Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility orestes, autor en FICBUEU • Páxina 2 de 3
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

Nove curtas internacionais a concurso, coloquio de cineastas e radio en vivo, oferta cultural de mañá no FICBUEU

← Volver

Nove curtas internacionais a concurso, coloquio de cineastas e radio en vivo, oferta cultural de mañá no FICBUEU

FICBUEU

A nova sección GZ_00 do FICBUEU reuniu onte a algúns dos novísimos talentos do cinema galego. Presentaron as súas curtas e falaron co público da Sala Amalia Domínguez Búa. Na imaxe, de esquerda a dereita, Manuel Pena, co-director do FICBUEU; Miguel Canalejo (O coidado); Santi Teijelo (Malgrat); Nacho Ozores (Solo, a veces. Frágil, siempre); Lucía Estévez (O neno sardiña); Marta Valverde (30′ 70 60′ 120); Coral Piñeiro e Laura Piñeiro (Na pel da memoria).

I Haberá un pase con cinco películas ás 19.30 horas, ao que seguirá un encontro con dúas mulleres do mundo do cinema, e unha sesión máis con 4 filmes, ás 21.30 horas 

I O podcast «Kinótico» de Onda Cero, que dirixe o xornalista David Martos, gravarase en directo e con público dende as instalacións do Festival

BUEU. 11.08.2023. Seguen as proxeccións da «Sección Oficial» do FICBUEU. Nove curtametraxes das 28 que compiten por entrar no palmarés da 16ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu poderán verse mañá na pantalla do Auditorio do Centro Social do Mar. 

A primeira das sesións cinematográficas, que comezará ás 19.30 horas, reunirá cinco películas: a curta 45th Parallel, do xordano Lawrence Abu Hamdan e producida no Reino Unido; Airhostess-747, do grego Thanasis Neofotistos; a cinta de animación nominada aos Oscar The Flying Sailor, das realizadoras canadenses Amanda Forbis e Wendy Tilby; Aqueronte, do sevillano Manuel Muñoz Rivas; e Daphne, de Tonia Mishiali, de Chipre.

A realizadora chiprense participará nun coloquio que se celebrará tras as proxeccións (21.00 horas), no que estará acompañada por María Royo, axudante de dirección e xefa de produción en Aqueronte, a representante española neste grupo de curtas a concurso.

A segunda sesión de películas comezará despois, a partir das 21.30 horas. O FICBUEU presentará catro curtametraxes máis, entre as que figura unha galega, Alicia fai cousas, do realizador de Marín (Pontevedra) Ángel Santos. Estreada este mesmo ano, multipremiada no festival porriñés de Cans, conta a historia dunha moza de 25 anos convencida de que está aburrida e mentres se prepara para unha audición pensa se debería apuntarse a algún curso ou se vai ou non a unha festa.

O programa da noite complétano Will my parents come to see me, do somalí Mo Harawe; O outro extremo da rúa, do director húngaro Kálmán Nagy, e a cinta de animación Ice Merchants, coa que o realizador portugués Joao Gonzalez gañou no Festival de Cannes e foi nominado aos Oscar.

Cinema e radio

Mañá chegará tamén a segunda entrega do espazo «Cinema e Radio», que se prolongará ata o venres. O xornalista especializado en cinema David Martos trasladarase ata o FICBUEU para realizar en directo, dende as 18.00 horas, un novo episodio do podcast Kinótico, que se emite en Onda Cero e que é un dos programas de referencia no sector. A entrada é libre.

← Volver

Curtas distinguidas nos Oscar, Cannes, Berlín ou Venecia compiten desde mañá por entrar no palmarés do FICBUEU 

FICBUEU

I Mañá coñeceranse tamén as curtas seleccionadas para participar na primeira edición da «Residencia FICBUEU» e comezará a actividade «Cinema e Radio» coa emisión en directo e con público do podcast galego Café Derby 21

I As 28 películas a concurso na «Sección Oficial», tres delas dirixidas por creadores galegos, proxectaranse ata o vindeiro sábado en dúas sesións diarias 

BUEU. 10.08.2023. Arranca a «Sección Oficial» do FICBUEU 2023. O Festival Internacional de Cinema de Bueu presenta dende mañá luns e ata o sábado 16 unha escolma da mellor produción de curtametraxes realizada durante o pasado ano en todo o mundo, así como as novas tendencias de creación cinematográfica e cinema autoral. O público que se achegue ata o Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu poderá descubrir nesta edición do certame 28 curtametraxes procedentes de 21 países, que se irán proxectando cada día en dúas sesións (19.30 e 21.30 horas) e cun coloquio con cineastas entre ambas.

