Bases FICBUEU 2019 -

O 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu celebrarase do 6 ao 14 de setembro de 2019 na localidade de Bueu, e terá como obxectivo a proxección e promoción das mellores curtametraxes realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional.

O festival está organizado pola Asociación Cultural FICBUEU.

PARTICIPACIÓN E CONDICIÓNS TÉCNICAS

A participación está aberta a todas as obras estreadas a partir do 1 de xaneiro do 2018, podendo concorrer creadores/as de calquera nacionalidade sempre e cando teñan cumprido 18 anos de idade.

Poderán presentarse obras de calquera xénero, cunha duración máxima de 30 minutos (títulos de crédito incluídos). Cada participante poderá presentar tantas obras como desexe.

No serán admitidas as curtametraxes que xa se presentaron en edicións anteriores.

Aquelas curtametraxes nas que o idioma non sexa o galego ou o castelán deberán ter subtítulos nalgún deles ou en inglés.

A película poderá estar rodada en calquera formato, sendo a única exixencia posuír unha copia dixital para a súa proxección.

A organización resérvase o dereito de rexeitar unha obra por mala calidade da imaxe ou son.

Todas as curtametraxes participantes deberán contar coas autorizacións e cesións de dereitos de autor e de outros titulares de obras preexistentes e orixinais que se incorporen nas mesmas. Neste sentido, as/os participantes garanten que as curtametraxes non vulneran ningún dereito de explotación, nin dereitos de honra, intimidade e imaxe, nin dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial e/ou calquera outros dereitos de terceiros, e que non vulneran a lexislación vixente. A organización do festival declina toda responsabilidade legal sobre as películas presentadas a concurso e o seu contido.

As obras que non cumpran algún destes requisitos serán descartadas.

Salvo petición expresa do festival, non se aceptará a recepción de obras fóra da plataforma shortfilmdepot.com.

Unha vez presentada a película e aceptadas as bases, se esta fose seleccionada nunha sección non competitiva non poderá ser retirada da programación nin esixir diñeiro pola súa exhibición.

INSCRICIÓN E DESENVOLVEMENTO DO FESTIVAL

As curtametraxes deberán enviarse a través da plataforma shortfilmdepot.com, onde se especifican as condicións de envío.

As obras poderán enviarse ata o 15 de abril de 2019 ás 14:00h hora local (UTC/GMT +1 hora).

O material enviado terá consideración de material privado e so será accesible pola organización do festival e os seus colaboradores.

De entre todas as curtametraxes recibidas serán seleccionadas:

  • Sección Internacional
  • Sección Panorama
  • Sección Galicia*
  • Sección España
  • Sección Experimental
  • Sección Xuvenil
  • Sección Infantil
  • Sección Escolas Galegas

* Considerarase como curtametraxe galega toda aquela que cumpra algúns dos seguintes requisitos:

  • Teña como lingua orixinal o galego.
  • Sexa producida por unha empresa galega
  • Máis do 70% do equipo estea composto por persoas galegas.
  • Se se trata de realizadores en etapa de formación, aceptarase a obra de calquera persoa nacida ou residente en Galicia, que dirixira unha obra nunha entidade académica ou formativa.
  • Eventualmente, o festival poderá admitir unha obra que pola súa especial relación coa cultura de Galicia, así o aconsellara.

Todas as obras presentadas competirán por entrar na Sección Internacional. Unha vez dita sección sexa completada, configuraranse o resto de seccións. As sesións terán unha duración aproximada de 80 minutos.

As obras seleccionadas proxectaranse un máximo de 3 veces durante o festival.

A selección das obras participantes no FICBUEU 2019 será anunciada vía correo electrónico ao longo do mes de xuño.

As persoas seleccionadas enviarán dixitalmente un arquivo cun EPK (Electronic Press Kit) composto de:

  • Teaser da súa obra a efectos de promoción.
  • Cartel promocional e tres fotogramas ou fotografías (300 ppp) representativas da película.
  • Sinopse en castelán e inglés.
  • Fotografía do director/a (300 ppp).
  • Filmografía do director/a.
  • Palmarés da película.
  • Web e redes sociais da película.
  • Información de se a película xa foi estreada en España e Galicia.
  • Clasificación de idades.

 

Para confirmar a súa participación no festival terá que enviar dixitalmente o material solicitado antes do 1 de xullo ás 14:00h hora local (UTC/GMT +1 hora).

A organización resérvase o dereito de descartar unha obra por falta de materiais ou documentación requiridos.

As/os participantes autorizan á organización do Festival o uso de dito material para a súa difusión en calquera medio de comunicación co fin de promover o Festival. Así mesmo, o Festival poderá utilizar fotografías das películas e das/dos directoras/es, en prensa e outros medios de comunicación, así como para a elaboración do catálogo do Festival. O envío do extracto supón a aceptación da totalidade destas condicións.

XURADO

A Asociación FICBUEU designará tanto ás persoas do Comité de Selección, como ás que integrarán o tres xurados que outorgarán os premios.

Xurado Internacional: Terá carácter internacional e paritario, estando composto por un mínimo de tres persoas. Outorgará as Ánforas de Ouro e Prata, así como os premios técnicos.

