Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility .FIC2022 arquivos • FICBUEU

Catro novas e novos cineastas desenvolven dende hoxe os seus proxectos de películas na I Residencia FICBUEU na Illa de Ons 

← Volver

Catro novas e novos cineastas desenvolven dende hoxe os seus proxectos de películas na I Residencia FICBUEU na Illa de Ons 

FICBUEU

A guionista Isabel Peña titoriza a formación, e un dos catro proxectos de guión optará a ser producido pola produtora galega Nortecatro Cinema

Participan  as directoras Alicia Úbeda e Ángela Andrada, ambas da Coruña, e dous directores: Jordi Sanz, de Barcelona, e Pablo Vilas, de Tenerife

BUEU. 09.10.23. Catro novas e novos cineastas traballan dende hoxe e ata o vindeiro sábado na Illa de Ons para desenvolver os seus próximos proxectos de películas. Fano baixo a titoría dunha das guionistas máis laureadas no cine español nos últimos tempos, Isabel Peña. É autora dos libretos de películas coma As bestas ou El reino –coas que gañou senllos Premios Goya–, StockholmQue Dios nos perdone, ou de series coma Antidisturbios.

Da Illa de Ons, un dos lugares máis singulares e paradisíacos do municipio de Bueu e de toda Galicia, sairán os alicerces para a produción de catro novas curtametraxes de novas autoras e autores que pasaron un proceso de selección con 120 proxectos aspirantes. Na I Residencia FICBUEU  desenvolveranse catro proxectos de dúas directoras, Alicia Úbeda e Ángela Andrada, ambas da Coruña, e dous directores: Jordi Sanz, de Barcelona, e Pablo Vilas, de Tenerife. 

O FICBUEU organiza actividades de difusión cultural e das novas linguaxes de cinema auroral durante todo o ano. Traballa con colectivos culturais, centros de formación da contorna ou diferentes colectivos sociais. Coa Residencia, un programa que terá carácter anual, quere colaborar tamén co desenvolvemento de novos proxectos cinematográficos. 

Ao remate da Residencia, un dos catro proxectos de guión optará a ser producido pola produtora galega Nortecatro Cinema. O co-director do FICBUEU, Manuel Pena, explicou durante a presentación do proxecto no transcurso do Festival: «Dende hai tempo viñamos facendo clases de guión e pequenos cursos de rodaxe, pero queriamos ter un gran programa profesional e completo de apoio a ideas dende o seu inicio, co que se vexan resultados. Por iso imos intentar que un dos proxectos sexa realidade e pechar o círculo». 

O programa, no que o Festival comezou traballar hai dous anos, conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC).

Titorías personalizadas

A primeira Residencia FICBUEU permitirá aos catro finalistas mellorar a calidade e a viabilidade das súas ideas, fornecendo a súa visión, linguaxe e ton personal, ademais de adquirir os recursos necesarios para obter unha perspectiva multidisciplinar do proceso de produción. A metodoloxía que empregarán estará baseada nas titorías personalizadas, as formacións específicas e nas actividades prácticas conxuntas (mesas redondas e encontros one to one) que favorecerán a cooperación e posta en valor de perspectivas diversas. 

Ademais de Isabel Peña, traballarán tamén cos residentes a doutora, guionista e antropóloga Carmen Ávalos, quen abordará o guion desde a perspectiva de xénero; Pablo Lamosa, director de Cormorán VFX, quen afondará nos recursos orientados á mellora dos aspectos visuais dos proxectos; e a profesora e investigadora Elena Neira, quen dará a coñecer as novas vías de distribución para o cinema.

Calidades e variedade dos proxectos 

Na I Residencia  desenvolveranse catro proxectos que destacan por cadansúa calidade e que parten de perspectivas e obxectivos moi diferentes.

Alicia Úbeda participará con Garabato, un proxecto de curtametraxe autobiográfica sobre dúas irmás de 14 e 7 anos que coidan dunha nai alcohólica. 

Avisa cuando llegues é a proposta da guionista Ángela Andrade, a historia dunha moza de 21 anos que quere recuperar a súa vida, superar o medo e volver saír a divertirse seis meses despois de sufrir unha agresión sexual. 

Jordi Sanz, pola súa banda, foi elixido por Sismes, unha peza coa que explorará a memoria e os recordos a través dunha muller divorciada que regresa dez anos despois á illa volcánica onde pasou a súa lúa de mel e ten a obsesión de gravarse en vídeo para recrear as imaxes nas que só aparecía o seu ex marido. 

Barranco sin fondo é a proposta que Pablo Vilas quere desenvolver para contar a historia dunha adolescente que recorre cun dron os barrancos preto da súa casa e atopa un cabrito que quere adoptar.

A I Residencia FICBUEU conta coa subvención do Ministerio de Cultura y Deporte e o patrocinio Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
  • O FICBUEU programa a súa primeira Noite de festivais en colaboración con outros certames internacionais

    Bueu, 20 de novembro de 2024 – O próximo 30 de novembro terá lugar no Centro Social de Bueu a primeira “Noite de festivais”. Un evento organizado polo FICBUEU baixo o seu programa de colaboracións internacionais no que achegarán ao público catro curtametraxes procedentes doutros catro certames.  As curtametraxes foron propostas polo Edimburgh Short Film […]

    2024-11-19
  • O FICBUEU colabora este mes con diferentes festivais europeos

    Bueu, 4 de novembro de 2024 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) desenvolve a súa labor de posta en valor da curtametraxe máis aló do evento que cada no se realiza en Bueu.  Logo da 17ª edición do FICBUEU as diferentes actividades programadas para este 2024 seguen en marcha coincidindo este mes […]

    2024-11-04
  • CINCO CINEASTAS DESENVOLVEN DESDE HOXE CATRO PROXECTOS DE PELÍCULAS NA II RESIDENCIA FICBUEU NA ILLA DE ONS

    BUEU. 16.10.2024. Cinco novas cineastas traballan desde hoxe e ata o vindeiro martes na Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) no desenvolvemento dos seus próximos proxectos cinematográficos baixo a titoría de consolidadas expertas do sector audiovisual. A guionista e directora da premiada cinta 20.000 especies de abejas, Estíbaliz Urresola, lidera as formacións. As e os participantes, […]

    2024-10-16
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Ir o contido