As curtametraxes participantes foron elixidas entre preto de 3.000 cintas chegadas do mundo enteiro. «Queremos amosar relatos audiovisuais de calidade que dean a coñecer novas perspectivas autorais, novas formas de contar», explica o co-director do FICBUEU Manuel Pena. «O FICBUEU trata de ser unha ventá dende a que cada ano poidamos coñecer as novas tendencias das linguaxes cinematográficas».

Mañá tamén se presentará a «I Residencia FICBUEU», un programa formativo destinado a desenvolver curtametraxes aínda sen realizar, centrándose especialmente no traballo de guión. Durante a presentación, coñeceranse as curtas seleccionadas para a primeira edición da Residencia, que terá lugar na Illa de Ons, do 9 ao 15 de outubro, e contará coa titorización da galardoada guionista Isabel Peña.

'20.000 ESPECIES DE ABELLAS' E UN AUDITORIO CHEO

A proxección de "20.000 especies de abellas" completou o aforo do auditorio do Centro Social do Mar. O sábado pola tarde, antes do inicio, esgotáronse as entradas. O filme acaba de ser pre-seleccionado para representar a España nos Oscar. Izaskun Urquijo, directora de Arte da película, mantivo un interesante conversatorio co público e presentou a proxección.

Co inicio da sección oficial do Festival comeza tamén «Cinema e Radio», actividade que traerá ata o vindeiro venres cinco dos mellores podcasts de radio especializados en cinema que se emiten no país. Realizaranse en vivo e con público dende o Centro Social do Mar de Bueu. Abrirá este espazo radiofónico Café Derby 21, podcast conversacional presentado e realizado polos xornalistas Adrián Lede, Carme D. Prol e Nico Carreira (18.00 horas).

Curtas premiadas nos mellores festivais

Na selección de curtas a concurso da «Sección Oficial», tanto de ficción coma documentais e de animación, o Festival presentará moitos dos traballos máis distinguidos a nivel internacional nos últimos meses.

É o caso de Will you look at me, do realizador chinés Huang Shuli: a historia da conversa entre un director e a súa nai levou un galardón no Festival de Cannes e o premio do xurado á mellor curta de non ficción en Sundance. Outra cinta asiática que estará no FICBUEU e trunfou nos festivais de Venecia e Toronto é Snow in September, da directora Lkhagvadulam Purev-Ochir, de Mongolia.

Outras xoias na lista oficial do Festival chegaron dende Europa, coma Ma mère et moi, road trip emocional dunha filla e a súa nai da realizadora holandesa Emma Branderhorst, que foi nominada na Berlinale e acadou o premio á dirección xove en Cannes (e o Premio do Público FICBUEU na pasada edición coa curta Spotless); ou Nest, do islandés Hylnur Palmason, recoñecida en San Sebastián e que explora a idea do tempo a través de tres irmáns (os fillos de Palmason) que constrúen unha casa nunha árbore. Airhostess-747, do grego Thanasis Neofotistos, finalista en Toronto, é outra das apostas europeas.

Realismo social

O director estadounidense Sam Shainberg levou tamén varios galardóns e nominacións internacionais por Endless Sea, curta sobre o vertixinoso día dunha muller de 70 anos en Nova York en busca dunha solución para poder mercar a medicación que necesita para o corazón e que conta coa colaboración do artista Iggy Pop.

Dende Mexico chega a curta a finalista en Sundance Sweatshop girl, de Selma Cervantes e con Yalitza Aparicio –gañadora dun Oscar por Roma, de Alfonso Cuarón– no papel dunha traballadora dunha maquila que fai todo o posible por ocultar o seu embarazo para que non a despidan. Outra das películas participantes, Will my parents come to see me, da realizadora somalí Mo Harawe, obtivo o Gran Premio de Clermont-Ferrand polo seu retrato sensible e preciso do ultimo día dun condenado a morte e da axente de policía que o acompaña.

Animación de Oscar

No campo da animación proxectaranse dous dos máis recoñecidos traballos do pasado ano. Trátase de Ice Merchants, proxecto de fin de carreira do portugués Joao Gonzalez, premiado en Cannes e que se converteu na primeira produción lusa nominada aos Oscar; e The Flying Sailor, das realizadoras canadenses Wendy Tilby e Amanda Forbis, nominadas tamén aos premios da Academia de Hollywood por este traballo.

En canto á representación española na «Sección Oficial», o FICBUEU seleccionou sete curtametraxes. Tres son galegas: Alicia fai cousas, do marinense Ángel Santos e Ulises, de Félix Brixel, foron multipremiadas no Festival de Cans; e Sandwich Cat, curta de animación do lucense David Fidalgo, gañou o South by SouthWest Film Festival de Austin. Completan a lista Arquitectura emocional 1959, do cántabro León Siminiani; Aqueronte, do sevillano Manuel Muñoz Rivas; Ruovesi, da viguesa Andrea Zapata; e El perro de un torero, de Sandra Romero.