Xurado Nacional: Terá carácter internacional e paritario, estando composto por un mínimo de tres persoas. Outorgará os premios a Mellor curtametraxe galega e  Mellor curtametraxe española.

Xurado Escolas: Terá carácter internacional e paritario, estando composto por un mínimo de tres persoas. Outorgará os premios á Mellor curtametraxe de facultades e escolas, a Mellor curtametraxe de ensino secundario e a Mellor curtametraxe de educación especial, infantil e primaria.

O xurado terá liberdade para deixar unha categoría deserta ou entregar un premio ex aequo. No caso de outorgar un premio, con dotación económica, de modo ex aequo, a cantidade repartirase ao 50%.

PREMIOS

As curtametraxes participantes na Sección Internacional optarán aos seguintes galardóns:

Primeiro premio “Ánfora de ouro”: 2.000 € e trofeo.
Segundo premio “Ánfora de prata”: 1.000 € e trofeo.
Premio do público: 500 € e medallón.

Mellor dirección: Medallón.
Mellor guión: Medallón.
Mellor actriz: Medallón.
Mellor actor: Medallón.
Mellor fotografía: Medallón.
Mellor dirección artística: Medallón.
Mellor vestiario: Medallón.
Mellor maquillaxe/peiteado: Medallón.
Mellor son: Medallón.
Mellor montaxe: Medallón.
Mellor música: Medallón.

 

Mentres que algunha das outras seccións, ademais de optar ao Premio do público, teñen os seus premios específicos:

Premio mellor curtametraxe galega*: 500 € e medallón.

Premio mellor curtametraxe española: 500 € e medallón
Premio do público: 500 € e medallón.
Mellor curtametraxe de escola: 250 € e medallón.
Mellor curtametraxe de educación secundaria: 150 € e medallón.
Mellor curtametraxe de educación especial, infantil e primaria: 150 € e medallón.

A dotación económica do premio entregarase exclusivamente á persoa/entidade que faga a inscrición da película.

As compañías produtoras e distribuidoras das películas que resulten premiadas no festival comprométense a permitir a súa proxección gratuíta, durante os doce meses seguintes ao festival, en todas aquelas actividades de carácter promocional e gratuíto que realice o festival, así como na sección especial que se habilitará no canal R Televisión e ao que terán acceso de visionado os clientes da nosa entidade patrocinadora R Cable y Telecomunicaciones, durante un período máximo dun mes. Estas proxeccións serán sempre comunicadas previamente aos autores e propietarios das obras.

Os premios dotados economicamente están suxeitos á súa correspondente retención fiscal.

Os premios en metálico outorgados polo festival apóianse economicamente, de forma directa, en axudas recibidas de diferentes administracións públicas e/ou privadas, polo que o pago dos mesmos pode demorarse ata tres meses.

INVITADOS AO FESTIVAL

O festival convidará a un representante de cada unha das curtametraxes seleccionadas para as seccións Internacional, Galicia e España. No caso de non asistir a presentación da película e gala de clausura, a curtametraxe manteríase na programación, pero non podería optar aos premios económicos.

Unha vez determinados os días de permanencia no festival, coa conseguinte reserva de voo e aloxamento, non se poderá modificar baixo ningún concepto, senón a película quedaría totalmente fóra do palmarés. No caso de que por razón de forza non puidera asistir, deberá xustificalo.

ACEPTACIÓN DAS BASES

A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.

A organización do Festival Internacional de Curtas de Bueu resolverá ó seu xuízo inapelable, calquera eventualidade non especificada nestas bases.

As presentes bases estarán dispoñibles en galego, español e inglés. Para calquera dificultade na interpretación, o texto de referencia é o galego.

Para calquera dúbida ou información: +34 986 32 41 91 (En horario de 9:30h a 17:00h) ou info@ficbueu.com

PROTECIÓN DE DATOS

De conformidade co disposto na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal (en adiante, a “LOPD”), infórmase ó PRESENTANTE de que os datos facilitados con motivo da inscrición da curtametraxe no FESTIVAL e calquera outros que en diante aporte en conexión coa participación de dita curtametraxe no FESTIVAL, serán incorporados para o seu tratamento a un ficheiro titularidade da Entidade FICBUEU, debidamente inscrito ante a Axencia Española de Protección de Datos, coa finalidade de xestionar e publicitar a participación da curtametraxe no FESTIVAL. A entrega de información requirida sobre datos persoais terá o carácter de obrigatoria e a súa falta de subministro ou o subministro de datos incorrectos imposibilitarán que poida xestionarse a participación da curtametraxe no FESTIVAL. Calquera modificación que poida producirse nos datos de carácter persoal facilitados deberá ser posta en coñecemento do responsable do ficheiro por parte do titular dos mesmos, que responderá en todo caso da veracidade e exactitude dos datos subministrados en cada momento. En caso de que se subministren datos de terceiros, a persoa PRESENTANTE declara contar co consentimento dos titulares dos mesmos para a citada comunicación de datos. Se desexa exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición, a persoa PRESENTANTE e/ou calquera outra interesada pode dirixirse por escrito nos termos e condicións previstos na LOPD á seguinte dirección postal:

FICBUEU – Montero Ríos 191 Baixo – 36930 – Bueu (Pontevedra)