazón será ben recibida. Outra clase de alimentos moi útiles neste tipo de iniciativas son os de almacenamento sinxelo, os de alta densidade nutricional ou os que se poden consumir sen elaboración previa, sempre e cando sexan saudables.

Deste xeito, e ao igual que en pasadas edicións, o FICBUEU tratará de colaborar na loita por diminuír as desigualdades sociais, en consonancia cos valores e as ideas que identifican á organización, continuando e mesmo ampliando a labor realizada en anos anteriores.

Cartel informativo extraído da web midietacojea.com

En 2021, ano de comezo desta colaboración, a campaña realizouse únicamente durante as proxeccións da Sección Panorama. Nesta ocasión, a organización amplia as datas de recollida, incluíndo ás visitas dos colexios durante a semana do MiniFIC, coa intención de mellorar e de aumentar o número de alimentos recollidos.

O Banco de Alimentos de Vigo-Pontevedra é un das 54 organizacións que pertencen á Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), unha entidade con máis de 20 anos de percorrido que ten por obxectivo loitar contra a fame, a pobreza e o desperdicio de alimentos mediante o seu correcto aproveitamento e reparto, contribuíndo tamén a mellorar o medio ambiente. Grazas ao seu traballo, repártense produtos entre máis de 7.000 entidades benéficas e a máis dun millón de persoas.

← Volver

Seis pezas competirán polo premio á Mellor Curtametraxe de Escolas Internacionais do FICBUEU 2022

FICBUEU

Será o terceiro ano no que o festival bueuense entregue o galardón nesta categoría.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu premiará na súa 15ª edición á mellor curtametraxe da Sección Escolas Internacionais, nunha categoría que está asentada na programación dende que se creou no ano 2020.

Dos miles de traballos recibidos polo FICBUEU para a Sección Oficial, o equipo do festival tivo que realizar unha escolma previa entre aqueles procedentes de escolas de cine internacionais para poder anunciar aos seis finalistas da presente edición. A decisión final correspondeulle ao Xurado Escolas, conformado pola escritora e editora Olalla González, o pedagogo, docente e investigador Álvaro Dosil, e polo produtor, director de cine e docente Sergio Clavero, quenes resolveron entre unha destacada selección de curtametraxes chegadas de diferentes partes do mundo.

Fotograma da curta Fruto do vosso ventre

Dende a Escola Superior de Teatro e Cinema de Portugal Fábio Silva presenta Fruto do vosso ventre, que conta a historia dun fillo que descobre as vellas cintas de 8mm do seu pai e comeza a descubrir a realidade sobre os seus pais e a súa vida.

A segunda finalista é a singapurense Yi Yi de Giselle Lin da Lasalle College of Arts, que narra a vida dunha nai atrapada na comodidade do recordo e do loito que se ten que enfrontar á súa dor chegado o momento.

Mikai Geronimo e Josh O’Caoimh firman dende a National Film School at IADT de Irlanda Fall of the Ibis king, na que o antagonista dunha ópera escura vólvese cada vez máis inquieto tras o improbable regreso do antigo actor principal.

En Joy de Alexandra Brodski, da escola NFTS de Reino Unido, poderemos asistir á vida de Jacob, un rapaz en réxime de internamento de menores desesperado por volver ao mundo exterior, unha situación que cambia cando coñece a Joy, unha nena de 10 anos misteriosamente magnética.

Outra das obras finalistas é An ostrich told me the world is fake and I think I believe it do alumno da Griffith Film School australiana Lachlan Pendragon. Nesta curta, un mozo teleoperador enfrontarase a unha misteriosa avestruz parlante e decatarase de que o universo é unha animación en stop motion, o que o leva a tratar de espallar o seu descubremento.

Fotograma da curta Joy

A sexta nomeada é a suíza Es muss de Jumana Issa e Flavio Luca Marano, da  Zürcher Hochschule der Künste, que contará a complicada xornada de Silvia, unha moza que no mesmo día perde o papel de solista no seu coro, é despedida do seu traballo e é multada pola policía, o que desata a súa resistencia silenciosa.

Todos os traballos proxectaranse durante a segunda semana do festival, nunha sesión que terá lugar o luns 19 ás 11 horas no Centro Social do Mar, con entrada de balde para todas as persoas interesadas.

A curta gañadora da Sección Escolas Internacionais anunciarase o mesmo luns 19 de setembro ás 13.30 horas, nunha entrega de premios aberta o público onde tamén se coñecerá o nome do traballo gañador na Sección Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas.

Será a terceira ocasión na que o FICBUEU repartirá este galardón. As obras gañadoras nos anos anteriores foron a francesa Avant notre heure, da directora e xefa de fotografía Chloé Terren, quen continúa traballando en proxectos similares, e a finesa Hiljaisuus de  Saara Hakkarainen, peza gañadora noutros festivais como o Tampere Film Festival ou o Santorini Film Festival.

← Volver

Miguel de Lira será o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022

FICBUEU

O actor, coñecido pola súa ampla traxectoria en cinema, televisión e teatro recibirá o galardón e será entrevistado polo xornalista e produtor Gaspar Broullón.

O actor Miguel de Lira (Miguel Domingo García), que debe o seu nome artístico aos seus orixes na parroquia de Santa María de Lira, no concello de Carnota, recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022. Un galardón creado co obxectivo de recoñecer a traxectoria e a labor realizada na industria audiovisual galega das actrices e actores da terra, uníndose a premiados en anteriores edicións como Alfonso Agra, Antonio Durán ‘Morris’, Mabel Rivera, Luis Zahera ou Melania Cruz.

A súa extensa carreira deu comezo durante a etapa universitaria, momento no que se adentra no mundo teatral, fundando en 1986 xunto a outras compañeiras e compañeiros o grupo Chévere, todavía vixente a día de hoxe. Nesta agrupación, distinguida co Premio Nacional de Teatro en 2014, desenvolveuse como director, actor e produtor. Pouco despois, en 1989, daría o salto á televisión e ao cinema, debutando no programa de humor da TVG Velaí… e na película Urxa.

A partir dese momento compaxinou actuacións en televisión, participando en series como Mareas Vivas, Pepe o inglés ou Los hombres de Paco, con outras en cinema, actuando en Entre bateas, Crebinsky ou Eroski Paraíso. Aínda así, de Lira non descoidou outros formatos como o teatro ou a curtametraxe, contando en ambos cun interesante número de obras as súas costas.

Recentemente destacan os seus papeis en longametraxes como Cuñados de Toño López, Ons de Alfonso Zarazuza, Dhogs de Andrés Goteira ou A esmorga de Ignacio Vilar, ademais doutros en series recoñecidas como Vivir sin permiso ou Matadero.

As máis de vinte películas nas que participou e innumerables traballos noutros ámbitos valéronlle para estar nomeado ata en seis ocasións aos Mestre Mateo, levándose o premio a Mellor Actor un total de tres veces. Deste xeito, de Lira aumentará o seu palmarés cun Premio Cinema Galego que recoñece a súa prolífera traxectoria e a súa contribución e compromiso coa sociedade e cultura galega.

O actor participará nesta 15ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu nunha interesante entrevista co xornalista e produtor Gaspar Broullón, co que repasará os momentos máis destacables da súa carreira. Esta conversa estará dispoñible en liña despois do festival a través da nova Canle FICBUEU.

O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content