← Volver

O FICBUEU estrea mañá unha sección para amosar o traballo da nova xeración de cineastas do audiovisual galego

FICBUEU

I O Festival ofrecerá con «Descubertas» a produción máis vangardista cunha selección de traballos chegados dende Holanda, Irán, Reino Unido, Finlandia, Hungría e España

I Seis películas de novas creadoras e creadores competirán polo premio á mellor curta dirixida ou producida na comunidade

A TÍA NI NA SÚA ESTREA

Coa estrea da curtametraxe documental 'A tía Ni e o seu mercado' comezaron as proxeccións do FICBUEU 2023. Foi na noite deste venres. O filme conta a historia do Mercado da Tía Ni, unha librería e tenda de antigüidades que no seu local base do Castro de Gaxate (A Lama, Pontevedra) funciona tamén coma un espazo cultural e punto de encontro. O proxecto foi desenvolto por usuarias e usuarios do centro especializado en trastornos da conducta ITA Berducido. A tía Ni asisitiu á estrea no Centro Social do Mar.

BUEU. 08.08.2023. O Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, regresará mañá domingo á axenda cultural galega coa estrea dunha sección na súa programación que busca achegar ao público o traballo de novas creadoras e novos creadores de curtametraxes dirixidas e/ou producidas en Galicia. «GZ_00», así se chama a nova categoría, reunirá no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu media ducia de películas que amosarán o talento emerxente que hai na comunidade e que competirán para acadar o premio á mellor curta galega nesta edición, a décimo sexta, do FICBUEU. O pase terá lugar a partir das 19.30 horas.

Detrás desta selección de filmes galegos hai tres mulleres e tres homes. A viguesa Lucía Estévez trae ao Festival O neno sardiña, sobre un personaxe de lenda que cruza o Miño para alonxarse dos que celebran o seu enterro na fin do Entroido. É a quinta curta desta realizadora, na que contou co traballo interpretativo de María Vázquez ou Diego Anido30’ 70 60’ 120, historia dunha prostituta nos seus tempos de espera entre encontros, vén firmada pola directora de Nigrán Marta Valverde; e Na pel da memoria é obra das vilagarcianas Coral e Laura Piñeiro, fundadoras da asociación Memoria e Cinema. A través desta curta documental que se proxectará mañá no FICBUEU achegarán ao público a figura de Mariví Villaverde, unha escritora, tamén vilagarciana, referente na recuperación da memoria histórica do exilio. 

O lugués Nacho Ozores estará en «GZ_00» con Solo, a veces. Frágil, siempre, relato dun home que quere pasar unha noite de venres tranquila pero a quen o universo llo pon difícil. En O coidado, presentada por Miguel Canalejo, realizador afincado na Coruña, os protagonistas son un home de 70 anos que empeza ter problemas de autonomía e o androide que o axuda. Completa a lista de talento emerxente galego o santiagués Santi Teijelo coa súa película Malgrat, un proxecto documental que reflexiona sobre a capacidade dos espazos de albergar recordos.

Vangarda con «Descubertas» e o cinema de «Escolas Internacionais»

Mañá tamén se proxectarán no Auditorio do Centro Social do Mar (21.30 horas) as seis películas da sección «Descubertas», na que se atoparán os traballos máis vangardistas e innovadores dos últimos meses da escena mundial. Este ano, as películas seleccionadas chegan de países coma Holanda (Buurman Abdi), Irán (Majmouan), Reino Unido e Noruega (A history of the world according to Getty Images), Finlandia (The Transient), Hungría (Resting Fog) e España (Bloom). Ademais, ás 18.30 horas será o pase de catro dos mellores traballos das escolas de cinema de todo o mundo na sección «Escolas Internacionais»: La herida luminosa, do realizador español Christian Avilés; Rituály, do checo Damián Vondršek; Raíces, das italianas Maddalena Brozzi, Laura Cagnoni e Sara Moschini; e The Boy Who Couldn’t Feel Pain, do alemán Eugen Merher. 

← Volver

«20.000 especies de abellas», película revelación do ano e candidata a representar a España nos Oscar, chega mañá á pantalla do FICBUEU

FICBUEU

I A ópera prima da directora alavesa Estibaliz Urresolaproxectarase ás 21.00 horas no Centro Social do Mar de Bueu e será presentada pola directora de arte da película, Izaskun Urkijo

I As II Xornadas Cinematográficas do FIC, que se celebran tamén este sábado, centrarse no cinema sensible e do cotián.

