
Bueu, 10/ 01/ 2025 – Shortcutz Amsterdam invita un ano máis ao público do FICBUEU a participar na elección da curtametraxe holandesa favorita do público.
Shortcutz Amsterdam é un movemento internacional de curtametraxes que se converteu nunha das maiores plataformas dos Países Baixos para o cinema neerlandés. Esta plataforma brinda oportunidades de exhibición e conecta audiencias nacionais e internacionais facilitando as conexión entre profesionais da industria para o talento emerxente. Un ano máis propón, en colaboración con outras institucións e festivais de todo o mundo, unha selección de curtametraxes que proxectaremos no Centro Social do Mar. O noso público participará como xurado popular internacional na escolla da curtametraxe neerlandesa favorita do ano.
O sábado 18 de xaneiro ás 21:00h o FICBUEU acollerá a proxección dos seis filmes que optan ao premio. O evento terá lugar no Centro Social do Mar de Bueu, para asistir é preciso mercar entrada a través da tenda web do festival (www.ficbueu.com/tenda) ou no despacho de billetes do auditorio da vila o mesmo día da proxección a partir das 20:00h.
A organización proporcionará á audiencia papeletas para participar na votación global e escoller a mellor curtametraxe. A gañadora do Premio do Público revelarase na cerimonia de entrega de premios do 12º Shortcutz Amsterdam o 19 de xaneiro de 2025.
AS CURTAMETRAXES
Os filmes que conforman a sesión foron seleccionadas polo xurado de Shortcutz Amsterdam, con personalidades destacadas da industria cinematográfica como o produtor Jan Harlan (‘The Shining’), Christopher Mack de Netflix International Originals, a actriz Elise Schaap (‘Ferry’), o director Roel Reiné (‘Marvel’s Inhumans’), a actriz Willeke van Ammelrooy (‘Antonia’s Line’), o director Eddy Terstall (‘Simon’), o programador sénior de Eye e xefe de adquisicións René Wolf e o artista Laser 3.14.
Este equipo escolleu un total de seis curtametraxes de diferentes xéneros entre as que se atopa a futura gañadora do Premio á Mellor Curtametraxe Neerlandesa de 2024.






· LET ME IN, Aramis García González | Ficción | 10’00’’
Despois dunha discusión coa súa nai e o seu padrasto, Emre, de 24 anos, marcha furioso. Un ano despois, volve chamar á porta. Quere volver á casa como sen non tivera pasado nada. Pero a súa nai non o deixa entrar facilmente, e comeza unha difícil conversa a través do interfono. Emre intenta de todo para que o deixen entrar, pero non consegue ofrecer unha desculpa sincera.
· BEHIND THE REFLECTION, Jelle Tichelaar | Documental | 16’39’’
En Behind the reflection, persoas de diferentes idades e orixes pasan media hora mirándose a si mesmas no espello. Vemos o que eles non ven, como se miraramos a través da parte traseira do espello. Comparten observacións sobre si mesmos e as súas experiencias de incomodidade, tristeza, confrontación e felicidade.
· IL FAIT BEAU, Leonardo Cariglino | Ficción | 19’00’’
O xove expatriado francés Jean vive illado e alienado do contacto humano, pero unha agarimosa mensaxe de voz da súa nai impúlsao a saír. Entón descubre a Sara detrás dos estantes do bar FEBO, e comeza unha historia de amor.
· LUNATIC, Robin Noorda | Experimental | 16’00’’
O filme aborda temas urxentes da Terra, vistos a través dos ollos dun solitario astronauta chamado Antonio, que foi abandonado na Lúa despois de revelar a súa orientación sexual.
· MAGMA, Luca Meisters | Ficción | 14’56’’
O mundo de Esra (9), unha nena introvertida pero apaixoada, púxose pata arriba. O seu pai quedou discapacitado despois dun accidente de moto e, como resultado, tiveron que mudarse. Lidiando coas súas limitacións, o pai de Esra xa non é o home que ela coñecía. Na súa nova escola, Esre conta unha mentira que xera moita atención positiva, pero non pode prever as consecuencias. A dor, a rabia e a vergoña que ferven dentro dela inevitablemente sairán á superficie.
· TIDE, Roxanne Stam | Ficción | 20’00’’
Nun día raro fóra da casa co seu pai, Nola (8) devece por pasar un tempo de calidade, pero Kurt (45) parace máis enfocado en coquetear que en ser pai. A súa viaxe á praia comeza coa emoción de Nola e un agasallo sincero, unha pulseira deita á man, pero rapidamente se volve amargo cando a atención dispersa de Kurt e a súa actitude despreocupada chocan coa necesidade de conexión da súa filla.