BUEU. 08.08.2023. Para ver en pantalla de cinema a película 20.000 especies de abellas, seleccionada entre as 3 precandidatas de España para a vindeira edición dos Oscar, o lugar é o FICBUEU. E hai unha única oportunidade: mañá. A longametraxe, escrita e dirixida pola realizadora alavesa Estibaliz Urresola, proxectarase na noite deste sábado ás 21.30 horas no Centro Social do Mar (Bueu). O filme será exhibido tan só dous días despois da súa preselección para os Premios.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que arranca hoxe, apostou hai meses por incluír na súa programación esta cinta ambientada no País Vasco que supón un realista, delicado e emotivo rexistro da infancia dunha nena trans e do proceso de asimilación na súa familia. O filme e converteuse nos últimos meses na película revelación do ano. 

20.000 especies de abellas arrasou no Festival de Málaga e a súa protagonista, Sofía Otero, de 8 anos, acadou o premio á mellor actriz en Berlín.  A entrada á proxección custa 3 euros. Pode mercarse na tenda en liña do Festival ou no despacho de billetes do FICBUEU dende unha hora antes da proxección . Na presentación da película no FICBUEU estará a directora de arte da película, Izaskun Urkijo, quen tamén traballou con Estibaliz Urresola na curtametraxe Pó somos (2020).

Antes, ás 19.00 horas, Urkijo participará nun encontro co público do Festival sobre a película para falar do traballo visual, estético e escenográfico que realizou nesta multipremiada longametraxe. Será na Sala Multiusos do Centro Social do Mar. 



Xornadas Cinematográficas

A protección da longametraxe será o peche das II Xornadas Cinematográficas que organiza o FICBUEU. As apostas do certame pola reflexión e pola divulgación do cinema e a cultura están detrás destas Xornadas. Trátase dun día adicado á aprendizaxe e ao intercambio de ideas.

A xornada comezará ás 10.30 horas na Sala Multiusos cunha clase maxistral a cargo da investigadora e profesora Nieves Febrer. Baixo o título O cotizan, entorno e artificio, Febrer centrarase no concepto do cotián e a súa construción visual a partir de obras de diversos artistas e cineastas.

Ás 12.30 chega a conversa A estética do cine sensible, o realismo e a cotidianidade  no cinema. A crítica e xornalista Andrea Morán e máis a investigadora e colaboradora da Revista Caimán Cuadernos de Cine, Daniela Urzola, abordarán cómo é o retrato da vida cotiá no cinema a través da obra de distintas autoras e autores. Seleccionando creadoras e creadores referentes no cine sensible, explorarán como se manifestan estes temas e aspectos nas súas obras audiovisuais.

Na tarde, as II Xornadas Cinematográficas do FIC continuarán abordando as particularidades e implicacións narrativas e estéticas do cinema sensible e cotián nun encontro sobre a obra dun dos referentes neste tipo de filmes, o director xaponés Yasujiro Ozu. No encontro participan con Santos Díaz como moderador, a Marta Peris, autora da tese La casa japonesa a través del cine de Yasujiro Ozu, o catedrático Antonio Santos, especialista en cine xaponés e asiático e autor da tese Elogio del silencio: Yasujiro Ozu en los tiempos de estruendo (1903-1963) e o profesor Jordi Puigdomènech, investigador e autor de obras como Yasujiro Ozu, el tiempo y la nada, entre outras.

No encontro con  Izaskun Urkijo, xa ás 19 horas, a directora de arte de 20.000 especies de abellas falará sobre o seu papel na creación estética da película centrándose na creación e planificación estética do filme. 

A tamén directora de arte Elia Robles, quen participou en filmes coma Ons ou Melancolía, dirixirá este encontro. Será xusto antes da protección do filme. Na parada buenense de 20.000 especies de abellas no seu camiño cara os Óscar.
← Volver

6 cousas que debes saber sobre a 16a edición do Festival

FICBUEU

1. Unha estrutura que aposta pola cultura cinematográfica

O FICBUEU é cinema e cultura. De aí que a palabra, o diálogo, a divulgación de coñecemento sobre cinema, teñan un lugar destacado no inicio do Festival. Trala noite inaugural, co concerto de Chungo Pastel -venres 8-, a xornada do sábado adícase a unha clase maxistral da investigadora, profesora e fotógrafa musical Nieves Febrer, encontros e conversas sobre cinema. Tamén haberá un coloquio sobre 20.000 especies de abellas, a película española que trunfou no que vai de ano en festivais coma os de Hong Kong, a Berlinale ou Málaga. A proxección da longametraxe será a primeira do FICBUEU2023.

Nos seguintes días chegan a competición oficial do Festival e o Minific, pensado para achegarlles os filmes ás nenas e nenos da zona.

 

2. Medra a Sección Oficial.

Dende este ano, a Sección Oficial do FICBUEU terá 6 sesións de proxeccións, unha máis ca nas últimas edicións do Festival. As antigas seccións Galicia e España incorpóranse á Sección Oficial.

 

3. Volve a radio.

O Festival apostou dende os seus inicios polo formato radiofónico para difundir a cultura de cinema. Programas culturais ou outros especializados en cinema fixéronse dende Bueu, coincidindo con Festival, durante anos. Deixou de facerse, por motivos de forza maior, por causa da Covid-19. Ata 5 podcasts e programas de radio van facerse este ano dende o Festival.

 

4. Ficpaper.

Partir da crítica. En colaboración coa web de crítcica audiovisual A Cuarta Parede haberá follas de sala diarias con información sobre os contidos das sesións.

 

5. GZ_0.0.

Unha nova sección para a difusión dos novos talentos cinematográficos de Galicia. As proxeccións serán o domingo 10 ás 19.30 horas. A partir das 21 horas, o público poderá falar con realizadoras e realizadores dos filmes.

 

6. Luísa Merelas recibirá o Premio Cinema Galego.

A actriz Luisa Merelas ten unha traxectoria de preto de catro de interpretación en Galicia, tanto en teatro coma en cinema ou televisión. O Festival adícalle este ano o Premio Cinema Galego.

← Volver

O FICBUEU regresa dende esta fin de semana coas mellores curtas internacionais e unha oferta cultural máis solidaria e inclusiva

FICBUEU

I Dende este venres e ata o vindeiro sábado 23 proxectaranse 89 películas dunha trintena de países e haberá concertos, obradoiros, coloquios con cineastas, podcasts de radio en directo e programación especial para a rapazada no MiniFIC

I O Festival reforza o seu compromiso social cunha campaña de recollida de produtos de xestión menstrual e a estrea dunha ludoteca infantil para favorecer a conciliación familiar

BUEU. 06.09.2023. O Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, xa quenta motores. O certame de curtametraxes, que dende O Morrazo amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema autoral, regresa este venres cun completo programa que se desenvolverá na vila buenense ata o vindeiro sábado 23. A súa décimo sexta edición presentouse hoxe no Peirao do Attilio, no paseo da Pescadoira, nun acto cos directores do Festival, Manuel Pena, María Ruiz-Falcó e Nerea Lores, e no que tamén participaron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra; Marta Fernández-Tapias, vicepresidenta do organismo provincial pontevedrés; e Carmen García, concelleira de Cultura de Bueu. As tres institucións apoian e fan posible o evento.

O FICBUEU, un dos festivais galegos con maior traxectoria e impacto, trae de novo a mellor selección de curtas internacionais producidas durante o pasado ano. No Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu –epicentro das actividades do certame– proxectaranse 89 películas chegadas dunha trintena de países dos cinco continentes. 28 delas compiten na «Sección Oficial» e moitas xa resultaron premiadas nos últimos meses nos festivais máis importantes do mundo coma Venecia, Cannes, San Sebastián, Berlín, Clermont-Ferrand ou Sundance. Galicia tamén estará moi presente no Festival: hai catro curtas producidas ou dirixidas na comunidade a concurso na «Sección Oficial» e media ducia máis de pezas no espazo denominado «GZ_00», dedicado en exclusiva ás creacións de selo galego.
A programación do Festival inclúe tamén coloquios e clases maxistrais con cineastas e profesionais do sector audiovisual, obradoiros, concertos, a emisión en vivo e con público de cinco podcasts radiofónicos sobre cinema, actividades nas rúas e unha oferta especial para a rapazada co MiniFIC.

Traballo a prol do audiovisual galego durante todo o ano

Pero se hai algo que caracteriza ao FICBUEU é a súa aposta pola promoción continuada da cultura. O certame é, de feito, a culminación dun traballo de difusión cultural e do cinema que se desenvolve durante todo o ano con actividades coma o Cinema Circulante –con proxeccións, conversas, actuacións musicais e obradoiros vencellados á cultura galega para todos os públicos–, a proxección de curtas o día máis curto do ano ou a «Residencia FICBUEU», un programa de creación e formación co que se busca fornecer proxectos de guion e impulsar as curtas de novas autoras e novos autores. A primeira edición terá lugar do 9 ao 15 de outubro na Illa de Ons e estará titorizada por Isabel Peña, guionista de filmes como As bestas ou El reino.

Compromiso coas persoas

O apoio a valores coma a igualdade, a integración e o respecto é outro dos elementos clave do FICBUEU, que o converten nun certame diferente marcado polo seu compromiso coas persoas. O Festival amosa a súa esencia social máis ca nunca nesta edición. Arranca este venres coa estrea da curtametraxe realizada nos últimos meses por usuarios e usuarias do ITA Verducido coa axuda da organización do certame. Porase en marcha unha ludoteca infantil para favorecer a conciliación familiar, convertíndose así no primeiro festival galego de cinema con este servizo. E, nas dúas semanas do FICBUEU, realizarase unha campaña de recollida de produtos de hixiene feminina –que logo se doarán xunto aos alimentos entregados tamén polo público ao banco da Fesbal (Federación Española de Bancos de Alimentos) en Bueu– co obxectivo de axudar a visibilizar a pobreza menstrual que sofren moitas mulleres no mundo. É, ademais, a resposta do FICBUEU á mensaxe lanzada polo seu público, que o ano pasado premiou unha curta con esta temática, Spotless, da realizadora holandesa Emma Branderhorst.

Durante a presentación do Festival, o director da Axencia Galegas das Industriais Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, felicitou á organización polo evento e salientou o “papel moi importante” que xogan citas coma o FICBUEU para o audiovisual en Galicia. Lembrou, Sutil, que o cinema galego atravesa un gran momento de producións e recoñecementos.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, lembrou que “O FICBUEU é cultura con maiúsculas”. E incidiu no compromiso do organismo provincial co evento: “A Deputación vai estar sempre ao voso lado porque a cultura será un dos alicerces deste mandato”.

A concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García, lembrou a importancia que o Festival ten para a vila e salientou o feito de que “cada ano suma novas propostas que van cos novos tempos e cos novos valores”.

O FICBUEU é posible tamén en gran medida grazas a empresas en entidades de Bueu e do Morrazo que ano a ano apoian o certame. Para a presente edición tamén recibiu o apoio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, financiado con fondos europeos Next Generation, que se suma ao evento a través do Programa Kit Dixital do Goberno de España.

← Volver

O FICBUEU convertirase no primeiro festival galego de cinema con ludoteca gratuíta para facilitar a conciliación

FICBUEU

O novo servizo atenderá a menores de 3 a 10 anos e estará dispoñible polas tardes, entre o 11 e o 16 de setembro, no Centro Social do Mar de Bueu

03.09.2023. Seguindo a estela de grandes festivais internacionais de cinema coma Berlín, Cannes ou San Sebastián, e na liña do seu compromiso social, o Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, convertirase nesta edición nun evento a favor da conciliación familiar coa creación dunha ludoteca para nenas e nenos de 3 a 10 anos. O seu obxectivo é facilitar a asistencia de nais e pais ás proxeccións das curtametraxes programadas e tamén ás actividades culturais relacionadas co certame, que terá lugar entre o 8 e o 23 de setembro na vila pontevedresa.

Este novo servizo é pioneiro nos festivais de cinema que se celebran en Galicia e conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta. «A experiencia e o contacto co noso público habitual dinos que en moitas ocasións a súa presenza no festival está condicionada por ter que coidar das e dos menores ao seu cargo. Por iso impulsamos esta nova iniciativa, para favorecer a igualdade no acceso á cultura», sinalan dende a organización do FICBUEU.

A ludoteca será gratuíta e disporá de 15 prazas, que se cubrirán por orde de chegada. Estará ubicada no Centro Social do Mar de Bueu –o recinto onde se celebra cada ano o certame– e abrirá dende o luns 11 setembro ata o sábado 16, de 17.30 a 21.00 horas. O espazo de ocio deseñado para a rapazada estará supervisado por persoal do FICBUEU e disporá de xogos (algúns deles feitos e cedidos pola Asociación Juan XXIII de Cangas), contos e libros, actividades creativas e tamén zona de descanso.

Con este servizo, as familias poderán desfrutar da programación do festival dirixida ao público de máis idade coa tranquilidade de que a cativada estará ben coidada, entretida «e compartindo tempo en grupo». «A conciliación é un tema recorrente, pero case sempre esquecido se falamos de ocio e actividades culturais para persoas adultas. É importante concienciar e facelo con feitos», afirman dende a organización. 

Curtas, coloquios, música ou radio

O FICBUEU, que amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema de autor, celebrará a súa 16ª edición coa proxección de 89 curtametraxes dunha trintena de países dos cinco continentes, das que 28 participarán na «Sección Oficial». A selección de curtas complétase coas que se poderán ver nas categorías «GZ_00», «Escolas Internacionais», «Descubertas», «Retrospectiva» (dedicada este ano ao realizador holandés de curtas documentais Joris Ivens), «Escolas Galegas» e «Curtas en Familia». Tamén haberá coloquios con cineastas, charlas e clases maxistrais, concertos, obradoiros e programas de radio en vivo. 

A entrega de premios do FICBUEU 2023 terá lugar o sábado 16 (23.00 horas) no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. Un dos galardóns será o Premio Cinema Galego FICBUEU, que nesta edición se outorgará a Luisa Merelas, actriz de coñecidas series e películas como Pratos Combinados, Fariña, Los lunes al sol ou As bestas.




← Volver

O FICBUEU homenaxea este ano a Joris Ivens, pioneiro do cinema documental con conciencia social

FICBUEU

I Unha retrospectiva amosará as facetas de poeta, militante, aventureiro e cronista de guerra do director holandés coa proxección de catro das súas curtametraxes máis emblemáticas: «Regen», «Borinage», «Indonesia Calling» e «Le ciel, la terre»

I O certame dedicará tamén a súa cuarta monografía á figura de Ivens, que rodou máis de medio centenar de películas nunha vintena de países

 

BUEU. 27.08.2023. O FICBUEU 2023 homenaxeará na súa 16ª edición a figura do realizador holandés Joris Ivens, un dos máis grandes documentalistas do cinema mundial de todos os tempos. O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará entre o 8 e o 23 de setembro, dedicaralle unha monografía a Ivens –o CadernoFICBUEU#4– e a súa «Sección Retrospectiva», coa proxección de catro das súas curtametraxes máis representativas. 

O autor do CadernoFICBUEU#4 dedicado a Ivens, e programador do certame, Severiano Casalderrey, explica que «no festival buscamos dar a coñecer obras importantes do mundo das curtas e este ano escollimos a Ivens porque é un dos pioneiros do cinema documental e unha figura clave na historia». O FICBUEU aposta polo cinema de autor e as novas tendencias. E tamén pola divulgación cultural e cinematográfica. De aí a publicación dos cadernos e a inclusión da «Sección Retrospectiva» na súa programación.

A ollada que documentou os cambios e as crises do século XX

Ivens (Nimega, 1898-París, 1989) foi testemuña coa súa cámara dos máis importantes cambios sociais, crises, guerras e revolucións do século XX. A súa filmografía abarca máis de medio centenar de películas, rodadas durante seis décadas: dende a súa primeira curtametraxe, o western A frecha ardente, que fixo co seu pai cando só tiña 13 anos, ata a última, Unha historia de vento, sobre China e que filmou pouco antes da súa morte.

Caderno e retrospectiva van da man no FICBUEU. A publicación, titulada A expansión do documental a través das curtametraxes de Joris Ivens (1898 – 1989), presentarase no Centro Social do Mar de Bueu o sábado 16 (11.30 horas) e estará á venda na páxina web do FICBUEU e durante o certame. Nela dedícanse catro capítulos a subliñar outras tantas facetas do director holandés. 

A primeira é a de «cineasta poético», influenciado polas vangardas artísticas de principios do século pasado. Desa época data a curta que abrirá a proxección da «Sección Retrospectiva», que terá lugar o domingo 17 (18.00 horas). Trátase de Regen, de 1929, unha exploración abstracta, experimental e lírica  dos efectos da chuvia nunha cidade moderna coma Ámsterdam. 

Crítico e comprometido

Outro dos aspectos que se abordarán nesta aproximación a Ivens é a súa vertente activista. O cineasta, de ideoloxía comunista desde que nos anos 30 vivira un tempo na Unión Soviética, achegou unha mirada comprometida na historia do documental, sempre desde o punto de vista dos pobos en loita contra a opresión do sistema. De feito, a conciencia social foi o motor permanente da súa vida –sirva de exemplo que uns días antes de morrer participou en París, aos 91 anos, nunha multitudinaria protesta contra as masacres da Praza de Tiananmen– e tamén da súa produción audiovisual. «A súa militancia está moi reflectida nas súas obras –apunta Severiano Casalderrey– e sempre atopamos algún elemento crítico nas súas películas». A que se verá no certame é Borinage (1933), curta sobre as folgas mineiras en Bélxica, na que Ivens denunciou a miseria e a explotación proletaria.

O holandés errante

O público do FICBUEU tamén poderá descubrir a faceta aventureira e viaxeira deste director, «unha persoa inqueda, sempre de aquí para aló», que rodou nunha vintena de países dos cinco continentes, e que se representa na terceira peza incluida na proxección, Indonesia Calling (1947). Con esta película Ivens apoiou aos independentistas deste país asiático cando aínda era unha colonia holandesa. «Foi repudiado polo seu propio país durante vinte anos por este documental, e iso acrecentou o concepto que se tiña del de holandés errante», sinala Casalderrey.

A última faceta que explorará o FICBUEU da figura de Ivens é a máis xornalística: a de cronista de guerra. O realizador holandés filmou case todas: a Guerra Civil Española (no documental Terra de España, de 1937, coa voz narradora de Ernest Hemingway e a colaboración de Orson Welles), a Segunda Guerra Mundial, a Revolución Cubana ou a Guerra do Vietnam, escenario de Le ciel, la terre, que rodou en 1966 e pecha a «Sección Retrospectiva» do Festival. «As súas imaxes dos principais conflitos son un retrato do pasado século arredor do mundo», resume Casalderrey de Joris Ivens, quen asentou sempre o seu traballo na importancia da función social do cinema, así como na honestidade, a liberdade ideolóxica e a busca da verdade como condicións esenciais do documentalista.

← Volver

As entradas para o FICBUEU2023 xa poden comprarse a través da páxina web do Festival

FICBUEU

| O certame buenense crea o seu despacho de billetes electrónico para reducir drasticamente o uso de papel

| Os billetes tamén poderán adquirirse de forma presencial a partir do día 4 de setembro no Centro Social do Mar

 
As entradas e abonos do FICBUE pódense comprar online

BUEU. 25.VIII.23. Desde este mediodía, as entradas e abonos para desfrutar das películas do Festival Internacional de Cinema de Bueu xa poden comprarse a golpe de click. Basta con acceder á tenda en liña do Festival, elixir unha ou varias sesións, escoller asentos, e proceder a pagar con tarxeta de crédito. As persoas que prefiran comprar as súas entradas directamente no despacho de billetes poderán facelo a partir do próximo 4 de setembro. A décimo sexta edición do FICBUEU celébrase entre os días 8 e 23 do vindeiro mes. 

O despacho electrónico de billetes é unha das novidades do Festival en 2023. A Asociación FICBUEU, organizadora do evento, aposta pola dixitalización do seu proceso de venda de entradas e reducir drasticamente con iso o consumo de papel.  Ao efectuar a compra en liña, a seguidora ou seguidor do evento recibirá no seu correo electrónico o xustificante e o código ou códigos QR correspondentes á sesión ou sesións elixidas. Para entrar nas proxeccións do Festival, só haberá que amosarlle ás persoas encargadas de facilitar o acceso o código QR asignado.

As persoas que prefiran comprar as súas entradas fisicamente poderán facelo no Centro Social do Mar entre o 4 e o 7 de setembro, das 18 ás 20 horas. Ademais, e xa durante o Festival, o despacho de billetes do Centro Social do Mar estará aberto  unha hora antes de cada sesión.

Entradas a 3 euros, abonos a 15

As sesións de proxección de curtametraxes do FICBUEU 2023 celebraranse en dobre horario de tarde e noite: ás 19.30 horas e ás 21.30 horas. O custo das entradas para cada sesión é de 3 euros. Os abonos dan dereito a asistir a todas as sesións (6) dunha mesma franxa horaria. O seu custo é de 15 euros. A merca de abonos supón un aforro do 20% con respecto á compra de entradas para as 6 sesións.

Ademais, desde o despacho electrónico de billetes do FICBUEU poderán retirarse entradas reservando butacas numeradas a custo cero para as 7 proxeccións e eventos de carácter gratuíto.

← Volver

O FICBUEU quenta proxectores con dúas sesións de cinema na praia na noite deste mércores

FICBUEU

BUEU. 22.08.2023. Este mércores pola noite, a praia da Banda do Río, en Bueu, convértese nunha sala de cine. O Festival Internacional de Cinema de BUEU, o FICBUEU, proxectará en dúas sesións e a partir das 22 horas algunhas das mellores curtametraxes que formaron parte da súa programación nas últimas edicións. A escolma das películas fíxose arredor dun eixo temático: o verán e as viaxes. Dende a Praia da Bando do Río, o público poderá percorrer o estío do mundo a través do cinema.

A praia da Banda do Río, en Bueu, acollerá as proxeccións do FICBUEU

As proxeccións están organizadas en dúas sesións: unha con filmes recomendados para todos os públicos, a partir das 22 horas; e unha segunda que comeza ás 23 horas e na que se proxectarán curtametraxes recomendadas para maiores de 16 anos. As organizadoras suxírenlle ao público que leve cadeiras, mantas, toallas ou elementos de apoio para acomodarse durante os pases de curtas no areal.

Un Festival para un territorio

A promoción da cultura e do territorio no que se desenvolve o Festival, Bueu e a bisbarra do Morrazo, son dúas das razóns de ser do FICBUEU. De aí a organización destas proxeccións, que veñen sumarse ás actividades que a Asociación FICBUEU, que organiza o Festival, desenvolve durante o ano enteiro tanto para en materia de divulgación cultural coma de apoio ás creadoras e creadores.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu chega aos seus días grandes a partir do vindeiro 8 de setembro. O seu público poderá coñecer as tendencias mundiais máis recentes en materia de cinema de autor. Proxectaranse 89 películas chegadas de 30 países dos cinco continentes. Algunhas delas chegan a Bueu logo de pasaren por grandes eventos mundiais de cinema coma os Premios Oscar (EE.UU) ou o Festival de Cannes (Francia).  As entradas para a vindeira edición do FICBUEU poderán ser mercadas por internet a partir dos vindeiros días.

 
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content